"Píldoras azules" no Día Mundial da Sida

Que mellor momento que o Día Mundial da Sida para recomendar Píldoras azules!

Con esta obra Frederik Peeters situouse na primeira liña da historieta europea: Premio Jules Töpfler da Vila de Xenebra 2001, nominada ao Premio Alph´Art ao Mellor Álbum no Salón do Cómic de Angoulême 2002, nominación á Mellor Obra Estranxeira no Salón Internacional de Cómics de Barcelona 2005. Despois virían obras de relevancia  e maduración como Koma, Lupus e R.G.

Trala lectura, un fica cun agradable sentimento de admiración, de satisfacción e de agradecemento pola reflexión.

A obra parte dun xogo experimental motivado pola cavilación sobre as propias circunstancias vitais de Peeters: a súa relación con Cati e o seu fillo, ambos seropositivos. Iniciada case como unha “terapia pesoal”, acaba transformada nunha novela gráfica que nos achega ao mundo privado da SIDA e as relacións persoais.

Cunha mecánica marcadamente rítmica, “clic…, clac…,clic”, a convivencia entre os tres vaise  engraxando co amor, o respecto e a admiración. Peeters descóbrenos o ordinario dentro do extraordinario, ou, ben mirado, o extraordinario dentro do ordinario,  e, cos vimbios do que puidera ser un drama fácil, conforma, en palabras do prologuista Óscar Palmer, un “relato contido e vitalista cargado de optimismo e sa alegría”.

No cotiá, abondan as viñetas que focalizan elementos que puideran pasar desapercibidos no día a día: o vello na mesa do fondo, a pota e a tixola, o viño verquéndose na copa… Ao tempo, o onírico, o simbólico, insírese na trama dende o primeiro momento. Nas páxinas iniciais, o microscópico, o celular, transfórmase nun “discordante” virus cósmico. Un rinoceronte branco asexa coa súa sombra de medo e dúbida. A conversa cun mamut prehistórico científico e cinéfilo expón o amor, a imcomprensión social, a inxustiza, a compaixón, a culpa, o azar, o sufrimento, a cólera, a percepción dos tempos, a sexualidade, as alegrías e os proxectos. Caras da outredade e do eu.

Unha vida de parella asentada nun sofá, nun mar necesaria e permanentemente sostido en píldoras azuis.

Mais… que é realmente toda relación de parella senón ese sentimento afortunado de compartir unha balsa na marea da vida?

NON!  Non esquezo a solución ao SEGUNDO ENIGMA:

Son un avó, un pai e un fillo.

AGORA, un pouquiño máis difícil, este TERCEIRO ENIGMA:

Se só dispoñemos de dous reloxos de area capaces de medir 7 e 11 minutos respectivamente, como poderías contar 15 minutos?