Coa poesía da man de Yolanda Castaño

Maio foi mes da poesía no noso instituto.

Serafín Marcos recreou para o alumnado de 1º da ESO a obra de Uxío Novoneyra, que volveu facerse música e voz con Xandobela para os rapaces e rapazas de 2º da ESO.

Días despois tocoulle a quenda aos mozos e mozas de 3º da ESO, que comprobaron con Carlos Negro que a vida que eles recoñecen son a materia poética dos versos de Makinaria.

E antes de que María Lado & Lucía Aldao, de quen teremos noticias na nosa canle Vinte Dez, pecharan o mes este pasado luns, Yolanda Castaño compartiu unha mañá co alumnado de 1º de bacharelato para tratar de convencelos de que a poesía non morde. E abofé que o conseguiu, porque outros compromisos fixeron que na sala fosemos quedando menos até gozarmos en familia dos versos recitados da poeta, a quen agradecemos o agasallo desa segunda hora de poesía íntima e próxima.

Vinte Dez Tv cóntao así.

yolanda castaño no ies porto do son from SonCine on Vimeo.

O Equipo de Vinte Dez Tv di:

Yolanda Castaño estivo con alumn@s de 4º ESO no IES. Falounos moito e con xentil xenerosidade da poesía, da súa, da das súas compañeiras de xeración, de autenticidade e entrega. Aquí vos vai un nadiña de case dúas horas de conversa, preguntas e recitados. Saiunos algo sobreexposto. Non foi culpa de Judith de 4º A, que filmou (grazas Judith): algún trasno dixital, seguro. Puxemos os textos, non todo o mundo pode escoitar.