Microrrelatos. Sorprendendo o lector!

Para escribir

Vimos de convocar un concurso literario arredor da ciencia ficción para conmemorar o 20 aniversario do centro. Unha das modalidades do certame é o microrrelato. Pero… que é un microrrelato? Que teño que ter en conta á hora de escribilo?

É unha narración moi breve. Habitualmente ten entre 7 e 200 palabras como máximo. Un dos máis coñecidos é este de Augusto Monterroso: “Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí.

Adaptamos ao galego o traballo de María Luísa Rodríguez Guía para escribir un microrrelato en español para descubrir as claves deste texto narrativo:

  • Pensa nun feito ou ou anécdota sobre a que reflexionaras. O feito que elixas debe ser moi breve e “visual”. Non debes resumir unha historia longa. O interese do microrrelato está na súa inmediatez.
  • A experiencia elixida debe ter un significado oculto, una idea non revelada. O importante é esta idea, pero debe quedar sempre oculta ou suxerida. O poder destas historias tan breves está no contraste entre un feito aparentemente insignificante, o seu sentido transcendental ou imaxinativo.
  • Unha vez elixidos o feito e a súa idea oculta, debes pensar en como contar a historia para lograr o obxectivo de todo microrrelato: sorprender o lector.
  • Para iso, deberás crear algo orixinal. Como? Contando só o esencial da historia para que o lector poida imaxinar o que falta e intuír o seu sentido. Volvamos ao famoso microrrelato de Monterroso:  Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí.  Este microrrelato, como case todos os demais, teñen a secuencia lóxica ou tradicional de calquera historia: principio, desenvolvemento e final. Esta persoa tivo un soño mentres durmía (oculto) e cando espertou, o seu pesadelo-problema continuaba (expresado). O microrrelato é un xénero interactivo, onde o autor debe ser sintético para suxerir e o lector debe completar significados. Pensa, polo tanto, que partes da túa historia debes mostrar e que partes debes suxerir.
  • O principio é importante para situar rapidamente o lector, pero o máis importante é o final, que debe ser sorprendente. Polo tanto, pensa antes de nada a primeira e a última frase do teu microrrelato. Sobre elas poderás construír a historia.
  • Pensa ben o título. No microrrelato é moi importante. O título non resume a historia, é parte dela. Debe revelar algo que “falta” na historia, debe completala.
  • Sintetiza personaxes, tempo e espazo. Elixe poucos personaxes (nunca máis de tres); un lugar ou dous e un tempo moi breve.

Fíxate nestes textos:

“Drama do desencantado” 

… o drama do desencantado que se botou á rúa dende o décimo piso, e a medida que caía ía vendo a través das ventás a intimidade dos seus veciños, as pequenas traxedias domésticas, os amores furtivos, os breves instantes de felicidade, cuxas noticias non chegaran nunca ata a escaleira común, de modo que no instante de rebentarse contra o pavimento da rúa cambiara por completo a súa concepción do mundo, e chegara á conclusión de que aquela vida que abandonaba para sempre pola porta falsa pagaba a pena de ser vivida.

 Gabriel García Márquez

“Amputado”

Chamábanlle “O pirata”, e cando comecei a andar con el xa me advertiron das súas carencias. Pero como non tiña un parche que ocultase un ollo baleiro, nin un gancho que disimulase a ausencia de man, nin unha prótese de pau que enmascarase a falta dunha perna, casei con el.

Só un ano máis tarde, cando marchou con outra no sétimo mes do meu embarazo, descubrín que en realidade do que carecía era de corazón.

De Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala
Anímate a escribir. Fíxate, dúas das nosas alumnas veñen de gañar o II Concurso de Microrrelatos de Prensa-Escola de La Voz de Galicia. Son un bo exemplo a seguir!
Advertisement