Historia dunha gaivota

Penúltima xuntanza do club de lectura Furalibros, e como a estas altura de curso, están xa cansadiños, propuxemos unha lectura pequena, áxil, e sobre todo, fermosa. O libro Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar, do escritor chileno Luis Sepúlveda, conta a historia dun gato que se ve no compromiso de incubar un oviño de gaivota e ao nacer, ter que ensinarlle a voar. Nesta novela os humanos somos personaxes secundarios, ás veces negativos, sobre todo cando somos os culpables de contaminar os océanos. O protagonismo real nesta lectura téñeno basicamente os gatos, cada un co seu propio carácter…..e sí, ao final a pequena gaivota “Afortunada” aprende a voar.

Advertisement

Azucre

Título doce para unha novela amarga. O libro de Bibiana Candía está baseado en feitos reais que ocorreron no século XIX, cando se trasladaron a Cuba a máis de mil galegos para traballar en condicións de escravitude nas plantacións de caña de azucre. Estos feitos, descoñecidos para a maior parte do público, aparecen descritos nas cartas que enviaban aos familiares pedindo axuda. A escritora fai un relato trepidante, con frases moi curtas, que nos trasladan a esa viaxe en barco en condicións infrahumanas e a posterior escravitude nas facendas de azucre. Gustou esta lectura aos membros do club de lectura Fraga de Novio. Voltamos en maio con Emma Pedreira.

A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey

Case parece un trabalinguas, pero é o título que escollemos desta volta para degustar @s Lerpeir@s. O día radiante e, en vez de pastel de pel de pataca, saboreamos chocolate con café, toda unha delicia. Pero deliciosa tamén resultou a correspondencia que mantén Juliet, a protagonista, cunha serie de personaxes que van aparecerendo por esta novela tan peculiar de xénero epistolar que tivemos o pracer de compartir.

Unha casualidade pon en contacto á escritora Juliet Ashton cun dos membros deste clube de lectura, que non só ten de orixinal o seu nome que dá título á obra, se non tamén os seus integrantes e a súa motivación. Nesta pequena illa británica, ocupada polos alemáns en plena II Guerra Mundial, xorde esta sociedade literaria que se convertirá no xermolo da relacións entre unhas persoas que parecen moi diferentes. Por que nos atrae a literatura? Que perfil hai que ter para desfrutar coa lectura? Hai algo que determine os gustos literarios? Como pode unir a literatura a un grupo de xente tan dispar?

As cartas que vai e veñen da illa de Guernsey, situada no Canal da Mancha, a Gran Bretaña despertaron en nós, sobre todo nas profes, a nostalxia dese correo postal que foi desaparecendo en pro das redes sociais e tamén a gana de escapar á illa de Guernsey, como fai a protagonista.

Descoñecidos

Despois de case dous meses de parón retomamos o club de lectura dos Furalibros cunha novela chamada Desconocidos, de David Lozano. Non foi a lectura que máis lles gustou aos membros do club, pero desde logo esta novela de intriga deunos materia para poñernos a falar sobre o uso que facemos das redes sociais, e sobre todo, do seu mal uso.

Queda pouco para o final do curso, así que tentaremos alimentar a alma e o estómago deste grupo tan xeitoso de mozas e mozos nas vindeiras xuntanzas.

Balada para Sophie

Desta volta limos no club das Lerpeir@s unha novela gráfica de orixe portuguesa, obra de Filipe Merlo e Juan Cavia. Unha xornalista entrevista a un afamado pianista que vive recluído na súa mansión en Francia a finais do SXX. Julien Dubois agocha unha vida chea de secretos, a rivalidade cun intérprete misterioso que aparece e desaparece da súa carreira, a interrupción da invasión nazi na Francia de mediados de século e a manipulación exercida pola súa nai e o seu adestrador. Os recordos e os remoros flúen entre o fume dos cigarros que acabarán deixándonos vislumbrar a sorpresa que da lugar a última peza: a Balada para Sophie.

De esmorga

Tras os pasos dos protagonistas do libro de Eduardo Blanco Amor fomos algúns dos membros do Club de Lectura Fraga de Novio. Punto a punto, recorremos os principais lugares onde transcurre a novela, contando cun guía de excepción que nos trasladou á Auria do Cibrán, o Bocas e o Milhomes. Aproveitando a visita, coñecemos algúns dos lugares con moito encanto que ten a provincia de Ourense: Pazos de Arenteiro, San Pedro de Rocas e Maceda.

Onde nos levarán as lecturas o curso que ven?

A Esmorga

Cando se plantexa un libro para compartir no club de lectura sempre se pensa en algo publicado recentemente, nunha novidade. Pero está moi ben “redescubrir” clásicos, voltar a ler libros lidos fai moitos anos, e que case todo o mundo ten na súa biblioteca. Desta volta lemos no club de adultos A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, un dos clásicos da literatura galega. Unha novela que asemella unha traxedia grega, onde ves como chega o mal inevitable.

Agora toca ver en vivo os lugares que percorren o Cibrán, o Bocas e o Milhomes, pois varios membros do club faremos unha ruta literaria para coñecer Auria.

Excelencia académica!

Acabamos de recibir a grata noticia do recoñecemento de Excelencia académica que lle otorgou a Xunta de Galicia ao noso exalumno Suso Vázquez Pajares, agora brillante estudante de Xeografia Historia na USC.

Non hai moito que participaba nas sesións dos clubes de lectura e nos certames literarios, nos que xa apuntaba maneiras, gañando en diversas ocasións.

Dende a Biblio do Ies de Porto do Son, moitísimos parabéns!!

Atranco no banco

Para celebrar o Día Mundial da Radio eleximos como lectura do club de lectura Furalibros a obra de teatro de Manuel Núñez Singala Atranco no banco. Esta obra curta é divertidísima, sobre todo cando a teatralizamos. Que difícil é buscar o tono axeitado! Despois da teoría subimos á radio escolar para poñer en práctica e gravar algún fragmento. Aínda hai moito que aprender, pero o primeiro paso xa está dado.

Casa de bonecas

O día Mundial da Radio coincidiu desta volta coa sesión do club de lectura. Escollemos para esta efemérides tan especial a lectura do clásico teatral Casa de bonecas, do noruegués Henrik Ibsen, coa intención de preparar unha lectura dramatizada e subila ao noso blog Onda Perseveira.

Esta peza constitui un antes e un despois na historia do xénero dramático, pois a protagonista preséntase como unha heroína literaria pouco convencional, unha heroína con luces pero con moitas sombras que imos coñecendo segundo vai transcurrindo a obra. Despois de darse conta de que a historia que está vivindo co seu home é unha farsa, toma unha drástica decisión que romperá os esquemas da sociedade do SXIX na que foi escrita. A resolución de Nora de comezar a vivir coma un ser individual ten un prezo moi elevado, pois vese abocada á máis completa soidade.