Taller de clown para a pedagoxía das emocións

A adquisición de competencias foi un dos piares da LOMCE. Ás portas da LOMLOE e nun contexto de pandemia que está xenerando un novo escenario e novos retos, identificamos a necesidade de educar na adquisición da competencia emocional e no desenvolvemento da intelixencia emocional do noso alumando. No IES de Porto do Son somos conscientes de que é urxente incorporar ao noso traballo este ámbito do desenvolvemento persoal. Este é o obxectivo da nosa participación en EMOCIÓNA-T, un dos Contratos-programa Inclúe, ofrecido pola Consellería de Educación para o curso 2021/22.

Entre as actividades programadas, o alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO, asistiu esta semana pasada a un taller de clown impartido por Alfredo Pérez Muíño, de N+1 Teatro Circo Danza.

Mais… que ferramentas ofrece un taller de clown para a pedagoxía das emocións? Que aportan as artes escénicas ao traballo docente?

Escoitar, observar, reparar no outro, berrar, calar, falar, abrazar, dar e darnos espazo, recoñecer e recoñecernos nos demais, respectar, estimarse, aceptar a frustración, empatizar, ter iniciativa e dispoñibilidade…

Un paso máis nas iniciativas que estamos a levar a cabo dende o inicio do curso: os nomes e os conceptos, as emocións no 25 de novembro, as emocións para querer querendo, as emocións nas lecturas recomendadas para 2022…

Imos enchendo o fardelo. Paseniño iremos acomodando os saberes e os sentimentos para afrontarmos con bos alicerces un presente, o 2022!, e un futuro que queremos libre, xusto e comprometido!