A rodar de novo

Voltamos con ímpetu renovado nesta nova tempada dos clubs de lectura do alumnado do centro. Como outros anos, esta primeira xuntanza foi compartida polos dous clubs, o dos Benxamíns e o d@s Lerpeir@s. A experiencia das maiores mestura ben coa hiperactividade dos pequenos, sobre todo daqueles que están por primeira vez nun club de lectura. Explicar o funcionamento básico do club e facer as pertinentes presentacións, levounos máis dunha hora. E todo iso acompañado por manxares para adozar.

Quedounos un tempiño para facer unha actividade moi creativa. Por grupos elexiron libros da biblioteca polo seu título, e a partir disto elaboraron poemas. Foi abraiante comprobar o enxeño destos rapaces e rapazas. Prometen!

Advertisement

Muller e ciencia: dende o IES ao Concello

A partir da celebración do 8M no instituto, na que contamos coa presencia de María Mayán, a área de Benestar do Concello de Porto do Son ofreceunos organizar unha xornada sobre igualdade relacionada coa ciencia e o papel da muller neste campo ao longo da historia. O alumnado de cultura científica púxose mans á obra e hoxe puidemos desfrutar do resultado: charla e o posterior coloquio de tres investigadoras.

Participaron Andrea Muras, microbióloga que estuda as relacións entre as bacterias; Socorro Castro, química, profesora da Universidade da Coruña e experta en deseño de novos materiais e as súas aplicacións; e María Mayán, investigadora líder en proxectos internacionais sobre enfermidades dexenerativas e cancro.


Foi un pracer telas con nós e coñecer as súas investigacións, así como as dificultades que atopan no seu día a día só polo feito de ser muller. Foi especialmente interesante o coloquio final onde responderon francamente ás preguntas do alumnado, algunhas delas moi persoais e onde deixaron constancia da necesidade de que tanto homes como mulleres loitemos pola igualdade en todos os ámbitos da vida.

Aquí vos deixamos unha preciosa imaxe dos organizadores e participantes co Monte Louro e o mar de Porto do Son:

E agromaron centos de flores!

E xa, rematando maio, o corredor encheuse de flores e de mensaxes: “Flores no canto de balas”. Así queremos facer visible e facer noso o berro que mulleres feministas rusas publicaron o 8 de marzo en redes de resistencia contra a guerra: цветы вместо пуль, flores no canto de balas contra a guerra. 

A torre de Babel segue en pé: distintas linguas pero un mesmo sentir contra a barbarie e a violencia. Unha chamada á esperanza a través da beleza das flores, que agromaron polas paredes, a carón da do Principiño, frente á dor e a destrución.

Concienciar na necesidade da paz e tamén promover o espíritu crítico é o que nos propoñemos dende a biblioteca e as titorías. O alumnado de ESO de Porto do Son deu renda solta á vertente creativa tentando mitigar a escuridade que provocan as novas que escoitamos día a día a través dos medios de comunicación.

Obradoiro de Radio na Biblio con Ponte nas Ondas!

Onte estiveron connosco Xerardo e Damián, de Ponte nas ondas, dentro do programa de formación de Radio na Biblio. Alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO (boa parte do club de lectura), e un grupo de profes que os acompañaban, formáronse onte como técnicos de radio. Foi unha intensa e ben aproveitada xornada que comezou ás 13.10h e rematou ás 18.00h. Familiarizarse tecnicamente coa radio, aprender a facer un guión, saber do reparto de tarefas (técnicos, locutores…), reparar en como falar ante o micro… Traballando en equipo, fixeron unha práctica de creación dun programa de radio que tratou temas variados, dende publicitar Porto do Son, pasando por un consultorio sentimental, ata música con trap e rap!!!

Foi moi interesantes e divertido! Agora toca ir facendo novo programas e ir uníndonos a rede de escolas nas ondas!

 

“Ferramentas para contar”, obradoiro de técnicas de expresión

Onte, luns, ao mediodía, alumnos e alumnas do club de lectura dos maiores e do grupo de teatro comezaron o obradoiro de técnicas de expresión oral  Ferramentas para contar con Akira Casal. Trátase dunha colaboración coa Área de Xuventude do Concello. Haberá dúas sesións máis que nos axudarán a mellorar as Contadas, nas gravacións de radio, nas aulas… Un taller ben interesante e divertido!

Unha invasión silenciosa. A diversidade baixo ameaza.

Imos fiando xa o tema deste ano co do próximo curso: da Comunicación á Sustentabilidade. E que mellor forma de facelo que con esta exposición de Adega e a Consellaría de Medio Ambiente sobre especies invasoras! Non hai máis que escoitar os berros da natureza que está a chamar por nós!

Colaboramos co departamento de Bioloxía na elaboración dun cuestionario para traballar a exposición e o alumnado, unha vez máis, saíu ao corredor para aprender! Podedes ler a entrada completa sobre a actividade na páxina do centro.