Recursos transversais para tempos de colaboración

Comezamos. E facémolo procurando novos vieiros nos que a Biblioteca pode ser útil á comunidade educativa do noso centro. Nun deses camiños viñamos andando dende hai tempo, a creación de materiais de uso interdisciplinario.

Neste setembro tan estraño, viramos o desalento en traballo en equipo. Conscientes das necesidades do centro e dos tempos que estamos a vivir, creamos na aula virtual a sección RECURSOS TRANSVERSAIS. ITI e Hábitos e Estilos de Vida Saudable unímonos para crear unha nova colección de fichas para aprender a manexar ferramentas TIC básicas, a Colección Ferramentas dixitais (partindo do dominio educativo @ieson.gal, explicamos como entrar e saír do correo de forma segura, a configuración e as aplicacións de G. Suite, como enviar un correo, como elaborar documentos google, etc.).

Hai uns anos comezaramos elaborando o material de Ferramentas Comúns de Aprendizaxe (como facer un esquema, como elaborar e presentar un traballo, como facer unha presentación, o uso dos dicionarios...). Vimos empregándoo no TIL e nas diferentes materias, principalmente do ámbito humanístico. Decidimos renomear este material como Colección de Competencia Comunicativa e aloxalo tamén nesta nova sección, xunto coa ferramenta didáctica de educación dixital Con brillo de cometa

Neste grupo de recursos transversais recóllese ademais A roda do tempo, proposta didáctica interdisciplinaria para traballar os maios elaborada polo noso compañeiro e colaborador do equipo, David Pérez Iglesias.

Podedes consultalo na aula virtual do IES de Porto do Son, é un recurso aberto. As fichas da colección de ferramentas dixitais publícanse como documentos pdf para descargar e como imaxes co enlace para compartir.

Nisto deu este tempo de espera no que as autoridades educativas non se decidían a dotarnos dos recursos humanos necesarios, enredadas como estaban en protocolos que non acababan de protocolarizar de forma definitiva e en decisións non tomadas coa suficiente previsión.

Agora toca seguir traballando. A pesar de…. Con ilusión!

 

Investigando sobre o Día do Libro 2020 e a LIX

Na materia de ITI investigamos poñendo en práctica o aprendido. No Día do Libro propuxemos unha tarefa de para aprender por que se celebra o Día do Libro, a que país se adica este ano, que é iso da LIX, quen a promove…

 

Estes foron algúns dos libros que recomendaron na última cuestión:

Tanis I o Mocos de Lourenzo González (Fabián)

A evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly (Hugo)

After de Anna Tod (Carla)

 

 

Procuramos información… nas enciclopedias!!!

Na materia de ITI, en 2º de ESO, estamos aprendendo a procurar información, a investigar, a contar o que aprendemos… E claro, sempre buscamos na rede, pero… e outras fontes de información? Por iso fomos á biblio, a esas estanterías que gardan as enciclopedias que case non empregamos. Lemos, comparamos, escollemos e incorporamos aos nosos traballos.

“O wolframio, o ouro galego” no concurso “A Táboa Periódica e Galicia”

Con motivo do ANO INTERNACIONAL DA TÁBOA PERIÓDICA 2019, a facultade de Química da USC organizou un concurso de carteis dirixido a alumnado de secundaria. O cartel “ O WOLFRAMIO, O OURO GALEGO”, presentado pola nosa alumna Lara Martínez de 1º de bacharelato B, foi seleccionado entre os 30 finalistas do concurso.

O venres 24 tivo lugar, en dita facultade, a exposición dos carteis e a entrega de premios do concurso, quedando o cartel de Lara nun magnífico quinto lugar!!! Investigación e tratamento da información óptima! Parabéns!

Podedes ver o cartel e máis imaxes da xornada na páxina do centro.

Os dicionarios, na Semana da Alfabetización en Medios e Información

Dende Bibliotecas Escolares convidaron ás bibliotecas da Rede PLAMBE a celebrar dende o 24 de outubro ao 1 de novembro o Día Internacional da Alfabetización en Medios e Información, a AMI, a proposta da UNESCO. O equipo de biblioteca sabe da necesidade de formar o alumnado nestes ámbitos, conscientes do momento de transformación que estamos a vivir no proceso de aprendizaxe, non só nas aulas, senón tamén fóra delas.

Hai uns anos elaboramos Con brillo de cometa. Da materia de Proxecto Interdisciplinar, pasamos a ALFIN como hora de libre configuración. As necesidades ían levándonos ao traballo por proxectos, á aprendizaxe colaborativa. Creamos na aula virtual unha sección de Ferramentas comúns de aprendizaxe (como elaborar esquemas, como presentar traballos, como realizar exposcións orais…). No curso pasado, estudamos e programamos unha nova forma de encarar este ámbito, a través dun Plan TIC e un Tratamento Integrado de Linguas con vocación interdisciplinar: facer ver ao profesorado e ao alumnado que a alfabetización na investigación e no tratamento da información non atinxe só ao equipo de biblioteca. Complementa a materia de ITI en 2º de ESO, centrada na alfabetización audiovisual. Acabamos de botalo a andar, de plantar a semente. Non parece que vaia mal.

E seguimos elaborando materiais para atallar as nosas necesidades. Aproveitando os coñecementos en lexicografía de Carme Pazos, profesora do departamento de Lingua que vén de integrarse no equipo, mesturamos a súa visión e a nosa e realizamos un novo recurso para as Ferramentas comúns de aprendizaxe: OS DICIONARIOS.

Que aportan os dicionarios? Como podo guiarme neles para atopar a información? Que tipos de dicionarios hai na nosa biblioteca e na rede?

A nós serannos de utilidade, agardamos que a vós tamén!

O ordenador na cabeza: preparando galletas

Pode ser un bo vídeo para comentar nas TIC, para crear un texto de reflexión crítica, para imitar con outros contidos, para facer un traballo interdisciplinar para o Tratamento Integrado de Linguas… Mesmo para preparmos galletas! A memoria ao servizo das TIC, as TIC ao servizo da memoria.  A información chegounos a través dunha nai. Pareceunos moi bo!

Formación documental dixital: Con brillo de cometa

Dentro das actividades interdisciplinares do curso pasado centradas na astronomía, o equipo de biblioteca coordinou un Seminario de Formación arredor tema da Formación dixital documental. Pretendiamos  crear unha ferramenta pedagóxica coa que guiar ao alumnado na competencia de aprender a aprender a través da rede. Debía partir do tema central do Programa Comenius que se había de desenvolver en dous anos lectivos, pero, ao mesmo tempo, ser útil para futuras necesidades pedagóxicas da biblioteca e dos diferentes departamentos. Co esforzo común dos integrantes e o bo asesoramento da coordinadora do Cafi e dos docentes, entre eles os nosos compañeiros Antón Bécares, Xulio César Iglesias e Román Cerqueiro, creamos Con brillo de cometa.

Ao longo do curso, poñerémola en práctica en 1º de ESO, en Proxecto Interdisciplinar e nos diferentes departamentos que estivemos integrados no seminario. Será unha oportunidade para avaliala e mellorala se fose preciso.

iconaEscollemos como imaxe identificativa unha ilustración de Adriana Ferreiro, de 3º ESO. É a que seleccionamos das que o alumnado de 3º de ESO realizou na actividade dirixida polos profesores dos departamentos de Plástica, Lingua Galega e Francés Alfonso, Mª Xesús e Conchi: a ilustración de Viaxe á lúa de Xulio Verne. Con estes traballos montaremos unha exposición en novembro.

 Podedes consultar este traballo dende este blog -na sección “Aprender a aprender” da columna da esquerda e na aula virtual do noso centro.

 

A Revista Labirinto Dixital

labirinto_dixital-3553cPor unha das persoas que adoita partillar con nós novas do eido cultural, Rebeca Ces, coñecemos o artigo de culturagalega.org, onde se recolle a información sobre a publicación  da Revista Labirinto Didixital.

Igaciencia, plataforma que promove actividades de divulgación arredor da investigación e a tecnoloxía, acaba de publicar o 1º número, accesibel vía web, no pretenden achegar ao profesorado as últimas tecnoloxías educativas. De seguro ha de sernos moi útil.

Eu comecei botándolle un ollo aos artigos de Pilar Anta Fernández que tratan sobre o espazo Moodle e o eXeLearning. No curso pasado o equipo de biblioteca coordinou un Seminario de Formación no que empregamos esta última ferramenta. Traballamos a formación documental e a astronomía. Se ides á última incorporación á aula virtual do noso centro, podedes consultar  Educación Dixital e Astronomía: Con brillo de cometa, o resultado da colaboración interdisciplinar -andamos aínda revisándoo de cara á aplicación nas aulas-. Para facelo debedes entrar como convidados.

Con brillo de cometa

Xa levan un tempiño ás portas da biblio. Son as exposicións “Con brillo de cometa” e “Astronomía en viñetas”. Coa primeira achegámosvos os fondos que temos sobre o tema: pelis, cómics, novelas, libros de divulgación científica… Podemos viaxar ao espazo tan ilusionados como fixera Xulio Verne na súa Viaxe á lúa.

Entre versos, pasamos da primeira á segunda: viñetas de Quino, Forges, Ramón, Medina, Mingote…  Humor para cuestionarnos este mundo das estrelas. Agradecemos ao IES A Xunqueira II que nos permitise utilizala.

Ao abeiro do Programa Comenius, iremos seguindo o ronsel deixado polo brillo dos cometas.

E saímos faenar

Os distintos departamentos ímonos preparando para saír faenar. Uns a mariscar, outros á liña, ao palangre, aqueloutros ao arrastre… Na biblioteca, “veu visitarnos o mar” e botamos xa as redes. Viñeron cheas:

Agora toca comezar a escoitar, degustar, dixerir, aventurar. Co alumnado do 1º ciclo de ESO, sacaremos o rastro para procurar os nomes da flora e da fauna do mar e os das artes de pesca. E por que non, apañar tamén as voces en castelán, inglés, francés e, postos a ser universais dende Galiza, quizais tamén chinés. Ao fin e ao cabo, aos galegos os mares afastados nunca nos foron alleos. E co léxico da man, nas titorías, peneiraremos nas redes da biblioteca unha boa compaña para as viaxe, quen sabe, Vinte mil leguas de viaxe submarina, De catro a catro, De profundis ou Marinero en tierra para os menos aventureiros. O conto é “halar polo chicote” e navegar.