A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey

Case parece un trabalinguas, pero é o título que escollemos desta volta para degustar @s Lerpeir@s. O día radiante e, en vez de pastel de pel de pataca, saboreamos chocolate con café, toda unha delicia. Pero deliciosa tamén resultou a correspondencia que mantén Juliet, a protagonista, cunha serie de personaxes que van aparecerendo por esta novela tan peculiar de xénero epistolar que tivemos o pracer de compartir.

Unha casualidade pon en contacto á escritora Juliet Ashton cun dos membros deste clube de lectura, que non só ten de orixinal o seu nome que dá título á obra, se non tamén os seus integrantes e a súa motivación. Nesta pequena illa británica, ocupada polos alemáns en plena II Guerra Mundial, xorde esta sociedade literaria que se convertirá no xermolo da relacións entre unhas persoas que parecen moi diferentes. Por que nos atrae a literatura? Que perfil hai que ter para desfrutar coa lectura? Hai algo que determine os gustos literarios? Como pode unir a literatura a un grupo de xente tan dispar?

As cartas que vai e veñen da illa de Guernsey, situada no Canal da Mancha, a Gran Bretaña despertaron en nós, sobre todo nas profes, a nostalxia dese correo postal que foi desaparecendo en pro das redes sociais e tamén a gana de escapar á illa de Guernsey, como fai a protagonista.

Advertisement