A insoportable levedade das bibliotecas escolares

“Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?”

Con esta publicación no noso blog, o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, fai eco do malestar que os centros que formamos parte do PLAMBE estamos a sentir ante as novas medidas previstas pola Consellería, medidas que ningunean o noso esforzo xa de por si insuficientemente recoñecido dende as autoridades educativas.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

 

Na busca das mulleres esquecidas

Chegamos do entroido un pouco descolocados… pero agora, xa metidos en faena, dende o equipo de biblioteca propoñémosvos reflexionar sobre o Día da Muller da Muller Traballadora, celebrado o 8 de marzo, este ano un pouco perdido entre máscaras, filloas e troula. Ánxela e Marga, levan un tempo preparando unha actividade que vos guiará e acompañará estes días de marzo. Da súa man achegarédesvos a mulleres loitadoras, traballadoras e arriscadas. Paga a pena facernos visibles. Facer visible o noso esforzo diario.

E para pensar un pouquiño…

Pois vai por ti!

Neste segundo ano dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas queremos dar un paso adiante na implicación dos alumnos e alumnas.

Sabemos que algúns de vós disfrutades da lectura coma nós, ese pracer en solitario que agora tedes a oportunidade de compartir. O club de lectura vai nese camiño, pero hai máis: participar na planificación das actividades, mergullarvos na dinámica da biblioteca, OPINAR, MOBILIZAR!!!

Convocamos 10 PRAZAS de AXUDANTES.  Bótalle un vistazo a isto e…. APÚNTATE!


MES DO LIBRO, MES DE ABRIL: VAI DE BANDA DESEÑADA

Como vedes, neste mes de abril, mes do libroA BANDA DESEÑADA ESTÁ A TOMAR O IES: dúas exposicións sobre a Banda Deseñada Galega, cedidas por El Patito Editorial e a Consellería de Cultura, acompañadas polos heroes dos cómics debuxados polo alumnado do departamento de plástica; guías didácticas sobre o noso cómic traballadas nas aulas de galego; a “maleta do cómic”, cedida por Bibliotecas Escolares, que movemos a través das titorías; a historieta francesa coa que andan a voltas os alumnos de francés de 3º de ESO;  a película de animación  Vals con Bashir para 2º de Bacharelato; a sesión de Fernando de Castro, un dos nosos profes de plástica, impartida a 1º e 2º de ESO  sobre o guión no cómic e na animación, e a charla do autor de fama internacional, Miguelanxo Prado,  o 30 de abril  para os  alumnos e alumnas de 4º de ESO e o alumnado de plástica de 1º e 2º de Bacharelato. A culminación dunha andaina iniciada a principio de curso coa visita ao centro de Anxo Fariña e o traballo plástico-literario realizado polos mozos e mozas de 3º de ESO.

Trátase pois, dun labor interdisciplinar organizado polo Equipo de Biblioteca e no que  colaboran o Club da Lingua e diversos departamentos. O noso obxectivo é que coñezades un xénero, de escasa repercusión entre o público xeral,  que esperta lembranzas para os que xa temos máis anos, e que está a sufrir neste momento un desenvolvemento importantísimo, case unha revolución,  tanto en cantidade como en calidade de produción.

 Festivais e editoriais especializadas están a posicionar este xénero no lugar que lle corresponde. Entre outros, o Festival Internacional da Historieta de Angulema -celebrado dende 1974 nesta cidade ao oeste de Francia, que se ten convertido nun dos festivais internacionais de máis prestixio, á altura do ComicCon de San Diego– ou o Salón Internacional do Cómic de Barcelona, por citar algún dos de maior repercusión. Estes van hoxe acompañados por un certame que pouco a pouco se está a facer cun papel destacado no panorama internacional, o festival Viñetas desde o Atlántico, celebrado na Coruña dende 1998, que se vén a sumar a iniciativas como as xa veterenas  Xornadas de Banda Deseñada de Ourense ou ao máis recente Salón do Cómic de Cangas. No ámbito español, editoriais como Norma, Grijalbo-Dargaud ou Astiberri, van recibindo a recompensa ao  seu esforzo. O mesmo está a acontecer en Galicia. O soportal da banda deseñada galega dentro do Consello da Cultura,  editoras como BDbanda, El Patito Editorial, Factoría K de Libros, Xerais,… espallan o labor daqueles que iniciaron a banda deseñada galega e dos que hoxe dirixen a súa creatividade cara a este eido: Reimundo Patiño,  Xaquín Marín,  o Grupo Do Castro, Fran Jaraba, Migueanxo Prado, Pepe Carreiro, Fausto Isorna,  Norberto Fernández, Kiko da Silva, Fran Bueno, Jacobo Fernández, Rubín, …

Hai quen di que o vivimos un BOOM do cómic galego. SUMÉMONOS A EL e disfrutemos dun xénero sen fronteiras!!!!!!

Dende o equipo de biblioteca irémosvos deixando no blog reseñas dalgúns dos textos que vos recomendamos e que tedes a vosa disposición na biblioteca.

Ademais dos enlaces que vos damos ao longo desta reseña, recomendámovos os seguintes enlaces:

– O soportal da banda deseñada galega, dentro do Consello da Cultura Galega :http://www.culturagalega.org/bd/

– BDbanda: http://www.bdbanda.com/

– Páxina do colectivo de autores de cómic, ilustradores e deseñadores: http://www.polaqiacomic.com/

– Asociación galega de Profesionais da Ilustración AGAPI: http://www.agpi.es/ilustradores.php?obras=16&autores=

–  Páxina onde podedes ler cómic na rede: http://www.elultimolibro.net/2008/07/cmics.html

Mergúllate na fraga: buscamos o tesouro

Estamos  MERGULLADOS NA FRAGA dos libros, somerxidos no pracer da lectura, na inesgotábel aventura do saber. Mais o noso obxectivo último é que iniciedes connosco este camiño. Tranquilos, hai un roteiro: cada luns, mércores e venres atoparedes no taboleiro da biblioteca as preguntas que deberedes contestar para acadar a meta final, QUE TEN PREMIO!