Gañador@s do concurso de microrrelatos Laxeiro: un xeito de ollar

Xa hai tempo que se fallou o resultado do concurso literario Laxeiro: un xeito de ollar convocado pola biblioteca e os departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá. Fixemos entrega dos premios, cómics en galego e libretiñas de persoeiros galegos, o día 31 de marzo coioncidindo cos Encontros Plambe e tamén co último día das vacacións de Semana Santa. Esta última avaliación está a ser trepidante, un visto e non visto para o alumnado e profesorado de 2º de bacharelato e foinos quedando pendente compartir os marabillosos relatos que tivemos a oportunidade de ler. Segundo o xurado, a escolla non foi nada sinxela. A calidade dos relatos da última categoría foi tan boa, que resultou verdadeiramente difícil escoller tan só dous gañadores, polo que decidimos dar un 3º premio.

Para que o poidades comprobar vós mesmos aquí vos deixamos os microrrelatos gañadores:

1ª Categoría:

1ª Categoría:

1º Premio

” Un mundo cheo de emocións” de José Santamaría

Composición – Colección de Arte ABANCA

Ás veces sinto que no meu interior viven centos de persoas diferentes. Levántome rodeado da miña familia e síntome feliz. En clase, entre as burlas dos meus compañeiros, éntrame a depresión. No parque, entre os empurróns doutros rapaces, síntome agobiado. Pola noite, esperando a que chegue o meu pai do traballo, síntome ansioso… Pero hoxe é diferente, hoxe, por fin…, vou ser libre.

José Santamaría Pérez, 2º ESO A

2º Premio

“Un xogo de nenos” de Carlos Arufe

Sempre xogaba só. Cada vez que volvía de traballar atopábao xogando á beira do camiño. Levaba un gorro feito de papel de periódico, saudábame coa man dende lonxe e achegábase a min correndo. Pero sempre estaba só. A última vez que me atopei con el levoume pola man ata a parte de atrás da casa e moi contento ensinoume o seu novo xogo. Consistía en colgar tres bonecos dunha corda como se fose un aforcamento. Horririzado pregunteille como sabía xogar a iso. Por contestación dixo:

-Así fixo meu pai cos meus irmáns.

Carlos Arufe Carou, 1º ESO C

2ª Categoría

1º Premio

Era unha noite fría e solitaria. A lúa brillaba sobre o horizonte, proxectando sombras na terra desértica. As árbores eran como esqueletos, coas súas pólas estendidas cara ao ceo. Na distancia, apareceu unha figura estraña a cabalo, atravesando o Trasmundo. Montaba un cabalo negro con brillantes ollos, e levaba unha capa escura. Os ollos da figuran resplandecían como estrelas, e os seus pasos eran silenciosos. Parecía estar buscando algo, unha resposta a unha pregunta que só el coñecía. Esvaeceuse na noite, deixando atrás silencio e misterio.

Edgar Beiroa Cameán, 3º ESO C

3ª Categoría

1º Premio

“Maternidade”

Adoitaba pasar as noites acurrucado no seu peito, escoitqando os latexos do seu corazón, sentindo a tranquilidade da súa harmoniosa voz e o agarimo do seu inolvidable tacto.

Fínxía que sentía frío para que me abrazara máis forte e desta maneira lograba reter na miña memoria a forma das súas fráxiles mans, coas que me mecía con coidado. Ademais, finxía que non escoitaba como caían as moedas na tea que tiña pousada no chan e que parecía que só os máis miserables conseguían ver.

Aya Aniba, 1º Bac B

2º Premio

Na penumbra, á lus do candil, chocan dúas espadas. Os cabaleiros protexen aos seus reis no campo de batalla, cheo de amosegas de moitas noites de troula. Os exércitos atópanse listos, agardando a súa quenda para pegar un chimpo dende as mans, e unirse ao balbordo, mais a orde decidirá o triunfo, o cheiro a viño do país inunda o campo. Vai de copas. As batallas sucédense con velocidade. O ambiente é eléctrico. A tensión cobra vida nos chiscos de ollo disimulados, nas reviravoltas de morro, nas cellas que se levantan de seguido, coma unha lostregada e volven ao seu lugar de contado. Prácticas estratéxicas que determinarán o futuro dos enfrontados e a transcendencia do seu enfrontamento.
Comeza a última, poida que sexa a decisiva, os trunfos agardan retirados ao comando do monicrequeiro, xa farto de comer tallada mais ávido de vitoria, deixando lugar para o impacto dos máis valiosos soldados: un as, un tres, un rei. Uns achandan a chambra, outros arromban o sombreiro e cospen ao chan, outros semellan tomates suados, deses cos que só nós, espectadores doutra época, podemos establecer comparativa. Vai de copas, e estas gañan, os ouros arrecúan, brándense as espadas e caen os bastos coma garrotes, é agora ou nunca:
-Brisca, Andrés, brisca!

María Queiruga Romay, 2º Bac A

3º Premio

“O espanto”

Espertei no medio da noite co ruído dun tambor. Non tardei en darme conta de que era a choiva batendo con forza na uralita que nos facía de tellado. Comecei a asubiar ao ritmo da choiva e mentres o facía recordei as palabras da miña avoa: “o que de noite asubía, polo demo pía”. E deixei de asubiar de golpe. Parou a choiva e tamén o tambor. Cando estaba a pique de volver quedar a durmir, abrín os ollos.

Alí estaba.

Daniela Rodríguez Maneiro, 1º de Bac B

Noraboa a todas e todos!!

Advertisement

Elas teñen a palabra

Para nós o mes de marzo é o mes da muller. As nosas escritoras, tan lidas, tan recoñecidas e tan premiadas, son as que protagonizan este curso a nosa exposición. Marilar Aleixandre, flamante gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2022, é a que encabeza a lista. Pero temos moitas máis mulleres que levan a nosa lingua alén das nosas fronteiras e que non paran de recompilar premios e máis premios: dende a novísima Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, pasando por Ledicia Costas, Inma López Silva, Yolanda Castaño, Chus Pato, Ana Romaní… ata chegar á veterana Luz Pozo Garza. Poetas, novelistas… contadoras de historias e engaioladoras coas verbas. Elas son as que teñen a palabra.

14 de febreiro: Amor a primeira vista

Cres no amor a primeira vista? Cos libros tamén pode xurdir o frechazo: unha ollada, unha chiscadela, un ruxe ruxe no estómago… Si quero! Quero deixarme levar polas verbas e ver se me namora de verdade. 

Ven ao noso “First dates” e atopa o teu libro soñado. Quen sabe se está aquí a agardar por ti?

 

Novela de xadrez

23 de xaneiro de 2023

@s Lerpeir@s adicamos esta sesión do club de lectura a falar desta obra maestra, Novela de xadrez, que pon enriba da mesa este xogo “único entre os xogos”.

O seu autor, Stefan Zweig, enfrenta a dúas figuras antagónicas, Czentovic, o campión mundial de xadrez, e o Dr. B., un enigmático home que a Gestapo fai prisioneiro cando Hitler invade Austria. Dous personaxes antagónicos, coma os cadros brancos e negros, que representan o mundo do nazismo, da brutalidade enfrentado ós valores da Europa de entreguerras.

O xadrez amósase coma unha vía de escape, de resistencia contra o sufrimento do aillamento, pero que se convertirá nunha arma de dobre fío xa que producirá unha visión distorsionada da realidade.

Esta obra reflicte o sufrimento psicolóxico que marcou gran parte da vida do escritor e dos seus últimos días, antes do seu suicidio. Exiliado forzoso polo nazismo, nunca voltará á súa Austria natal, recolle nesta novela breve a cuestión de como sobrevivir á nosa propia mente.

Aínda que as compoñentes do club das Lerpeir@s nos vai máis a lectura, este xogo ten engaiolada a moita rapazada do noso ies. Velaquí tedes a mostra das partidas rápidas que teñen lugar nos recreos na nosa biblio:

Laxeiro: un xeito de ollar

Laxeiro, o pseudónimo co que sempre asinou as súas obras José Otero Abeledo, foi a figura homenaxeada no ano 2022 no Día das Artes Galegas pola Real Academia Galega de Belas Artes. 

É unha das figuras máis representativas do Movemento Renovador da pintura galega. Emigrado, vangardista e orixinal espandeu a cultura rural e tradicional galega a través das súas obras pictóricas. 

Fixemos unha selección dalgunhas das súas producións que podes ver na exposición que colocamos nas cortizas que hai nos corredores próximos á biblioteca e tamén no noso blog ‘etikeles’. Inspirándote nelas o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e o de Biblioteca propoñémosche que escribas un microrrelato. Para iso deberás escoller un dos seus cadros e expresar aquilo que che suxira dun xeito literario. 

Recordámoste que no blog tes consellos para escribir un microrrelato e podes ler algunha mostra: https://etikeles.wordpress.com/2016/04/12/microrrelatos-sorprendendo-o-lector/

BASES

  • Os microrrelatos deben presentarse en galego, independentemente de que conten para a materia de castelán ou de galego.
  • Cada persoa só poderá entregar un.
  • Has de inspirarte nun dos cadros de Laxeiro (incluídos os gravados). Escólleos entre os que figuran na exposición (nela tes un libro sobre Laxeiro como pintor que podes consultar) e no documento que aparece na entrada do blog e da AV. Copia a imaxe no documento que entregues ilustrando a túa creación. Inclúe un pé de foto co título. 
  • Os textos deben ser orixinais.
  • Publicaranse no blog da biblioteca os gañadores e unha selección dos presentados.
  • O xurado resérvase o dereito de deixar deserta algunha das categorías se os textos carecesen de calidade.
  • Os traballos entregaranse á profesora responsable a través da Aula Virtual en formato pdf cun pseudónimo e contarán para nota para a 2ª avaliación desa materia (Lingua Galega ou Lingua Castelá).
  • O prazo límite de entrega será o venres 3 de marzo de 2023 e fallarase o premio o día venres 31 de marzo de 2023 no primeiro recreo.
  • A entrega de premios terá lugar na biblioteca no 2º recreo do día 31 de marzo.

CATEGORÍAS

  • A: 1º e 2º de ESO
  • B: 3º e 4º de ESO
  • C: 1º e 2º de BACHARELATO e ciclo.

PREMIOS POR CATEGORÍAS

En cada categoría haberá dous premiados. O premio será… 

Botanicum

La memoria secreta de las hojas, da botánica americana Hope Jahren, foi o centro da última xuntanza do club de lectura de adultos. Un libro que contén á súa vez, tres libros: unha autobiografía, un ensaio científico e un tratado de botánica. Hope Jahren enlaza a súa traxectoria vital e persoal ao desenvolvemento das propias plantas, mostrándonos que son seres vivos moi especiais, non tan notorios como os animais, pero con estratexias interesantes para poder sobrevivir, contribuíndo ademáis, á supervivencia da nosa propia especie. Ademáis, este é un libro onde se pon de manifesto a realidade do traballo dos científicos, e as dificultades dunha muller científica para facerse camiño.

Captain Fantastic

Para despedir o trimestre reunimos aos dous clubs de lectura, Lerpeir@s e Furalibros (cambiamos de nome!) para compartir neste caso, o visionado dunha película para despois comentala. Para tal ocasión, eliximos Captain Fantastic, do director Matt Ross e protagonizada por Viggo Mortensen. Podemos afirmar con rotundidade que nesta historia todos nos rimos e nos emocionamos, e aprendemos a ver a educación doutro xeito, lonxe de convencionalismos. Ningún de nos se puido imaxinar levar un estilo de vida como a representada na película, unha vida sostible, lonxe da tecnoloxía e en harmonía coa Natureza. Ligamos este amor pola natureza cos libros que lemos os dous clubs: La chica alce de Malin Klingenberg e algún dos cómics de Leo. Voltaremos despois das vacacións de Nadal cun pouco de teatro.

Desde os clubs de lectura do IES de Porto do Son, felices festas e que o vindeiro ano veña cargadiño de felicidade e boas lecturas.

A máis medo, máis diversión

Respiración acelerada, aumento dos latexos do corazón, todos os órganos dos sentidos en alerta,… o feito de pasar medo, fai que o noso corpo se prepare para o perigo. Entón, por que nos gusta pasar medo? O ben que o pasamos no Samaín parece estar relacionado coa liberación dunha substancia química que producimos de xeito natural, a dopamina, a cal, tamén está relacionada con fenómenos placenteiros como o namoramento.

Esta explicación biolóxica complementa ao traballo de preparar a nosa Biblioteca para o Samaín, para pasar medo vendo curtas de terror ou escoitando relatos de medo. Se as sensacións que tiveron os rapaces nos recreos foron como o namoramento, quedamos satisfeitas.

Repasando a Ilíada con Kallifatides

Para rematar a tempada decidimos achegarnos á visión persoal que fai Theodor Kallifatides, o escritor grego afincado en Suecia, do clásico de Homero na súa obra El asedio de Troya, publicado por Galaxia Gutemberg. Unha novela ben acaída para estes tempos terribles de guerra. Unha profesora, durante a II Guerra Mundial na Grecia invadida polos nazis, cóntalles aos seus alumnos, dentro dunha cova que lles serve de refuxio, outra guerra, a de Troia; unha guerra cruenta e sanguinaria entre os aqueos e os troianos, onde os dous pobos sofren os horrores da loita corpo a corpo, unha loita sen sentido que se repite agora no contexto onde viven a docente e os seus alumnos. Na guerra do século XX os invasores, despois dunha longa convivencia co pobo oprimido, acaban por resultarlles familiares e parecen desdibuxarse os odios, xa non se sabe quen é o inimigo; simplemente son homes e mulleres nunha situación extrema, de sufrimento. Na versión da Ilíada que nos ofrece Kallifatides os deuses non interveñen apenas, e son os homes e mulleres os responsables dos feitos. Hai un afondamento na psicoloxía dos heroes que, ao final, amosan o que son, homes, ás veces compasivos e outras irancundos. Unha reflexión sobre a insensatez da guerra e sobre a psicoloxía humana.

Nesta última reunión xuntámonos pouquiñas, porque o final de curso sempre nos pilla apuradas; pero contamos coa presenza de Luisa, que o ano que vén participará neste club de Lerpeir@s. Benvida!!

Muller e ciencia: dende o IES ao Concello

A partir da celebración do 8M no instituto, na que contamos coa presencia de María Mayán, a área de Benestar do Concello de Porto do Son ofreceunos organizar unha xornada sobre igualdade relacionada coa ciencia e o papel da muller neste campo ao longo da historia. O alumnado de cultura científica púxose mans á obra e hoxe puidemos desfrutar do resultado: charla e o posterior coloquio de tres investigadoras.

Participaron Andrea Muras, microbióloga que estuda as relacións entre as bacterias; Socorro Castro, química, profesora da Universidade da Coruña e experta en deseño de novos materiais e as súas aplicacións; e María Mayán, investigadora líder en proxectos internacionais sobre enfermidades dexenerativas e cancro.


Foi un pracer telas con nós e coñecer as súas investigacións, así como as dificultades que atopan no seu día a día só polo feito de ser muller. Foi especialmente interesante o coloquio final onde responderon francamente ás preguntas do alumnado, algunhas delas moi persoais e onde deixaron constancia da necesidade de que tanto homes como mulleres loitemos pola igualdade en todos os ámbitos da vida.

Aquí vos deixamos unha preciosa imaxe dos organizadores e participantes co Monte Louro e o mar de Porto do Son: