Con Serafín Marcos homenaxeamos a Fernández del Riego

O pasado venres, 12 de maio, o alumnado de 1ºESO coñeceu un pouco máis da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2023 da man de Serafín Marcos, vello coñecido do noso instituto. O artista noiés meteuse na pel do propio Francisco Fernández del Riego, Paco do Rego, para levarnos da man ao longo dun percorrido por diferentes etapas da súa vida, dende a súa infancia en Lourenzá á súa loita por dinamizar o panorama cultural galego da posguerra. Tratouse dun espectáculo interactivo no que o noso alumnado participou activamente de diferentes enredos arredor da figura do célebre ensaísta e artífice de proxectos como a editoria Galaxia ou a revista Grial.

A actividade foi organizada polo departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística.

Advertisement

Serafín Marcos volve nas Letras

Neste maio, o patio transformouse en escenario. Fóra, coa caloriña da primavera das Letras, volveu Serafín Marcos ao centro. Tróuxonos a Xela, e a Carballo Calero

Xela, nena, un premio; Xela moza, a rebeldía; Xela escritora e as “mans para apañar o mundo” e a poesía na que todo cabe – tigres, cabalos, daríos, pescadas, leitugas… E non posuír “máis silencio ca min mesma”.

Carballo, inevitable remoer a perda da oportunidade para repensar o idioma.

Xela Arias: versos nas rúas

Imos encher as rúas, os comercios, o mercado, os bares… de versos de Xela Arias!

Desta breve antoloxía, escolle o poema que máis che guste. Merca unha copia en conserxería ou imprímeo directamente dende a túa casa. Logo, pégao nun lugar público, pedindo permiso cando sexa necesario. Fai unha foto do lugar onde a pos e envíalla á túa profesora ou profesor de Lingua Galega. Ha de verse o espazo, non só a imaxe.

Cun lector de códigos QR poderán acceder á presentación que traballamos na aula.

Veña, anímate! Imos facer que a xente da túa vila, da túa aldea, celebre connosco o Día das Letras!!!

Entra neste enlace para ver o pdf:

Xela Arias. Letras Galegas 2021

Quen era? Como era? Que atopamos tras esta mirada?

Dende o equipo de biblioteca e o equipo de Dinamización da Lingua Galega convidámoste a coñecela. Esta é a nosa homenaxe.

Le, observa, repara…

Para lela en pantalla completa, activa a opción nos tres puntos da parte inferior.

E agora…, serás quen de atopar a resposta correcta? Abre ou descarga este díptico de actividades que poderás responder a partir da presentación:

Serafín Marcos, Antonio Fraguas… Quen ten un mestre etnófrafo?

Un ano máis, Serafín Marcos é quen de levarnos a universo do autor homenaxeado nas Letras. Fai do espectáculo aprendizaxe e lecer. Unha boa receita para enganchar ao alumando. Con el soubemos do neno de aldea, do neno de Insuela, que ía para maquinista no Brasil e acabou sendo mestre etnógrafo, dinamizador cultural, investigador, membro da Real Academia Galega…

Gañador@s do concurso Luís Seoane, cor e mais palabra

Onte, no marco do Día das Letras Galegas, entregamos na biblioteca os premios do concurso Luís Seoane, cor e mais palabra, convocado polo Equipo de Dinanización da Lingua Galega e a biblioteca. Sebastián, María, Mariña, Helena e Adriana recolleron os agasallos: cómics en galego. Segundo o xurado, a escolla non foi nada sinxela. Moitos dos poemas aportaron palabra á cor dos cadros de Seoane. Sen dúbida, no noso centro, celebramos a Seoane (mesmo máis que algúns organismos públicos que terían que telo feito, cando menos este ano); a visita á exposición realizada dede a biblioteca foi unha das actividades da Semana Cultural .

Adicámosllo a Fraguas. El e Seoane loitaron por manter a identidade de Galicia!

Parabéns a tod@s por participaren e, en especial, aos gañadores (por certo, seguimos tendo moita máis participación feminina!!! Mozos, espabilade!).

 

Antón Fraguas. Letras Galegas 2019

Había gustarlle compartir connosco este ano de traballo arredor da Sostibilidade. As rutas, a semana cultural, os traballos de investigación, as creacións artísticas plásticas e literarias, a radio, o entorno… O Antón Fraguas mestre estaría encantado! De seguro!

Nós queremos celebrar este Día das Letras 2019, este 17 de maio, todo o seu labor. Dende o equipo de biblioteca e o equipo de Dinamización da Lingua Galega montamos unha exposición  e elaboramos un díptico con actividades para coñecer mellor a súa vida e a súa obra. Ten carácter divulgativo, daráselles ao alumnado e ás familias. Podedes descargalo aquí.

Bo día da Lingua!

“Anagnórise” con Limiar Teatro, no ronsel das Letras!

Seguimos co ronsel das Letras! Ás lecturas, ao traballo da exposición, ao radioteatro, á folidada e á Historia de amor de Serafín Marcos, engadimos o teatro!

O alumnado de 3º e 4º de ESO leu este trimestre Anagnórise, en 3º mesmo fixeron guións de radio para un programa sobre libros no que os convidados foron María Vitoria Moreno e os protagonistas da obra, Nicolau e Xulia (pronto os gravaremos para Onda Perseveira). E hoxe, na Casa de Cultura, asistiron á adaptación escénica que Limiar Teatro fixo da obra. A actividade foi promovida pola Editorial Galaxia como homenaxe á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, así como a adaptación escénica de Leonardo e os fontaneiros á que asistiron os máis novos do instituto no mes de abril.

Limiar Teatro achegounos á obra de María Vitoria Moreno, cunha proposta novidosa e divertida, na que incorpora a linguaxe audiovisual, as novas tecnoloxías e a música para atraer un público que, na súa xuventude, se mostra polo común esixente e ao que é difícil sorprender. A escenografía, o fragmentarismo na escolla de elementos da obra, complementan a lectura desa Anagnórise que interpela o lector novo, a moza e o mozo que están a procurarse a si mesmo. Limiar Teatro soubo recoller a vixencia desta novela que hoxe segue a gañar lectores!

Estas son algunhas das opinións do noso alumnado:

“Pareceume divertida e interesante, explica moi ben todo o que acontecía na novela. Empregaban unha linguaxe sinxela e comprensible. (…) Os actores fixéronnos rir moito. A ocorrencia de poñer o coche no escenario foi atraente” (Ana)

“A obra pareceume divertida, interactuaron moi ben co público e calquera podía entendela” (Alén)

“Ao comezo (…) pareceume que non era moi boa, pero a medida que ía transcorrendo a obra, fíxose moi entretida. Os actores só precisaron o teito e a porta dun coche, uns focos e unha mesa de sons. Ademais, a participación do público fixo que esta representación conseguise alcanzar o punto humorístico que todos esperabamos” (Iria)

“A obra foi moi dinámica, divertida e variada. Non só se centraron no libro. Foi moi orixinal pois os actores presentaban as súas opinións e tamén tocaban a guitarra e bailaban, facendo que o público participase” (Rita)

“Na obra representaron escenas de Anagnórise, pero con gracia; iso gustoume(…) Foron moi astutos utilizando frases do libro e combinando elementos tecnolóxicos.” (Eloi)

“Gustoume, sobretodo, a posta en escena que daba a impresión de espazo acolledor, grazas aos cambios nas luces e trasladaba o espectador á viaxe en coche de Xulia e Nicolau. Paréceme inxeniosa a idea que tiveron os actores de colocar unha porta e o teito do coche no escenario. Ambos os actores, que nos fixeron vivir esta obra dunha forma máis intensa, son xeniais, ademais os dous son músicos e cantaban que daba gusto. Unha das cousas que non me convenceu foi o feito de que a obra de teatro se baseara nos diferentes comezos cos que abrir o espectáculo”. (Clara)

“Gustoume moito a obra xa que é moi orixinal. Contaba a historia do libro dunha forma divertida. ” (María)

Cando o alumnado de 1º de ESO asistiu á representación de Leonardo e os fontaneiros por Ubu Teatro estabamos coa migración de contidos do blog antigo a este. Aquela actividade publicámola na páxina do centro. Podedes lembrala aquí.

II Foliada das Letras e “Unha historia de amor” con Serafín Marcos

O venres continuamos coas actividades de celebración das Letras. Xa que temos bos músicos (coa pandeireta de Rosi incluída) e bos bailaríns, que mellor motivo que as nosas Letras e a nosa fala para unha festa! E velaí a II Foliada das Letras!

Pola semana a profe Eva e un grupo de mozos e mozas ensináronnos, con moita paciencia, a sacar uns puntiños para poder bailar! Poderiamos “disir”… “Eu bailar, bailar, bailei, a ghasia non era moita…! Pero tanto ten, non? Xa había quen se daba maña e a cousa “lusiu”..!

E pechando a mañá Serafín Marcos, xa da casa por estas datas, tróuxonos “Unha historia de amor”, a de María Victoria  Moreno con Galicia, co galego e coa literatura. Os mozos e mozas de 2º de ESO pasaron do abraio á gargallada, do sorriso á mirada reflexiva… Fica aí, un ano máis, ese pouso que Serafín vai sementando.

17 de maio, Día das Letras Galegas: María Victoria Moreno

Estamos xa de cheo no mes das Letras; achégase o Día das Letras e polo centro andamos a saber dela. Dende o equipo de biblioteca elaboramos unha presentación que acompaña a exposición do corredor. O alumnado de 1º e 2º de ESO saíu das aulas para saber un pouco máis estremeña que namorou de Galicia e da súa fala.

Aquí vos deixamos a presentación que recolle a información da exposición. Pinchade na imaxe para poder vela:

Animádevos tamén a escoitar o podcast Ouigha con Castelao e compañía, haberedes de atopar a María Vitoria tamén pola Onda Perseveira, a nosa radio!

 

Go to download