Camiñan descalzas polas rochas

No marco do MAR como tema interdisciplinar, para conmemorar o Día da Muller Traballadora, desenvolveremos no centro actividades que pretenden poñer en valor o traballo da muller neste ámbito, tradicionalmente masculino, mais no que vén desempeñando un importante labor:

  • Luns 5 de marzo, de 16:30 a 18:10,charla de Luísa Muñoz “O traballo nas conserveiras”.
  • Xoves 8 de marzo, no segundo recreo, concerto e recital a cargo de alumnado e profesorado do centro.
  • Xoves 8 e venres 9 de marzo durante os primeiros recreos pase do documental “Un mar de mulleres” do Grupo de Acción
    Costeira da Ría de Vigo-A Guarda.
  • Exposición fotográfica sobre a muller e o mar: “Camiñan descalzas polas rochas”.
  • Exposición “Mulleres e deporte”.

       

 

 

 

 

 

 

 

Dende a biblioteca, tomamos os versos dun dos poemas de Ana Romaní, “Camiñan descalzos polas rochas”,  para acompañar as fotografías realizadas polo alumnado de 4º de ESO na materia de lingua castelá, coordinados pola profesora Begoña Louzao. As nais, as avoas, as amigas e mesmo as alumnas… tal que tantas outras “penélopes” que, como dicía o poema de Xoana Torres nalgún momento dixeron “EU TAMÉN NAVEGAR”! , ” rebeláronse contra a Historia”  tecendo “tesouros de auga cada noite”.

Camiñan descalzas polas rochas,

pantasmas de sal habitan as sombras,

saben que as últimas mareas

esqueceron na praia os restos do naufraxio.

As mulleres recollen cada noite

os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,

rebélanse contra a Historia,

constrúen co mar as estatuas

que nunca permanezan.

As mulleres de sal, con argazos de sombras,

xorden das últimas mareas

e tecen tesouros de auga cada noite

contra a Historia.

Elas, que saben que o efémero permanece.

 

http://photopeach.com/public/swf/story.swf

Camiñas descalzas polas rochas on PhotoPeach