Certame de relatos curtos tirando do adival dun sonigrama

Hai pouco escoitabamos nunha das emisións do Diario Cultural da Radio Galega un sonigrama, unha das historias sonoras coas que nos convidan a crear. Semellaba perfecto para propoñervos un reto literario acorde cos tempos de caveiras, cabazas, meigas, silencios e berros que se achegan: un relato curto de medo!!! 

Pois ben, pedimos permiso para utilizalo como base para un certame inspirándonos no que eles convocan cada semana.

Pincha na imaxe que tomamos do Facebook do programa para escoitalo:

Sonigrama

Vai ambientándote para o Samaín e anímate a participar!!! Estas son as bases: Inspírate no sonigrama para crear unha historia que cumpra os seguintes requisitos:

  • Os relatos serán orixinais e inéditos.
  • Escritos en galego ou castelán.
  • Mecanografados a dobre espazo en Times New Roman nº 12.
  • O tema vén dado polo sonigrama, pero fóra diso é libre.
  • Os relatos deberán ter entre 80 e 100 palabras.

CATEGORÍAS:

  • 1º e 2º de ESO.
  • 3º e 4º de ESO.
  • Bacharelato e Ciclos.

PREMIOS: Concederanse dous premios por categoría, un para producións en galego e outro para castelán, consistentes en entradas para o cine en Ribeira. Poderán ser declarados desertos.

XURADO: Estará constituído por membros do equipo de biblioteca e alumnado do club de lectura, así como do equipo de axudantes de biblioteca.

ENTREGA: Os textos terán que levar un título e estar asinados cun pseudónimo. Entregaranse en conserxería nun sobre pechado. Na súa cara externa figurará o mesmo speudónimo, o título do relato e a indicación “Certame de relatos curtos de medo”. No interior, noutro sobre pechado, incluiranse os datos persoais (nome e apelidos, curso e grupo). O prazo de presentación remata o 27 de outubro. Os traballos que se reciban despois dese día non entrarán no concurso.

FALLO: Farase público no blog e na entrada da biblioteca o 5 de novembro. Ao día seguinte, no segundo recreo, repartiranse os premios. A participación implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación do relato no blog da biblioteca.