No Día Internacional dos Dereitos do Nenos e as Nenas

Alá por 1924, a Liga das Nacións, precursora das Nacións Unidas, aprobou a Declaración dos dereitos do neno. Tras a 2ª Guerra Mundial, en 1948, aprobouse unha segunda declaración. Unha terceira, de 1959, melloraría as anteriores. É nesta data cando, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas propuxo a celebración dos dereitos do neno o 20 de novembro. Cúmprense hoxe o 30 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno. E nós, dende a biblioteca, tamén o celebramos: unha exposición e unha presentación que se pasou hoxe na entrada do centro. Informar para avanzar. Axenda 2030? Si, queda moito por traballar!

Entra aquí para poder ver a presentación, coa música de Sés!

 

 

 

Homenaxeando a Neira Vilas acariñado na celebración do Día das Bibliotecas

Este luns, alí entre a exposición do Día das Bibliotecas, entre recomendacións de libros, marcapáxinas, guías de lecturas, imaxes de bibliotecas que nos gustan (tamén as dos coles do noso concello!!)…, celebramos o Día de Neira Vilas: o 3 de novembro. Impulsamos a iniciativa da Fundación Neira Vilas!!! Soubemos dos libros do autor que temos na biblio, lemos uns fragmentos de Memorias dun neno labrego, De cando o Suso foi carteiro e O cabaliño de buxo.  E seguimos coa exposición para falar sobre o papel das bibliotecas nos obxectivos da Axenda 2030.

A ridícula idea de non volverte ver

Cando se pensa nunha muller científica, sempre nos ven á cabeza a figura de Marie Curie. Todo o mundo a relaciona coa brillantez académica, merecedora de dous premios Nobel, a primeira muller en recibir un. Tamén se asocia coa radioactividade, causa da súa morte. Muller adiantada ao seu tempo, pouca xente coñece a existencia do diario seu persoal onde expresa os sentimentos de dor causados pola morte en accidente do seu marido, Pierre Curie. Esta faceta descoñecida, onde se representa a unha muller de forte caracter e chea de emocións contidas, é a que destaca Rosa Montero no seu libro A ridícula idea de non volverte ver.

Medio ensaio autobiográfico, medio biografía dunha gran científica, o libro fálanos da morte, do que implica a desaparición dun ser querido, da necesidade de reinventarse tras a perda. Moi recomendable, pois todo o mundo pasou ou pasará nalgún momento por esta situación inevitable.

A próxima xuntanza será en torno a Expiación, de Ian McEwan

A OMIX estrea recuncho na Biblioteca Municipal!!!

Vén sendo frutífera a colaboración coa técnica da OMIX do Concello de Porto do Son, Ana Freire. Coma nós, entusiasta das bibliotecas e a lectura, dinamiza actividades arredor da lectura, e nós botamos unha man sempre que podemos! Neste camiño do servizo público e a posta en valor do comunitario, os fondos de medo da nosa biblio (cómics, álbums ilustrados, novelas…) enchen tamén neste Samaín o recuncho tan chulo que montou na Biblioteca Municipal!!! Aí estamos, xuntos facendo camiño!

 

Un ano máis botamos a andar os clubs de lectura!

Como cada outubro, botamos a andar os clubs de lectura coa dinámica dunha xuntanza conxunta dos dous clubs de alumnado. Demos a benvida aos novos, abrimos un classroom para os clubs, repartimos os libros cos que comezamos: Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre e O bosque dos raposos aforcados de Paasilinna.

Onte, con rosca e galletas, convertémonos en escritores e escritoras facendo dúas actividades creativas que fixeramos con Tamara de Andrés na xornada dos clubs de lectura dos profes e no Salón do Libro hai un par de anos: o riscado de palabras e o cadáver exquisito.

Primeiro imitamos os textos do artista Eduardo Torres (alter-ego de Rosendo Cid) en El hombre que rayaba periódicosMais… no canto de raiar periódicos, raiamos copias das dúas primieiras páxinas de libros que son referentes na literatura galega e na literatura castelá, para algo estamos nunha biblio!

E saíron cousiñas tan chulas coma estas:

E compuxemos versos e “cadáveres exquisitos” seguindo os ronseis de María Mariño, Luís Avilés, Lois Pereiro…

 

Procuramos información… nas enciclopedias!!!

Na materia de ITI, en 2º de ESO, estamos aprendendo a procurar información, a investigar, a contar o que aprendemos… E claro, sempre buscamos na rede, pero… e outras fontes de información? Por iso fomos á biblio, a esas estanterías que gardan as enciclopedias que case non empregamos. Lemos, comparamos, escollemos e incorporamos aos nosos traballos.

“Danza primixenia”, o poemario do VII Concurso escolar de poesía

Xa está na nosa biblio Danza primixenia, o poemario do 7º Concurso escolar de poesía Rosalía de

Castro, convocado polo Corte Inglés e a Fundación Rosalía de Castro. Dos 20 poemas seleccionados nas distintas categorías, catro son de alumnado do IES de Porto do Son! E xa non é a primeira vez: alí estivemos na cuarta edición e na quinta edición!

A final de curso Clara e Suso recolleron os seus galardóns, mais o xurado quixo recoñecer tamén a valía dos poemas de Sebastián e Valeria, versos para acompañan os cadros de Seoane. Parabéns! A palabra da man da pintura; poesía que sae das aulas! Aquí vos deixamos os poemas:

Nova tempada do club de lectura Fraga de Novio

Onte tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura de adultos “Fraga de novio” e sen excepcións, todas as integrantes (onte faltaba a cuota masculina do club), chegaron con moitos ánimos para comezar a nova andaina neste curso escolar.

Como non houbo “deberes” para o verán, o tema de conversa foron as lecturas individuais que fixemos cada unha de nós, así como as propostas para compartir neste curso. E todo isto, pasando por esas lecturas da infancia e adolescencia que nos marcaron. Foi unha xuntanza de lembranzas.

Agora agárdanos Rosa Montero co seu libro La ridícula idea de no volver a verte, un ensaio onde nos dá a coñecer á gran Marie Curie.

 

Vocabulario da Sostibilidade

O alumnado de 2ESOB, na materia de Lingua Galega, no marco das actividades da Ruta aos Castros e do tema interdisciplinar da Sostibilidade, realizou un Vocabulario da Sostibilidade. Melloraron así a súa competencia lingüística, o dominio da definición e, por suposto, a conciencia do compromiso co entorno e o planeta. Creando xuízo crítico que xera accións!

Recollémolo na páxina do centro, na lapela do roteiro de 2ESO.

 

Unha viaxe ao país sen fronteiras

Onte á tarde estivemos de viaxe por un país que pode que saibamos situar nun mapa, pero do cal coñecemos basicamente a súa capital por unha famosa carreira. Estoume referindo ao Senegal.

Foi a última xuntanza do club de lectura de adultos do IES do Porto do Son deste curso e compartímola con algúns membros do club de lectura irmandado, o do IES da Pobra do Caramiñal. Mais non só cos nosos compañeiros lectores compartimos lectura e merenda, senón tamén con dous dos escritores máis recoñecidos do Barbanza, por non dicir Galicia: Antón Riveiro Coello e Xerardo Agrafoxo, autor do libro “O país sen fronteiras”, lido por ambos clubes.

A xuntanza foi deliciosa, e non o digo só polos doces que trouxeron Lola, Carme, Cris e M.Xesús! Da man de Xerardo Agrafoxo, soubemos da vida, xente, clima, da historia… do Senegal!

Son tempos de facer memorias e balances, e despois de onte e todas as xuntanzas que tivemos neste curso, non podemos dicir máis que hai moitas ganas de continuar con este proxecto de compartir lecturas.