Unha tarde no deserto

A sesión de onte do Clube de Lectura volveu transportarnos ao mundo árabe como antes xa o fixeron os libros Palabras de caramelo e O Señor Ibrahim e as flores do Corán. Onte viaxamos á Meca da man de Rosa Aneiros, que nos achegou a historia do “inocente” Mohamed e as peripecias e ensinanzas da súa viaxe ao prinicipal santuario dos musulmáns. Este é un dos contos que podemos atopar n’O xardín da media lúa, un libriño que nos trae as lendas e historias das mil e unha noites, narracións orais que pasaron de xeración en xeración para seren contadas de moitos xeitos, tamén en galego. Mohamed ensinounos a superar con imaxinación e astucia os obstáculos e as artes de certos homes que provocan desconfianza nas xentes boas.

Da peregrinación á Meca volvemos sobre os nosos pasos para mergullarnos na dolorosa situación do Sahara. Mais fixémolo conducidos pola voz agarimosa e doce de Lalia, unha nena saharauí que vive nos campamentos de refuxiados en Alxeria soñando con voltar ao seu país. Lalia narra o que ve, o seu mundo, o real e o soñado, o que viviron os seus e os que ansia vivir ela no futuro, o cruel confinamento que vive ela e o seu pobo exiliado e a liberdade que sente cando pecha os ollos e pode ver o mar que baña o seu Sahara roubado.

Foron 14 minutos intensos nos que o silencio dos membros do Clube deixou paso á voz de Lalia, só atenuada polos sons da percusión e a guitarra árabes. Logo quixemos poñer por escrito no papel, nunha escrita colectiva e automática mediante a técnica do cadáver exquisito, as sensacións que nos impreganara esta curta que recomendamos.

LALIA

Tempo sen resolver,

Sahara é o nome que inspira o meu corazón.

As mulleres tamén poden ser redeiras.

A avoa facía os tés. Amargos, doces e suaves. Coma o amor, a vida e a morte.

Cando súa nai cantaba, a Lalia encantáballe.

Meu avó percorreu o deserto.

A imaxinación fai voar, ata chegar ó mar.

Ás veces a lúa agáchase porque ten vergonza.

e o sol aloumiña o mar e dálle unha aperta moi grande.

Deserto. Cálido. Mar.

No deserto hai haimas.

Os camelos teñen cara de profesores e nais que miran as estrelas.

As estrelas da noite enténdenme.

No campamento sopra o vento,

que forma tormentas de area.

Se pechas os ollos podes imaxinar calquera cousa.

Non queremos que os homes vaian á guerra.

Lembro moi ben as cancións que me cantaba a miña avoa.

Coa escusa de cantar, o tempo está a pasar.

Non choro cando miña nai me conta historias.

Para Lalia o seu é o deserto máis aburrido.

Aprendes cousas na escola.

Cando pecho os ollos vexo todo o que soño

e soño cunha escola na que hai espellos,

e cunha Flor. Rosa. Corazón. Rosa.

Lalia di que o mar é o como un deserto de auga.

Sen ter anestesia non se pode operar.

Mamá, quérote.

A súa avoa facía os tres tés: amargo, doce e suave. Coma o amor, a vida e a morte.

No mundo hai moitos países, eles queren ir para o seu país.

O Sahara non é un país que está afastado do mar.