Unha mañá ben artística!

É certo que foi unha mañá repleta de arte: primeiro artes escénicas e despois a arte da ilustración. Este luns o alumnado de Filosofía de 4º de ESO e os membros do grupo de teatro asistimos a un espectáculo teatral en Compostela titulado Cranios privilexiados a cargo da compañía Mofa e Befa. A peza é unha parodia da filosofía en clave de comedia: servíndose de filósofos que existiron e outros que se inventan, van facendo un percorrido histórico de temas tratados na filosofía ata hoxe. A través da súa habilidade para transformarse en múltiples personaxes, estes dous actores conseguiron algo bastante inaudito: divertir ao auditorio falando de filosofía.

Unha vez rematada a función, visitamos a Mostra de ilustración contemporánea na sala de exposicións de Abanca. Trátase dunha exposición colectiva que reúne a dezaseis ilustradores de talla internacional e entre os que se encontran algunhas artistas galegas. Debemos destacar que trece dos artistas son mulleres, o que pon de manifesto a importante presenza feminina neste campo da arte. A falta de tempo fixo que non puidéramos deleitarnos todo o que quixeramos pero así e todo fomos quen de descubrir imaxes, unhas veces evocadoras e outras ambiguas ou inquietantes. Foi un verdadeiro pracer rematar a mañá mergullados nesta atmosfera de cor. Grazas, Sonia pola proposta.