Quotidiania delirante, de Miguelanxo Prado

De seguro que coñecedes a Miguelanxo Prado, sen dúbida  o autor máis relevante da banda deseñada galega. Pensade no Xabarín Club, do que moitos sodes socios; na serie de animación Os vixilantes do camiño, que protagoniza o porco bravo máis famoso da televisión; a Mansión dos Pampín, que moitos traballastes nas aulas de Ciencias Sociais por medio do Proxecto Terra; ou nos personaxes de Men in black, a serie de animación producida por Dreamworks, a factoría de Steven Spielberg. Se vos achegades pola biblioteca,  poderedes  atopar outros títulos de cómic como Trazo de Tiza, Os compañeiros. A orde de pedra ou Páxinas crepusculares. E se queredes coñecelo en persoa estamos de noraboa, pois  Miguelanxo achegarase ao noso instituto o vindeiro venres 30 de abril para falarnos máis polo miúdo da súa obra, da banda deseñada e dos seus proxectos máis inminentes.

Para comezar, deteremos en Quotidiania delirante, un álbum composto por pequenas historias que o debuxante Miguelanxo Prado comezou a publicar na revista humorística El Jueves ao longo de varios anos. En 1997 saíu o primeiro libro desta serie, que viu unha segunda entrega no ano 2000 e unha edición “integral” no ano 2003.

Segundo o autor, moitas das historias de Quotidiania Delirante sucedéronlle a el, aos seus familiares ou ás súas amizades e, aínda que recoñece que conteñen un chisco de esaxeración, son historias da vida cotiá, do día a día, que acontecen ao noso redor e que reflicten moitas das teimas da sociedade actual. Miguelanxo Prado achégase á realidade dende o compromiso social e dende unha perspectiva crítica do sistema que, xa se pode advertir nos propios títulos destes breves flashes de vida de tres ou catro páxinas que conforman as súas historias: “Funcionarios”, “Pon un dino en tu vida”, “Regalos de navidad”, “Compra a crédito”, “Pensión social”, “Publicidad”, etc. O consumismo insaciable, a tecnoloxía desmedida que desnaturaliza a vida, a utilización da imaxe da muller como obxecto sexual na publicidade, a burocracia incompetente, o poder dos cartos, a hipocresía, etc. son algúns dos temas que, con moitas doses de humor e ironía,  poderemos atopar nesta serie.

Dende o pasado mes de febreiro pódense descargar algunhas historias de Quotidiania delirante como cómic interactivo a través dun formato animado para iPhone e iPod Touch e a aplicación App Store de Apple. É o caso de “Meigas”, da que podemos ver un vídeo de demostración:

2 thoughts on “Quotidiania delirante, de Miguelanxo Prado

Os comentarios están pechados.