Desbotando prexuízos!

O equipo de EDNL e o equipo de biblioteca fanvos chegar as reflexións do alumando de 1º de ESO sobre o uso do galego! Desbotan prexuízos, defenden a lingua de seu!

Serafín Marcos volve nas Letras

Neste maio, o patio transformouse en escenario. Fóra, coa caloriña da primavera das Letras, volveu Serafín Marcos ao centro. Tróuxonos a Xela, e a Carballo Calero

Xela, nena, un premio; Xela moza, a rebeldía; Xela escritora e as “mans para apañar o mundo” e a poesía na que todo cabe – tigres, cabalos, daríos, pescadas, leitugas… E non posuír “máis silencio ca min mesma”.

Carballo, inevitable remoer a perda da oportunidade para repensar o idioma.

Gañador@s do concurso Luís Seoane, cor e mais palabra

Onte, no marco do Día das Letras Galegas, entregamos na biblioteca os premios do concurso Luís Seoane, cor e mais palabra, convocado polo Equipo de Dinanización da Lingua Galega e a biblioteca. Sebastián, María, Mariña, Helena e Adriana recolleron os agasallos: cómics en galego. Segundo o xurado, a escolla non foi nada sinxela. Moitos dos poemas aportaron palabra á cor dos cadros de Seoane. Sen dúbida, no noso centro, celebramos a Seoane (mesmo máis que algúns organismos públicos que terían que telo feito, cando menos este ano); a visita á exposición realizada dede a biblioteca foi unha das actividades da Semana Cultural .

Adicámosllo a Fraguas. El e Seoane loitaron por manter a identidade de Galicia!

Parabéns a tod@s por participaren e, en especial, aos gañadores (por certo, seguimos tendo moita máis participación feminina!!! Mozos, espabilade!).

 

Luís Seoane: cor e mais palabra. Día das Artes Galegas.

Luís Seoane : cor e mais palabra

Luís Seoane é a figura homenaxeada no ano 2019 no Día das Artes Galegas pola Real Academia Galega de Belas Artes.

Foi un dos intelectuais do século XX comprometido coa cultura e a sociedade galegas, que contribuíu a engrandecer a nosa terra a través do seu labor como artista, escritor, xornalista, editor e promotor dun gran número de iniciativas culturais ao longo da súa vida.

Achegádevos á exposición para coñecelo. Saber da súa traxectoria vital e artística. Na Semana Cultural visitarémola e tamén podedes revisala nesta presentación.

 

Obradoiro de Radio na Biblio con Ponte nas Ondas!

Onte estiveron connosco Xerardo e Damián, de Ponte nas ondas, dentro do programa de formación de Radio na Biblio. Alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO (boa parte do club de lectura), e un grupo de profes que os acompañaban, formáronse onte como técnicos de radio. Foi unha intensa e ben aproveitada xornada que comezou ás 13.10h e rematou ás 18.00h. Familiarizarse tecnicamente coa radio, aprender a facer un guión, saber do reparto de tarefas (técnicos, locutores…), reparar en como falar ante o micro… Traballando en equipo, fixeron unha práctica de creación dun programa de radio que tratou temas variados, dende publicitar Porto do Son, pasando por un consultorio sentimental, ata música con trap e rap!!!

Foi moi interesantes e divertido! Agora toca ir facendo novo programas e ir uníndonos a rede de escolas nas ondas!

 

“Language Planning” cos Quinquilláns

A Editorial Galaxia e acompañía de teatro Os Quinquilláns fixeron posible que o noso alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato asistisen ao espectáculo Language Planning que se representou na Aula de Cultura de Porto do Son.
Baseándose en moitos dos relatos de Made in Galiza de Sechu Sende e fragmentos das obras de Núñez Singala que tratan a temática socilingüística, os actores, coa súa retranca, axudáronnos a reflexionar sobre a situación da nosa lingua. O fío do que tiraron foi existencia dun plan, que existe desde hai moitos séculos, para que deixemos de usala e desapareza. Que podemos facer nós para que non teña éxito? Tomar conciencia do problema e reaccionar. Como? Falándoa SEMPRE!

A saída compleméntase coa lectua da obra de Sechu Sende, que ofrece a editorial ao mercar a entrada.

Un bo plan teatral e lingüístico!

 

 

Aldaolado. O galego, a miña lingua propia “Porque si”

O GALEGO, A MIÑA LINGUA PROPIA, é a campaña de dinamización social da lingua galega que organiza a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e que está a levar polos centros xornalistas, pintores, cineastas, poetas, editoras, músicos…. Son referentes na cultura galega, fixeron e fan da lingua galega e da identidade galega a base dos seus traballos e das súas creacións.

Connosco, este martes, estiveron Aldaolado,  Lucía Aldao e María Lado. Porque si. Porque son poetas, porque contan en galego, cantan en galego, porque senten e comunican en galego… Porque rin. Porque nos fan rir. Porque conmoven. Porque moven…

Xa estiveran aquí hai uns anos. E agora, de novo, Porque si. Ao alumnado de 4º de ESO explicáronlles ese  “porque si” da súa campaña. Como decidiron facer do galego a base das súas creacións poéticas e recitais, descubrindo a lingua como neofalante. no caso de Lucía, recoñecéndoa como a expresión obvia do propio, no caso de María. Cos seus poemas, coas cancións, co sorriso cómplice, mesmo coa gargallada, fixeron ver ao mozos e mozas do Son que eles son o futuro desta “Lingua azul e lixeira” que quere “cheghar a vella”.

E como non, aprendemos que a poesía fala de amor, -mesmo de “amantes galego falantes” que son “anaquiños de bolo”, fala dos medos, dos retos, das arelas… E algo que xa sabiamos, que a poesía pode ser divertida, proba disto, os poemas dadaístas que fixemos con elas:

 

Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Equipo de biblioteca, departamento de Lingua Galega.

 

 

“Anagnórise” con Limiar Teatro, no ronsel das Letras!

Seguimos co ronsel das Letras! Ás lecturas, ao traballo da exposición, ao radioteatro, á folidada e á Historia de amor de Serafín Marcos, engadimos o teatro!

O alumnado de 3º e 4º de ESO leu este trimestre Anagnórise, en 3º mesmo fixeron guións de radio para un programa sobre libros no que os convidados foron María Vitoria Moreno e os protagonistas da obra, Nicolau e Xulia (pronto os gravaremos para Onda Perseveira). E hoxe, na Casa de Cultura, asistiron á adaptación escénica que Limiar Teatro fixo da obra. A actividade foi promovida pola Editorial Galaxia como homenaxe á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, así como a adaptación escénica de Leonardo e os fontaneiros á que asistiron os máis novos do instituto no mes de abril.

Limiar Teatro achegounos á obra de María Vitoria Moreno, cunha proposta novidosa e divertida, na que incorpora a linguaxe audiovisual, as novas tecnoloxías e a música para atraer un público que, na súa xuventude, se mostra polo común esixente e ao que é difícil sorprender. A escenografía, o fragmentarismo na escolla de elementos da obra, complementan a lectura desa Anagnórise que interpela o lector novo, a moza e o mozo que están a procurarse a si mesmo. Limiar Teatro soubo recoller a vixencia desta novela que hoxe segue a gañar lectores!

Estas son algunhas das opinións do noso alumnado:

“Pareceume divertida e interesante, explica moi ben todo o que acontecía na novela. Empregaban unha linguaxe sinxela e comprensible. (…) Os actores fixéronnos rir moito. A ocorrencia de poñer o coche no escenario foi atraente” (Ana)

“A obra pareceume divertida, interactuaron moi ben co público e calquera podía entendela” (Alén)

“Ao comezo (…) pareceume que non era moi boa, pero a medida que ía transcorrendo a obra, fíxose moi entretida. Os actores só precisaron o teito e a porta dun coche, uns focos e unha mesa de sons. Ademais, a participación do público fixo que esta representación conseguise alcanzar o punto humorístico que todos esperabamos” (Iria)

“A obra foi moi dinámica, divertida e variada. Non só se centraron no libro. Foi moi orixinal pois os actores presentaban as súas opinións e tamén tocaban a guitarra e bailaban, facendo que o público participase” (Rita)

“Na obra representaron escenas de Anagnórise, pero con gracia; iso gustoume(…) Foron moi astutos utilizando frases do libro e combinando elementos tecnolóxicos.” (Eloi)

“Gustoume, sobretodo, a posta en escena que daba a impresión de espazo acolledor, grazas aos cambios nas luces e trasladaba o espectador á viaxe en coche de Xulia e Nicolau. Paréceme inxeniosa a idea que tiveron os actores de colocar unha porta e o teito do coche no escenario. Ambos os actores, que nos fixeron vivir esta obra dunha forma máis intensa, son xeniais, ademais os dous son músicos e cantaban que daba gusto. Unha das cousas que non me convenceu foi o feito de que a obra de teatro se baseara nos diferentes comezos cos que abrir o espectáculo”. (Clara)

“Gustoume moito a obra xa que é moi orixinal. Contaba a historia do libro dunha forma divertida. ” (María)

Cando o alumnado de 1º de ESO asistiu á representación de Leonardo e os fontaneiros por Ubu Teatro estabamos coa migración de contidos do blog antigo a este. Aquela actividade publicámola na páxina do centro. Podedes lembrala aquí.

II Foliada das Letras e “Unha historia de amor” con Serafín Marcos

O venres continuamos coas actividades de celebración das Letras. Xa que temos bos músicos (coa pandeireta de Rosi incluída) e bos bailaríns, que mellor motivo que as nosas Letras e a nosa fala para unha festa! E velaí a II Foliada das Letras!

Pola semana a profe Eva e un grupo de mozos e mozas ensináronnos, con moita paciencia, a sacar uns puntiños para poder bailar! Poderiamos “disir”… “Eu bailar, bailar, bailei, a ghasia non era moita…! Pero tanto ten, non? Xa había quen se daba maña e a cousa “lusiu”..!

E pechando a mañá Serafín Marcos, xa da casa por estas datas, tróuxonos “Unha historia de amor”, a de María Victoria  Moreno con Galicia, co galego e coa literatura. Os mozos e mozas de 2º de ESO pasaron do abraio á gargallada, do sorriso á mirada reflexiva… Fica aí, un ano máis, ese pouso que Serafín vai sementando.

17 de maio, Día das Letras Galegas: María Victoria Moreno

Estamos xa de cheo no mes das Letras; achégase o Día das Letras e polo centro andamos a saber dela. Dende o equipo de biblioteca elaboramos unha presentación que acompaña a exposición do corredor. O alumnado de 1º e 2º de ESO saíu das aulas para saber un pouco máis estremeña que namorou de Galicia e da súa fala.

Aquí vos deixamos a presentación que recolle a información da exposición. Pinchade na imaxe para poder vela:

Animádevos tamén a escoitar o podcast Ouigha con Castelao e compañía, haberedes de atopar a María Vitoria tamén pola Onda Perseveira, a nosa radio!

 

Go to download