Debuxar, ler, contar, lembrar… nas vacacións de Semana Santa

Son varias as propostas para estes días de lecer que nos chegan dos concellos de Porto do Son e de Noia, interesantes, formativas, divertidas. Animádevos a participar!

Hoxe mesmo, ás 18:00, a xornada é completa: presentación do cómic A noite das cacharelas, de Pepe Carreiro, que se acompaña dunha proxección sobre o castro de Baroña, unha charla didáctica de Tito Concheiro e un obradoiro de debuxo impartido polo autor. No blogue de normalización, LinguaSon, podedes atopar máis información sobre a obra.

Pola súa banda, en Noia programouse un OBRADOIRO DE CONTACONTOS para os días 18, 19 e 20 (luns, martes e mércores) entre as 11:30 e as 13:30 h coa colaboración da Editorial Galaxia. Esta actividade ten como obxectivo aprender as técnicas básicas da narración oral, tales como organizar a información, a importancia da linguaxe non verbal, a improvisación… Será impartido por Ana Carreira e está orientado a rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos até un máximo de 20 participantes. As inscricións débense realizar na Casa da Cultura.

Así mesmo, durante as próximas semanas a Casa de Cultura acollerá a exposición gráfica e audiovisual “Crónicas da represión lingüística”, obra de Xan Leira e Acuarela Comunicación, que aborda a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar, unha parte da nosa historia colectiva que convén lembrar pois as súas consecuencias se proxectan até os nosos días.  Máis información aquí.