Día das Bibliotecas: inauguración do club de Ciencias

Onte, 24 de outubro, foi o Día das Bibliotecas. Hoxe o equipo de biblio celebrou o papel que as bibliotecas escolares xogan nos centros participando co club de ciencias na xornada inaugural. Estaremos aí, nas actividades, na redacción… Nesta primeira sesión co alumnado, construímos unha cúpula xeodésica con globos. Unha práctica do que será un dos produtos finais!

Botando a andar o club de ciencias!

Se recuperar o club da rapazada é emocionante, que non o é menos que o equipo de biblio forme parte do club de ciencias. O profesorado novo involucrado na vida do centro, no ensino, nese sentir que nos leva de novo, despois deste tempo estraño que vivimos, á ESCOLA QUE QUEREMOS!

E estamos aí as materias de ciencias, as materias de letras, as artes plásticas… a colaborar para construír, para abrir ao alumnado unha porta dun saber que non sabe de compartimentos pechados, que é interdisciplinario no sentido máis humanista da palabra. E comprometido co planeta, ese minúsculo punto azul pálido:

«Dende esta perspectiva afastada, pode parecer que a Terra non ten nada de particular. Mais para nós, é outra cousa. Observa de novo ese punto.

Iso é aquí. Iso é noso lar. Iso é nós. Todos os que queres, todos cantos coñeces, todos aqueles dos que algunha vez sentiches falar, cada ser humano que algunha vez foi, viviu nel a súa vida. A suma da nosa felicidade e sufrimento, miles de relixións fervorosas, ideoloxías e doutrinas económicas, cada cazadora e cada colleitador, cada heroe e covarde, cada creadora e destrutora da civilización, cada rei e plebeo, cada parella de novos namorados, cada nai e pai, neno esperanzado, inventora e explorador, cada mestre de moral, cada político corrupto, cada “superstar”, cada líder supremo, cada santa ou pecadora da historia da nosa especie viviu aquí…

…nun argueiro de po suspendido dunha raiola.»

Punto azul pálido, Carl Sagan, tradución da Estíbaliz Espinosa.

E facemos nosas as palabras da poeta citando a  Stephen Jay Gould: «Non imaxino un mellor caso de proba para extraer os universais da creatividade humana que o estudo das profundas similitudes no proceder intelectual entre artes e ciencias.»

E aí estaremos, abrindo vieiros co alumnado que ha pensar a Terra e e o seu futuro!