Vai de medo!

Chega o Día dos Defuntos, e con el a noite na que os mortos regresan ao mundo dos vivos segundo a tradición do Samaín, unha vella festa pagán prerromana que entre nós se conserva acendendo lume en cabazas ou calacús, cocendo castañas con anís para as ánimas do purgatorio e outros espectros e alimentando candeas que flotan en cuncas de auga e aceite.

Por iso, o Clube da Lingua e a Biblioteca do IES de Porto do Son convócanvos a compartir as vosas máis inquedantes, misterioras e terroríficas historias no “Certame de Relatos de Medo”.

As bases que rexerán o concurso son as seguintes:

1. A temática xirará arredor de historias de misterio e terror que garden relación co mundo dos mortos, con sucesos inexplicables, sinistros e macabros protagonizados por seres do máis alá que esperten no lector a sensación de medo.

2. A extensión mínima dos traballos será dunha páxina e a extensión máxima de catro páxinas. Poderan ser textos mecanografados ou manuscritos.

3. Os relatos serán orixinais e inéditos e redactaranse en lingua galega.

4. Haberá tres categorías con cadanseus dous premios. Os premios poderán ser declarados desertos.

  • 1º ciclo da ESO.
  • 2º ciclo da ESO e PCPI.
  • Bacharelato e Ciclo.

5. A presentación de orixinais na Biblioteca rematará o venres 5 de novembro. Os traballos que se reciban despois deste día non entrarán no concurso.

6. O xurado estará integrado por cinco persoas, profesores/as e alumnos/as doo Clube da Lingua e a Biblioteca. A resolución do xurado darase a coñecer o venres 12 de novembro.

7. A  participación neste concurso implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación da obra presentada nas páxinas web da Biblioteca e do Clube da Lingua se se considera oportuno.

8. A participación nesta convocatoria implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas presentes bases.

Imaxe do cartaz tomada de heathenpride-aladecuervo.blogspot.com