As nosas ilustradoras

A ilustración científica sae das aulas da man do alumnado de 1º de bacharelato. Leva tempo abraiando aos que pasan polo corredor do 1º andar e os que se achegan a biblio.

Parecen sacados dos álbumes ilustrados que expuxemos co gallo do 8 de marzo, pero son obras de rapazas e rapaces de 16 e 17 anos realizadas na materia de Bioloxía e amosan un dominio da cor e do trazado que non deixa indiferente ao que se para a mirar. Aquí vemos a unha mosca despistada que se quixo pousar no fieito de Ruth Monteagudo:

Mellor que describir con palabras é dar paso as imaxes, que falan por si soas:

Tamén fixeron ilustracións de anatomía:

Menuda canteira de artistas! As nosas felicitacións para todas elas e eles.

Advertisement

Tres versos de amor, esconxuro á guerra!

Son tempos de incetidume nos que a palabra AMOR ha de prender como semente que esconxura o medo e a dor. Palabra necesaria como auga e alimento; dadora de vida.

A nosa compañeira Teresa recompila nesta presentación os haikus gañadores do certame Amor na arte, emoción nun haiuku. Quen diría que, dúas semanas despois, os publicariamos nun escenario de fuxidas, de senrazón.

Velaí van, palabras da man da arte esconxurando a guerra…

Gañadoras do certame: Amor na arte, emoción nun haiku

Tres versos para celebrar o AMOR e poñer en palabras a ARTE. Amor á natureza, amor de parella, amor á familia, amor aos amigos e ás amigas, amor aos animais, amor á Terra…

Foron moitas as creacións que chegaron á final. Foi difícil a escolla! Mais houbo que seleccionar seis haikus, seis poemas que sosteñen a emoción dun cadro, dunha fotografía, dunha estatua. E as gañadoras do concurso do 14 de febreiro foron :):):):

Na primeria categoría,

Manuela Vázquez Cantariño, de 2º de ESO B e Mar Alvite Torres de 2º de ESO A

Na segunda categoría,

Celia Sanlés Suárez, de 4º de ESO A e María Sanlés Suárez de 4º de ESO B

Na terceita categoría,

Raquel Queiruga Romay e Julia Ventoso Piñeiro de 1º de Bacharelato A

Aquí as tendes, recollendo o agasallo: unha libreta e un marcapáxinas de Rosalía de Castro, cuxo nacemento conmemoramos a semana que vén. Esperamos que lles gustasen! Na foto falta Mar, pero enviámoslle a casa a noticia cun forte aplauso da súa clase! PARABÉNS PARA TODAS ELAS!

Xa vos dixemos que foi ben complicado seleccionalos, tanto que os finalistas enchen a cortiza e acompañan os libros que vos recomendamos para ler sobre o AMOR, ese sentimento universal que nestes momentos é tan necesario. Nuns tempos en que a distancia se instalou nas nosas vidas, en que o sentido de comunidade parece estar en risco, acollernos na ampla diversidade do amor aléntanos a seguir e a avanzar sen medos!

Na seguinte entrada poderedes ler os premiados e aqueles que tamén nos gustaron moito!

Concurso literario: Amor na arte, emoción nun haiku

Están xa as mimosas en flor, van medrando os días… e pronto chegará a Candelaria, e ao pouco, o 14 de febreiro, día en que celebramos o amor.

E xa que andamos metidos nas emocións, cal mellor ca esta?

Unindo natureza, arte e poesía chegamos aos Haikus: poemas breves, intensos que adoitan facer referencia a escenas da natureza ou da vida cotiá, e a miúdo aluden a unha época ou momento do ano.

Suxerímosche que escribas o teu propio haiku para celebrar o Día de San Valentín e que participes no certame literario que convocamos dende a biblioteca.

A temática será o amor que podemos sentir en diversas situacións da nosa vida cotiá: por un irmán, de nai a fillo, pola parella, polos amigos, amor pola natureza…

Has de inspirarte nunha obra de arte: emocioArte!

BASES

  • Os textos deben presentarse en galego ou en castelán.
  • Cada persoa poderá enviar un máximo de tres haikus.
  • Os textos deben ser orixinais.
  • Os haikus deben partir dunha imaxe que incluirás no teu texto: podes partir da escolma dada ao final desta entrada ou escoller ti unha obra (pintura, escultura, fotografía, etc.) que che guste, pero debes indicar sempre o autor e o título da obra.
  • Publicaranse no blog da biblioteca os gañadores e unha selección dos presentados.
  • O XURADO resérvase o dereito de deixar deserta algunha das catergorías se os textos carecesen de calidade.
  • O prazo límite para entregar os textos é o 7 de febreiro de 2022. Darásllelos ao profesorado de Lingua Galega ou Lingua Castelá.
  • Formato. Nun folio debes poñer:
    • O título da actividade: Concurso literario: Amor na arte, emoción nun haiku.
    • A imaxe que elixas, centrada, co nome do autor e, se o ten, da obra.
    • O haiku.
    • Podes entregalo a man ou a ordenador.
    • Os teus datos pola parte de atrás: nome e apelidos, curso e grupo.

CATEGORÍAS

A: 1º e 2º de ESO

B: 3º e 4º de ESO

C: 1º e 2º de BACHARELATO e Ciclo.

PREMIOS POR CATEGORÍAS

En cada categoría haberá dous premiados que recibirán agasallos o 14 de febreiro na biblioteca.

E… COMO COMPÓS UN HAIKU???

Os haikus proceden de Xapón…

Son poemas sen rima de tres versos de 5, 7 e 5 sílabas respectivamente. Con todo, na literatura actual adoita estenderse a poemas breves en tres versos.

É necesario que estea  escrito de forma sinxela e natural.

A esencia do haiku é a brevidade, a sinxeleza e a intensidade: moito en poucas palabras.

Adoitan facer referencia a escenas da natureza ou da vida cotiá, e a miúdo inclúen unha referencia a unha época ou momento do ano.

Na literatura galega moitos autores compuxeron e compoñen estes poemas breves, ás veces, entendidos como poemas breves en tres versos. Marilar Aleixandre, Uxío Novoneyra, Xavier Queipo, Xoán Abeleira, Elena Villar Janeiro, o Leo…

AMOR NA ARTE: EmocionArte!

Moitas obras de arte inspíranse nese sentimento universal que o ser humano deu en chamar amor e que se reflicte en infinitas realidades e aspectos da vida cotiá. Esta é unha mostra, unha mirada, unha forma de entender o amor nalgunha das súas facetas: amor entre personas, amor á natureza, aos soños…

Vai pasando as diapositivas da presentación, seguro que atoparás a inspiración nalgunha delas! Debaixo tes o documento en pdf por se prefires descargalo.

Nesta presentación Gracia Sanctorum explícanos detidamente a orixe e o proceso de formación dos haikus. Nel podes ampliar a información.

Os debuxos de Antón no regreso de Os Resentidos

Os Resentidos volven aos escenarios. Fano co disco Organización Nautilus. E se o regreso da banda que fora pioneira no uso do galego nos 80 é xa de por si unha moi boa nova, para nós, para a comunidade educativa do IES de Porto do Son éo aínda máis. A razón non é outra que o ilustrador! Si, si, porque a persoa que creou os debuxos para nove dos temas deste disco que nos fala de piratas, tesouros…, que nos convida á festa (e, a reflexionar tamén, entre peza e peza) non é outro que o noso alumno Antón! O ilustrador de Portosín :):)

Xa sabemos da súa grande capacidade para o debuxo, para a cor! Un momentiño de descanso, un rotulador… e xa está: un pirata, un vilán, un polvo, un golfiño….

Dende o equipo de biblioteca felicitámolo polo seu traballo. E non é para menos, como podedes ver nun dos vídeos de promoción:

E aquí o temos o artista, a carón da banda na presentación do disco. Bravo, Antón!

Concurso poético: Luís Seoane. Cor e mais palabra.

Como sabedes, hoxe celebramos a Luís Seoane,  figura homenaxeada no ano 2019 no Día das Artes Galegas pola Real Academia Galega de Belas Artes. Ademais de achegárvolo na exposición do equipo de biblioteca, facemos públicas as bases do concurso poético Cor e mais palabra.

BASES

  • Os poemas deben presentarse en galego.
  • Cada persoa só poderá enviar un.
  • Has de inspirarte nun dos cadros de Seoane (incluídos os gravados). Escólleos entre os que figuran na exposición (nela tes un libro sobre Seoane como pintor que podes consultar). Copia a imaxe no documento que entregues ilustranto a túa creación. Inclúe un pé de foto co título (se non o atopas, pregunta na biblioteca).
  • Os textos deben ser orixinais.
  • Publicaranse no blog da biblioteca os gañadores e unha selección dos presentados.
  • O xurado resérvase o dereito de deixar deserta algunha das categorías se os textos carecesen de calidade.
  • O prazo límite para presentar os textos será o 26 de abril de 2019. Debedes facelo entregándollos aos vosos profesores de Lingua Galega. 
  • A entrega de premios terá lugar na biblioteca no 2º recreo do día 16 de maio

CATEGORÍAS

A: 1º e 2º de ESO

B: 3º e 4º de ESO

C: 1º e 2º de BACHARELATO e ciclo.

 

PREMIOS POR CATEGORÍAS

En cada categoría haberá dous premiados que recibirán como agasallo cómics de escritores galegos ou traducións  de autores representativos deste xénero.

No 2017 foran os cadros de Maruxa Mallo, homenaxeada entón no Día das Artes, os que nos inspiraran. Seguiamos o ronsel da obra colectiva Coroa poética a Urbano Lugrís.  Nela, escritores e escritoras da literatura actual poetizan os cadros do autor. Lugrís  foi un pintores máis destacados da pintura galega do XX, como Maruxa Mallo e Seoane. No enlace e neste pdf podedes ver a publicación colectiva que ofrece a Asociación de Escritores en Lingua Galega: URBANO Lugrís

Unha mañá ben artística!

É certo que foi unha mañá repleta de arte: primeiro artes escénicas e despois a arte da ilustración. Este luns o alumnado de Filosofía de 4º de ESO e os membros do grupo de teatro asistimos a un espectáculo teatral en Compostela titulado Cranios privilexiados a cargo da compañía Mofa e Befa. A peza é unha parodia da filosofía en clave de comedia: servíndose de filósofos que existiron e outros que se inventan, van facendo un percorrido histórico de temas tratados na filosofía ata hoxe. A través da súa habilidade para transformarse en múltiples personaxes, estes dous actores conseguiron algo bastante inaudito: divertir ao auditorio falando de filosofía.

Unha vez rematada a función, visitamos a Mostra de ilustración contemporánea na sala de exposicións de Abanca. Trátase dunha exposición colectiva que reúne a dezaseis ilustradores de talla internacional e entre os que se encontran algunhas artistas galegas. Debemos destacar que trece dos artistas son mulleres, o que pon de manifesto a importante presenza feminina neste campo da arte. A falta de tempo fixo que non puidéramos deleitarnos todo o que quixeramos pero así e todo fomos quen de descubrir imaxes, unhas veces evocadoras e outras ambiguas ou inquietantes. Foi un verdadeiro pracer rematar a mañá mergullados nesta atmosfera de cor. Grazas, Sonia pola proposta.

Certame poético: Maruxa Mallo nas augas da invisibilidade

thumb_315_marujamallo_01

Maruxa Mallo é a figura homenaxeada no ano 2017 no Día das Artes Galegas pola Real Academia Galega de Belas Artes.

O seu carácter transgresor e a súa actitude vital en defensa dos dereitos da muller, que loitou contra o machismo e calquera tipo de discriminación, convértena nunha figura imprescidible para dar a coñecer parte da nosa historia. As súas obras pictóricas convertérona nunha das grandes figuras do surrealismo internacional. Porén, incomprensiblemente, segue a ser, para moitos, unha descoñecida. De aí o noso interese en sacala das augas da inivisibilidade.

Dende o Equipo de Dinamización da Linguaa Galega e o equipo de biblioteca,  propoñémosche que escribas un poema . Para iso deberás escoller un dos seus cadros e expresar aquilo que che suxira dun xeito literario.

BASES

  • Os textos deben presentarse en galego.
  • Cada persoa só poderá enviar un texto.
  • A temática debe centrarse nalgún dos cadros de Maruxa Mallo (enlazamos unha presentación na entrada do blog).
  • Os textos deben ser orixinais.
  • Publicaranse no blog da biblioteca os gañadores e unha selección dos presentados.
  • O xurado resérvase o dereito de deixar deserta algunha das catergorías se os textos carecesen de calidade.
  • O prazo límite para enviar os textos será o 21 de abril de 2017, no marco do Día do Libro. Os premios entregaranse o 18 de maio, como unha das actividades arredor do Día das Letras Galegas.

CATEGORÍAS

A: 1º e 2º de ESO

B: 3º e 4º de ESO

C: 1º e 2º de BACHARELATO e Ciclo

PREMIOS POR CATEGORÍAS

En cada categoría haberá dous premiados que recibirán como agasallo aglúns dos mellores cómics de escritores galegos ou traducións de autores representativos deste xénero.

Algo semellante foi a experiencia da Coroa poética a Urbano Lugrís.  Foi Lugrís un dos pintores máis destacados da pintura galega do XX e coetáneo de Maruxa Mallo. Nela, escritores e escritoras da literatura actual poetizan os cadros do autor. No enlace e neste pdf podedes ver a publicación colectiva que ofrece a Asociación de Escritores en Lingua Galega: URBANO Lugrís

EDLG

"Salseiros" entrevista a David Pérez. Do fío de Eusebio Lorenzo Baleirón.

Con motivo da exposición inaugurada na Casa de Cultura de Porto do Son, XXV ANIVERSARIO DO PREMIO DE POESÍA EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN, Pastor Rodríguez entrevista a David Pérez Iglesias para o programa cultural Salseiros, de TV27 Canal Barbanza. David fala de Eusebio, do Eusebio da ausencia e da presenza, do amigo, do poeta; de aqueles poetas que recibiron o premio que o lembra.

A segunda parte da entrevista céntrase en Todo o tempo do mundo, o libro co que vén de gañar o último Merlín, e na poesía, en como a viven os adolescentes, en como se interrogan sobre a vida a través dela e como ela nos interroga.

Buscade un ratiño para escoitalo.

A exposición poderedes visitala ata a primera semanda de decembro.

“Salseiros” entrevista a David Pérez. Do fío de Eusebio Lorenzo Baleirón.

Con motivo da exposición inaugurada na Casa de Cultura de Porto do Son, XXV ANIVERSARIO DO PREMIO DE POESÍA EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN, Pastor Rodríguez entrevista a David Pérez Iglesias para o programa cultural Salseiros, de TV27 Canal Barbanza. David fala de Eusebio, do Eusebio da ausencia e da presenza, do amigo, do poeta; de aqueles poetas que recibiron o premio que o lembra.

A segunda parte da entrevista céntrase en Todo o tempo do mundo, o libro co que vén de gañar o último Merlín, e na poesía, en como a viven os adolescentes, en como se interrogan sobre a vida a través dela e como ela nos interroga.

Buscade un ratiño para escoitalo.

A exposición poderedes visitala ata a primera semanda de decembro.