Tras os pasos de Martín Códax, Xulio Verne e Mendinho

O xoves pasado, nuha actividade interdisciplinar organizada polos departamentos de Lingua Galega e Xeografía e Historia,  o alumnado de 3º de ESO tivo a oportunidade de visitar o Museo do Mar de Galicia en Vigo e asistir a unha visita guiada sobre o Pergamiño Vindel, manuscrito que recolle as sete cantigas de Martín Códax. Datado no século XIII, foi atopado polo libreiro e bibliógrafo Pedro Vindel formando parte da cuberta dun libro antigo. Tras varias visicitudes, o manuscrito foi adquirido pola Morgan Library de Nova York en 1977. Nese museo está dispoñible unicamente para investigadores; foi privilexio poder velo!!!

Mais o noso interese neste fermoso museo non era só a oportunidade de coñecer o Vindel. A saída complementaba tamén a lectura da obra de Ledicia Costas Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, que será traballada polo alumnado, pois neste espazo de excepción, recóllese información sobre Sanjurjo Badía, Jules Verne e a batalla de Rande, núcleos temáticos na novela.

Do museo, desprazámonos ao Centro Arqueolóxico Salinae. Dun tesouro a outro tesouro; do sal que se extraía nas salinas da etapa romana deriva a palabra “salario”.

Seguimos os pasos de Xulio Verne. Sentado a carón do polvo xigante no Areal,  semellaba indicarnos o camiño ata o capitán Nemo e a illa de San Simón. A Historia recibíanos no peirao: da cantiga de Mendinho aos tempos do Lazareto, da batalla de Rande, da Guerra Civil e a posguerra; logo o silencio e, hoxe, a illa dando voz á Memoria.

Neste vídeo lembramos a xornada: