CONTADAS NA PERSEVEIRA

26907779_1531133860335435_8269854201638102994_n

Xa temos aquí outra vez aos pequeniños do concello desexando escoitar os contos na sala perseveira!! Cun público tan entusiasta non hai quen se resista así que Sergio, Iria, María, Berni, Érika, Loreto, Soraya, Sara e Andrea puxeron todo da súa parte para que este día fora algo especial. Fixéronos cantar, bailar e contar algún que outro conto. Agardamos que voltedes o ano que vén!

contando cos nenos

artes escénicas (1)

Facendo eco das “PALABRAS DO DÍA”

Andamos co tema da Comunicación e o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega e o equipo de biblioteca decidiron espallar palabras, en concreto as “Palabras do día” que a Real Academia Galega e a Fundación Barrié nos ofrecen cada día no seu Portal das Palabras:

Sin título

Pois nós usamos tamén un “portal”, o taboleiro da porta do IES para sementar palabras que han de medrar!

Sin título

 

Gañadores do Concurso de relatos curtos de medo!!!

dav
dav

Tivemos que retrasar a entrega dos premios do Concurso de relatos curtos de medo para dar un pouquiño máis de tempo ao xurado. Non foi fácil a decisión, pero xa temos os gañadores!!! Aí vai:

Da 1ª categoría, Érika Ventoso Armental, de 2º ESO B

Da 2ª categoría, Jesús Luís Vázquez Pajares, de 4ºESO C

Da 3ª categoría, Susana Outeiral Caamaño, de 2ºBACH. B

Parabéns!!!!!!!!

Na sobre aínda están pechados, pero estes son os libros dos agasallos:

descarga

purgarinoceronte

 

 

 

 

 

 

E estes son os seus textos. Acomodádevos para entrar no medo e o misterio…:

Pasos

Sei que só me quedan unhas poucas horas de vida. Escoitaba os pasos que ían cada vez máis rápido. En secuencias repetitivas, como un zunido no oído de quen o escoitase. O medo en min aumentaba á mesma velocidade. Fose o que fose, cada vez estaba máis preto e non parecía querer parar. Ao final, co medo, deume un ataque ao corazón. Desminto que chamen rumor a que o sentido do oído é o último en perderse ao morrer. Pois ben, aquel incesante ruído que eu confundín con pasos non eran máis ca os latexos do meu corazón.

Érika Ventoso Armental

A pantasma das castañas

Fóra, a noite era fría e húmida. Avó acababa de acender a cociña de ferro e eu estaba a carón del. Entre as mans, apresaba unha boas castañas cocidas e mentres as roía, contábame como o seu irmán Antón as roubaba cando eran novos.

De súpeto, escoitamos que alguén petaba na porta. O avó ergueuse como se agardase unha visita. Oín como falaba cun tal Antón e veu buscar unhas poucas castañas para levarllas nun cesto.

A porta pechouse bruscamente e dixo: – “O Antón, que nunca falla nestas datas!!!”

Nese intre sentín un arrepío, pois Antón morrera. Corrín cara á porta. Abrina e vin como unha estraña figura cun cesto desaparecía.”

Jesús Luís Vázquez Pajares

Fatalidade

Está sentado a vinte pasos de min. Non se move. Só permanece fitándome atentamente como un depredador observando a súa presa.

Tremo. Quero escapar da gaiola na que me atopo. Grito. Choro. Achégase uns pasos. Agora está a quince pasos.

Asólame a agonía. Vexo a miña vida pasar e as miñas bágoas inundan o cuarto no que me atopo. Achégase. Só se escoitan as cadeas que sostén. Está a seis pasos.

Quero saír. Que alguén me axude. Por favor…

Xa está aquí. Silencio… Escuridade… Medo…

Rómpese o fío dun tear.

Susana Outeiral Caamaño

Os dicionarios, na Semana da Alfabetización en Medios e Información

Dende Bibliotecas Escolares convidaron ás bibliotecas da Rede PLAMBE a celebrar dende o 24 de outubro ao 1 de novembro o Día Internacional da Alfabetización en Medios e Información, a AMI, a proposta da UNESCO. O equipo de biblioteca sabe da necesidade de formar o alumnado nestes ámbitos, conscientes do momento de transformación que estamos a vivir no proceso de aprendizaxe, non só nas aulas, senón tamén fóra delas.

Hai uns anos elaboramos Con brillo de cometa. Da materia de Proxecto Interdisciplinar, pasamos a ALFIN como hora de libre configuración. As necesidades ían levándonos ao traballo por proxectos, á aprendizaxe colaborativa. Creamos na aula virtual unha sección de Ferramentas comúns de aprendizaxe (como elaborar esquemas, como presentar traballos, como realizar exposcións orais…). No curso pasado, estudamos e programamos unha nova forma de encarar este ámbito, a través dun Plan TIC e un Tratamento Integrado de Linguas con vocación interdisciplinar: facer ver ao profesorado e ao alumnado que a alfabetización na investigación e no tratamento da información non atinxe só ao equipo de biblioteca. Complementa a materia de ITI en 2º de ESO, centrada na alfabetización audiovisual. Acabamos de botalo a andar, de plantar a semente. Non parece que vaia mal.

E seguimos elaborando materiais para atallar as nosas necesidades. Aproveitando os coñecementos en lexicografía de Carme Pazos, profesora do departamento de Lingua que vén de integrarse no equipo, mesturamos a súa visión e a nosa e realizamos un novo recurso para as Ferramentas comúns de aprendizaxe: OS DICIONARIOS.

Que aportan os dicionarios? Como podo guiarme neles para atopar a información? Que tipos de dicionarios hai na nosa biblioteca e na rede?

A nós serannos de utilidade, agardamos que a vós tamén!

Concurso de relatos curtos de medo

Medo

Achéganse tempos de caveiras, meigas, cabazas e candeas!!!!

Dende a biblioteca propoñémosvos crear relatos curtos que comecen por algunha destas frases:
Está sentado a vinte pasos de min…
• Fóra, a noite era fría e húmida …
• Sei ben que só me quedan unhas poucas horas de vida…

BASES

Debe ser unha historia que cumpra os seguintes requisitos:

  • Ha de comezar por unha das frases propostas.
  • Ten que ser unha obra orixinal do participante.
  • Escrito en galego.
  • Mecanografado a dobre espazo en Times New Roman nº 12.
  • O tema é libre.
  • O relato deberá ter entre 80 e 100 palabras.

CATEGORÍAS

  • 1º e 2º de ESO.
  • 3º e 4º de ESO.
  • Bacharelato e Ciclos.

PREMIOS

Concederase un premio por categoría consistente nun libro ou cómic de medo.

XURADO

Estará constituído por membros do equipo de biblioteca e persoal non docente.

 PRAZO DE PRESENTACIÓN E ENTREGA

O prazo de presentación remata o 31 de outubro.

Os textos terán que levar un título e estar asinados cun pseudónimo. Entregaranse en conserxería nun sobre pechado. Na súa cara externa figurará o mesmo pseudónimo, o título do relato e a indicación “Concurso de relatos curtos de medo”. No interior, noutro sobre pechado, incluiranse os datos persoais (nome e apelidos, curso e grupo).

 FALLO

O 6 de novembro no blog da biblioteca. Ao día seguinte, no segundo recreo, repartiranse os premios.

Poemas do Certame poético Maruxa Mallo nas augas da invisibilidade

 Textos premiados e seleccionados no Certame poético Maruxa Mallo nas augas da invisibilidade.  Unha das producións, o poema de Valeria Baleirón, foi galardoada no V Certame de Poesía Escolar Rosalía de Castro. Parabéns!!! Seguide escribindo!

http://www.authorstream.com/player.swf?fb=0&nb=1&ct=5&ap=0&pl=as&c=dfdfdf&p=3164437_636334562777466250&fi=1

More presentations from etikeles

Recollendo o premio do V Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro

Valeria Baleirón

Onte á tardiña, a Casa da Matanza lucía fermosa, acariñada polo sol de xuño. Ata alí achegámonos para acompañar a Valeria Baleirón,  alumna de 2ESO do IES de Porto do Son, para recoller o premio ao 2° accésit no V Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro,  na categoría de  Primeiro Ciclo da ESO: unha tarxeta regalo polo valor de 100 euros.  Fixo a entrega Pati Blanco, director de comunicación do Corte Inglés, patrocinador do certame. O xurado salientou o diálogo entre a pintura e a arte no texto da autora. Valeria recitou, serena, o seu poema “Só silencio”, unha interpretación do cadro de Maruxa Mallo, “Antro de fósiles”; e escoitámola con orgullo. Xunto con outros 14 alumnos que presentaron os seus poemas ao concurso, achegábanse mediante a palabra á pintora viveirense, no marco das actividades que, dende a biblioteca e o equipo de normalización, se levaron a cabo ao longo do curso para sacar esta artista “das augas da invisibilidade“.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, puxo o ramo ao acto, salientando que, se hai 180 anos con Rosalía nacía un soño para a lingua e a literatura galegas, aquela esperanza  estaba  presente alí representada “polos mozos e mozas” que recollían os galardóns.
Viñemos felices de ver entre estes mozos e mozas alumnos do IES de Pobra do Caramiñal e do Aquis Celenis, centros cos que vimos mantendo unha estreita colaboración arredor da lingua e a lectura! PARABÉNS!!!!
dav
dav
O 15 de xullo farase a presentación do libro.
Esta semana o xornal La Voz de Galicia facía eco do éxito de Valeria Baleirón no V Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro.

Sin título

GAÑADORES NO V CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO

O IES de Porto do Son entre os gañadores V CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO!!! 15 alumnos e alumnas presentaron poemas que crearon a partir de cadros de Maruxa Mallo no marco das actividades de visibilización da artista levadas a cabo dende a Biblioteca. E….. VALERIA BALEIRÓN, de 2º de ESO, con “Só silencio”, a súa interpretación poética do cadro “Antro de fósiles” GAÑOU O 2º ÁCCÉSIT NA CATERGORÍA DE 1º CICLO! Parabéns para ela, para o alumnado do centro que participou e, por suposto, para os mozos e mozas gañadores!!! Entre eles prácenos ver a amigos do Aquis Celenis de Caldas e do IES da Pobra do Caramiñal!!! O venres 9 de xuño recollerá o premio na Casa-Museo de Rosalía de Castro!

Sin título

Premiados no certame poético Maruxa Mallo

dav
dav

A semana das Letras Galegas é, sen dúbida, a apropiada para entregar os galardóns ao alumnado premiado no certame poético Maruxa Mallo: nas augas da invisibilidadeA palabra para celebrar a arte, neste caso, a arte con nome de muller. E que mellor que unir palabra e imaxe, a banda deseñada,  para recoñecer os poemas seleccionados polo xurado: Un océano de amor, Engurras, Persépole, GorazdeTítulos imprescindibles para unha biblioteca. Todos eles publicados en galego, agás o primeiro que só ten imaxes.

Os afortunados son:

Categorías:

A:

  • 1º Premio “Cazaremos nas redes dos atlas…” de Mariña Castelao Ouzande e Erika Ventoso Armental, 1º B ESO
  • 2º premio “Rostro negro e redondo” de Valeria Lorenzo, 1º C  ESO

B:

  • 1º Premio “ Despertei, deixei que o pincel falara” de Antía Fernández Campaña, 4ºA
  • 2º Premio “ Miña nena non te olvides” de Adriana Mariño, 3º C

C:

  • 1º Premio “ Morte, óbito de escuros trazos” de Manuel Castelao Ouzande, 1ºB Bacharelato
  • 2º Premio “Unha brisa” de Nerea Queiruga Fernández, 2ºB Bacharelato

Parabéns!!! Sacando a Maruxa Mallo das augas da invisibilidade!!!

thumb_315_marujamallo_01