Ártico 2.0

Este foi un dos libros lidos neste curso por 4º de ESO. Foi traballado a fondo nunha unidade didáctica que perseguía a profundización na técnica de crear relatos. Se ben para unha boa parte do alumnado se fixo un tanto complexo, porén, os relatos que realizaron a posteriori proban que profundizaron e asimilaron a técnica. Tanto foi así que algúns deles foron presentados ao concurso literario convocado pola biblioteca e ao concurso realizado polas Letras Galegas no Concello.

Sofía Fajardo, de 4º ESO B fixo a seguinte reseña sobra a obra:

A 2ª edición da Editorial Galaxia, é unha edición corrixida e aumentada polo autor, Xavier Queipo, do seu primeiro libro, Ártico e outros mares, Premio da Crítica en 1991: unha serie de contos sobre o mar e as experiencias dos mariñeiros. Queipo amósanos a súa paixón polas viaxes, o mar e os amigos introducíndonos no seu mundo laboral e interior.

Este libro contén varios contos escritos por un home que é biólogo, o que fai que as historias estean enfocadas dende un punto de vista moi particular, con referencias frecuentes a manuais ou estudos, tanto recentes coma antigos, sobre animais mariños. Está cheo de elementos autobiográficos e historias que marcaron o vivir de Xavier Queipo.

Son contos curtos sobre o mar, os costumes nas vilas mariñeiras, as xentes… Tamén nos relata lendas sobre esa inmensidade que cobre grande parte do planeta, con tantos misterios e tanta vida por descubrir.

Penso que o autor quere, con esta obra, achegar ao lector ao mar, coas súas curiosidades, misterio e riqueza, introducíndonos no mundo das grandes aventuras marítimas de piratas, montros terroríficos,… Pareceume un libro entretido, doado de ler e interesante. A forma de contar é sinxela, conseguindo que imaxinemos facilmente as historias. Gustoume.