Retomamos o costume, que a pandemia nos quitou, de xuntarnos cos nosos compañeiros do club de lectura irmá A Caramiña, da Pobra do Caramiñal. Xuntanza ben bonita, alegre e, desde logo, moi rica.
E para facer que a cita fora aínda máis agradable, tivemos a sorte de contar coa escritora María Rei Vilas para falar do seu libro Flores de ferro, lido polos dous clubes. Aprendemos de primeira man o que supón lanzarse á escrita, sendo profesora de bioloxía, e crear unha novela non só premiada, senón tamén desfrutada por moitísimos lectores.
Engaiolounos María sobre as historias que deron lugar á súa novela, duras moitas veces, pero necesarias que se coñezan. Historias de mulleres bravas que loitaron en tempos difíciles. Moi recomendable!

