O CLUB DE LECTURA EN TEMPOS DE PANDEMIA

O club de lectura de adultos “Fraga de Novio” tivo a segunda xuntanza neste curso tan complicado coa intención de manter certa normalidade, se temos como normal as distancias sociais, o uso de máscaras ou as videoconversas con compañeiros.

En tempos de pandemia, o libro que lemos remitiunos a outra pandemia do século XX, a cal non aparece nos medios pero aí segue matando persoas por todo o mundo, a pandemia do SIDA. O cómic Píldoras azules visualiza e normaliza ás persoas seropositivas, alonxando o medo ao descoñecido que todos tiñamos nos primeiros anos nos que surxiu a enfermidade.

O cómic de Frederik Peeters ten uns trazos sinxelos pero cheos de simbolismos, mostrando sobre todo, unha fermosa historia de amor.

Colaborando pola lectura e o servizo público

Alá polo verán, recén rematado o confinamento, recibimos unha chamada da biblioteca municipal. Querían dar un servizo público aos centros e mercar exemplares dos libros que o alumnado podería precisar para o novo curso. Que mellor forma de optimizar os recursos! Promover a lectura e seguir tendendo pontes entre os axentes de lectura da comunidade! E aquí están, na biblioteca do Son, as nosas propostas de compra. Moitas grazas ao Concello e a Xosé Manuel, por termar desta colaboración e por contar connosco. Xa sabedes, non só están na biblio do centro, podedes pasar por alí para pedilos en empréstito. Só unha condición: facer o carné.

Con Núñez Singala e Instrucións para tomar café

Onte, por fin!, puidemos ter o encontro con Manuel Núñez Singala para charlar con el sobre a súa obra Instrucións para tomar café. A actividade estaba prevista para abril do 2020 pero o confinamento obrigou a adiala para este comezo de curso que segue a ser estraño e incerto.

Enmarcada nos Encontros Literarios promovidos pola Dirección Xeral do Libro e o Fomento da Lectura do Ministerio de Educación, permitiu ao alumnado de 2º de bacharelato coñecer as claves do proceso creativo desta obra de relatos que nos leva, con humor, á reflexión sobre nós mesmos, sobre a nosa idiosincrasia como pobo. A xenerosidade de Singala permitiu salvar os estritos protocolos ao dar dúas sesións!

Sendo o autor o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, cunha longa traxectoria na análise da realidade sociolingüística do galego, non puido faltar o debate sobre a lingua.

A charla complementa o traballo realizado polo alumando sobre a obra. Este consta de dúas partes: a primeria, con cuestións de análise crítica e recreación, e a segunda, dirixida a pensar sobre os galegos que queremos ser, cunha achega a Isaac Díaz Pardo e o papel que tivo o Laboratorio de Formas como modelo de empresa avanzado e identitario. Poñemos un pé na conmemoración do centenario do intelectual e empresario, que será obxecto de proxectos noutros niveis á volta de Nadal, e avanzamos no estudo sociolingüístico. Os momentos de crise sempre foron bos para mirar cara adiante e abrir novos camiños! Quen mellor que os mozos e mozas para botarse a andar!

Frazer de novo no IES

Esta mañá vimos de contar outra vez coa maestría de Ricardo Frazer, unha das actividades complementarias habituais que organiza o Departamento de Lingua castelá e Literatura coa colaboración da Biblioteca. As limitacións do protocolo non impediron volver a disfrutar do ben facer deste profesional. Desta volta, adaptándose á nova situación, o actor deunos consellos de interpretación a través da pantalla cunha charla por meet. Aínda que a cámara estaba polo medio, puidemos sentir a súa cercanía. Explicounos como modular a voz, como manexar o timbre, como enfrentarnos a un texto, como manexar os silencios e a improvisación, pero sobre todo amosounos o poder da palabra.

Puidemos escoitar a León Felipe, a Pablo Neruda e a Antonio Machado. No seu poema “Retrato” Ricardo Frazer ponlle a voz a este poeta do 98, onde se ispe para falarnos de si mesmo, da súa poesía, da súa visón da vida e todo a través da palabra, da palabra poética.

Recursos transversais para tempos de colaboración

Comezamos. E facémolo procurando novos vieiros nos que a Biblioteca pode ser útil á comunidade educativa do noso centro. Nun deses camiños viñamos andando dende hai tempo, a creación de materiais de uso interdisciplinario.

Neste setembro tan estraño, viramos o desalento en traballo en equipo. Conscientes das necesidades do centro e dos tempos que estamos a vivir, creamos na aula virtual a sección RECURSOS TRANSVERSAIS. ITI e Hábitos e Estilos de Vida Saudable unímonos para crear unha nova colección de fichas para aprender a manexar ferramentas TIC básicas, a Colección Ferramentas dixitais (partindo do dominio educativo @ieson.gal, explicamos como entrar e saír do correo de forma segura, a configuración e as aplicacións de G. Suite, como enviar un correo, como elaborar documentos google, etc.).

Hai uns anos comezaramos elaborando o material de Ferramentas Comúns de Aprendizaxe (como facer un esquema, como elaborar e presentar un traballo, como facer unha presentación, o uso dos dicionarios...). Vimos empregándoo no TIL e nas diferentes materias, principalmente do ámbito humanístico. Decidimos renomear este material como Colección de Competencia Comunicativa e aloxalo tamén nesta nova sección, xunto coa ferramenta didáctica de educación dixital Con brillo de cometa

Neste grupo de recursos transversais recóllese ademais A roda do tempo, proposta didáctica interdisciplinaria para traballar os maios elaborada polo noso compañeiro e colaborador do equipo, David Pérez Iglesias.

Podedes consultalo na aula virtual do IES de Porto do Son, é un recurso aberto. As fichas da colección de ferramentas dixitais publícanse como documentos pdf para descargar e como imaxes co enlace para compartir.

Nisto deu este tempo de espera no que as autoridades educativas non se decidían a dotarnos dos recursos humanos necesarios, enredadas como estaban en protocolos que non acababan de protocolarizar de forma definitiva e en decisións non tomadas coa suficiente previsión.

Agora toca seguir traballando. A pesar de…. Con ilusión!

 

Remate de tempada no club de adultos

Este curso tan raro rematou e con el tamén a tempada do club de lectura de adultos “Fraga de novio”. A última xuntanza tivo lugar con máscaras e con distanciamento social axeitado. Quen diría que veriamos con normalidade a principio de curso todo iso?

A última xuntanza foi ao redor do libro de Angelika Schrobsdorff, Tu no eres como otras madres. Máis que unha novela pódese dicir que son as memorias da propia autora, da súa infancia e adolescencia, do ascenso do nazismo e do holocausto xudeo. Todo isto, a través da súa nai.

Para o verán non temos tarefas pendentes, que cada quen lea o que queira para comentalo á volta en setembro.

Felices lecturas!

Investigando sobre o Día do Libro 2020 e a LIX

Na materia de ITI investigamos poñendo en práctica o aprendido. No Día do Libro propuxemos unha tarefa de para aprender por que se celebra o Día do Libro, a que país se adica este ano, que é iso da LIX, quen a promove…

 

Estes foron algúns dos libros que recomendaron na última cuestión:

Tanis I o Mocos de Lourenzo González (Fabián)

A evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly (Hugo)

After de Anna Tod (Carla)

 

 

23 de abril de 2020, tempo de… Compartir!

O equipo de biblio sumouse, con ilusión, á proposta do equipo directivo de participar nun vídeo compartindo as nosas lecturas, os nosos espazos para ler nestes días estraños. O ruxerruxe que sementou Ana Dapena foi tirando de nós, das mozas, dos mozos, do profesorado, de nais e pais…

Velaí van, por aquí, por Instagram, polo Facebook, por Whatsapp, as nosas fiestras ao mundo, os camiños que estes días, a través dos libros, nos levan máis alá!

Para todas e todos vós, neste 23 de abril de 2020! Entra, aquí: Compartir 

 

 

4º ESO A, lendo en familia dende o confinamento!

Loli, a nosa compañeira do equipo de biblio, propuxo ao alumnado da súa titoría ler, ler en familia, gravalo e… aquí temos as voces, as caras, os sorrisos! Mesmo a dun irmán que está ben lonxe!

Parabéns!!! Seguimos celebrando o DÍA DO LIBRO!!! 

Entra aquí para velo: Ler en familia dende o confinamento.

 

Lecturas no confinamento: guía de lectura de abril do 2020

Ao longo do día irán chegando os vídeos con recomendacións de lecturas do alumnado, de profas e profes,  nais e pais, irmáns e irmás… Compartirémolas convosco! Ana Dapena e Loli foron turrando de nós e puxéronnos a traballar! Xa veredes que chulos quedaron!

Onte publicamos no blog recursos para ler e celebrar a lectura: iniciativas de bibliotecas e asociacións que nos enchen de fiestras abertas!

Dende o equipo, seguimos o ronsel coa Guía de Lectura 2020: lecturas no confinamento. Lecturas para escapar pola ventá paraa todas as idades! Podes consultala e descargala aquí. BO DÍA DO LIBRO!