As nosas receitas vexetarianas. Proxecto interdisciplinario

No segundo trimestre do curso pasado, no marco do tema interdisciplinario da sostibilidade, comezamos un proxecto que perseguía a facernos pensar sobre a nosa alimentación. Debates, das investigacións e experimentación para a elaboración dun libro de receitas vexetarianas.  Da teoría, á práctica!

A profesora Ana Dapena, dinos na introdución:

“Incrementar o consumo de vexetais e legumes en lugar de carne diminuiría a nosa pegada hídrica porque para producir un quilogramo de carne bovina precísanse máis de 15.000 litros de auga fronte aos 4.000 que fan falla para 1 quilogramo de legumes ou os 131 litros para 1 quilogramo de cenorias.”

Co obxectivo de reflexionar sobre a nosa responsabilidade e os posibles xeitos de contribuír á loita contra o cambio climático, os alumnos de 3oESO A e 3o ESO B do IES de Porto do Son, nun proxecto desenvolvido nas materias de Física e Química e Lingua Galega, elaboraron este compendio de receitas, nas que se procurou empregar:
● alimentos o menos envasados posible, para evitar residuos.
● produtos frescos e de proximidade, para evitar a contaminación xerada polo transporte.
● produtos maioritariamente de orixe vexetal.

O receitario reúne tamén un glosario enmarcado no Tratamento Integrado de Linguas. Nas materias deste ámbito (Lingua Galega, Inglés e Francés), revisaron o léxico traballado e recolleron as equivalencias nas distintas linguas traballadas nese nivel. Achégannos unha selección das principais voces da alimentación saudable e os seus procesos en galego, castelán, inglés e francés.

As complicacións do día a día fóronse impoñendo. A revisión e maquetación final, foise retrasando. Pero… xa están aquí As nosas receitas vexetarianas. E que mellor que este tempo de boas intencións ao comezar o ano, despois dos excesos do Nadal, para presentárvolo!!!! Podedes velo e descargalo premendo na imaxe: