As nosas ilustradoras

A ilustración científica sae das aulas da man do alumnado de 1º de bacharelato. Leva tempo abraiando aos que pasan polo corredor do 1º andar e os que se achegan a biblio.

Parecen sacados dos álbumes ilustrados que expuxemos co gallo do 8 de marzo, pero son obras de rapazas e rapaces de 16 e 17 anos realizadas na materia de Bioloxía e amosan un dominio da cor e do trazado que non deixa indiferente ao que se para a mirar. Aquí vemos a unha mosca despistada que se quixo pousar no fieito de Ruth Monteagudo:

Mellor que describir con palabras é dar paso as imaxes, que falan por si soas:

Tamén fixeron ilustracións de anatomía:

Menuda canteira de artistas! As nosas felicitacións para todas elas e eles.

Advertisement

Álbums ilustrados para o Día do Libro!

O alumnado de 2º de ESO leu na biblioteca álbums ilustrados. Eses marabillosos obxectos “de desexo” para quen amamos a lectura e a arte. A calidade na ilustración e o bo facer da palabra escrita. Para nenos e nenas?, non! Os álbums ilustrados son libros sen idade. Só hai que abrilos e descubrir neles a vida!

Achegádevos a eles no Día do Libro! Nesta presentación poderedes atopar moitas recomendacións!

8 de marzo. Superando os límites. Ilustrando a vida

8 de marzo, Día da Muller Traballadora. E si, aí seguimos, demandando os dereitos da muller, a visibilización dos atrancos do noso cotiá. A incetidume paira neste mes de marzo nun contexto que semella sacado dunha serie, dunha distopía inimaxinable. Mais, cabe a utopía? A RESILIENCIA pódese transformar en motor?

Abofé! Ben o saben as mulleres deportistas sobre as que investiou o alumnado de Tamara, a profa de Educación Física. Canto esforzo hai detrás dos éxitos acadados! Ata que punto as súas carreiras profesionais reciben o apoio respaldo acadado polos homes? De cantas cabeceiras de prensa e titulares de noticias nos media son protagonistas? Existen avances, mais os muros están aínda aí.

Alfonsina Strada, Ashely Fiolek, Carolina Marín, Amna al Haddad, Naomi Osaka, Susana Rodríguez, Adiaratou Iglesias, Lidia Parada, Ana Peleteiro

Dende a biblioteca temos mostrado os valados vencidos por escritoras, polas nosas nais, irmás, avoas, amigas ou fillas que migraron esculcando horizontes, polas profas que nos manifestamos e damos voz, polas editoras, xornalistas, polas fotógrafas, polas teatreiras

Desta volta traemos as ILUSTRADORAS, mulleres que debuxan e pintan todo canto nos emociona e nos conmove. Que a compañan a palabra. Que ilustran a vida! Van aquí algunhas das que temos na biblio: María Hesse, Rebeca Dautramer, Ana Juan, Suzy Lee, Ana Santiso, Ana Llenas... Ao longo do mes moitas outras acompañaranas nesta cortiza que irá transformándose en panel de anacos de vida e soños CON MIRADA DE MULLER!

Unha mestura curiosa

Ás veces cremos que cando se mesturan cousas que a priori non combinan moito como tipos de música ou comida, sorprende o resultado, e a mestura é espectacular. Pois isto sucedeu na última xuntanza do clube de lectura de adultos, onde o obxecto da mestura foron dous libros de autores moi diferentes: un mestre xaponés de manga e unha gran escritora galega actual. Atrevémonos a combinar unha gran obra mestra do cómic manga, “Adolf”, de Osamu Tekuza e “Seique”, de Susana Sánchez Aríns.

Os comentarios e conversas sobre os libros foron por separado,pero aínda así pasamos tranquilamente dunha historia de dous nenos ambientada en Europa e Xapón durante a Segunda Guerra Mundial, a unhas intricadas relacións familiares na Galicia rural de mediados do século XX. Dúas obras moi distintas, en orixe, en formato, en redacción,…pero casualmente as dúas nos mostran o poder absoluto, autoritario, o abuso e a imposición de ideoloxías.
Só queda para esta tempada outro libro, “Luns”, de Eli Ríos, e agardamos compartilo cos compañeiros do club de lectura “Caramiña”, da Pobra do Caramiñal

Seguimos facendo “cordada”: as mulleres contando!

Tere, a nosa compañeira do equipo de biblio, vén de montar esta presentación a partir da exposición “Día da Muller: contando facemos cordada”. Un agasallo para todas as palabras coas que a acompaña.

More presentations from etikeles

Volver a comenzar, Luz Casal

Como eu canto, SES

 Unha aperta a todas as mulleres que forman parte da comunidade educativa do noso IES. Grazas por axudarmos a que cada día sexa máis limpo, máis doado, máis rico….

NOVIDADES para ver, ler, sentir…

Un ano máis comezamos o curso na biblioteca cunha exposición de novidades. Temos sobre todo álbums ilustrados con títulos tan suxestivos como Frida, Historia de la vida, Un millón de mariposas ou La niña de rojo. Pero non só hai novidades nesta sección, tamén temos cómics como La guerra civil española de Paul Preston e ilustrada por José Pablo García, El caminante de Taniguchi ou El ala rota, na que Altarriba nos achega unha vez máis ao noso pasado a través dunha historia familiar. Outras adquisicións moi interesantes son dúas obras da escritora bielorrusa Svetlana Alexievich que foi premio nobel en 2015. E para rematar, os entusiastas da Historia teñen dous títulos moi atractivos Camarada de invierno sobre a División Azul e 40 años con Franco. E, por suposto, moitas máis adquisicións que o espazo non dá para recoller. Agardamos que te deas un paseo pola exposición, estamos seguros de que atoparás algo ao teu gusto.

dav
dav