“O principio de Arquímedes” nos XX Premios María Casares

Onte sabiamos dos galardóns na XX edición dos Premios María Casares. E ficamos felices. Felices porque Teatro do Atlántico fíxose unha vez máis con moitas das categorías: adaptación-tradución, actor secundario, actor protagonista, director e espectáculo. Estamos contentos porque lle podemos poñer cara ás persoas que están detrás, María Barcala e Xúlio Lago. Estiveron connosco no outono. Daquela falárannos con entusiasmo do teatro, do proceso creativo, de Unha primavera para Aldara -premiada con sete das trece nominacións no 2009-… e mesmo responderon vía correo a unha entrevista do alumnado.

Nesta ocasión, a obra recoñecida é O principio de Arquímedes. Na súa páxina cóntannos o argumento desta obra de Josep María Miró i Coromina, adaptada e traducida por Afonso Becerra:

“Os pais duns rapaces que asisten a uns cursos de natación infantil preséntanlle á directora do Centro as queixas sobre o inadecuado comportamento dun monitor, quen tratando de tranquilizar a un cativo, asustado ao ter que prescindir do “salvavidas” para lanzarse á piscina, abrazouno e deulle un bico, segundo lles contou aos pais unha nena compañeira de cursiño.

O adestrador explica que o único que fixo foi intentar calmar a angustia do rapaz e axudalo a tranquilizarse, pero os pais non aceptan esa versión dos feitos e o conflito, lonxe de resolverse, non para de medrar.”

Mañá poderemos ver a representación na Casa de Cultura de Bertamiráns ás 21:00. Se estades interesados podedes mercar as entradas aquí. Este é o vídeo promocional:

PARABÉNS do equipo de biblioteca e dos mozos e mozas que tiveron a sorte de escoitarvos!!!