E para despedirnos ata a volta de Nadal…

Foron dous días de axetreo. O luns visitou o centro Ramón Carredano para charlar cos rapaces de 1º de ESO da súa obra Unha branca de cobre para Martiño, unha boa lectura para recomendar nestas festas. Martiño é afeccionado ás moedas. Ao deitarse o día de Noiteboa, o seu cumpreanos depáralle unha sorpresa: espertará en 1492 a bordo da Santa María. Soño? Realidade? Da man do autor compartimos esta aventura. Unha forma agradábel de achegármonos a unha etapa esencial da nosa historia e ao que puido se a vida dos homes que participaron nesa viaxe.

O martes, cun pouco de retraso,  entregamos os premios do concurso de relatos de medo a Rocío, Nuria, Cintia, Fernando, Pablo e Iván, animándoos a continuar e felicitándoos pola súa participación.  Aproveitamos para presentar ao equipo de axudantes da biblioteca: Antía, Claudia, Sandra e David. Dámoslles a benvida a este mundo frenético e marabilloso que é o das bibliotecas escolares, estamos orgullosos de contar con eles, e invitamos a todos aqueles amantes da lectura a compartir connosco este placer.