Que valor pode ter o nacemento dunha flor como esperanza de paz no mundo que estamos vivindo?
Saint de Exúpery deunos as palabras no comezo do capítulo VIII de O principiño. Nunha singular torre de Babel que encheu a nosa biblioteca na conmemoración do Día do Libro, léronnolas Aya, Uxía, Mauro, Robert, Ainhoa, Raquel, María, Leyao e Susana (colaboración no grego). Dende Soncine, Manela, Celia, Álex e David apórtannos a súa mirada na gravación e a montaxe do vídeo.
Si, o nacemento dunha flor pode traer a esperanza…
Continuamos no mes do LIBRO, agora xa cun pé no mes de maio.
Nos recreos do mércores, leuse O principiño na biblio; o capítulo VIII encheu a biblioteca. Uxía, Mauro, Aya, Gabriel, Ainhoa, Robert, Leyao, Raquel e María saben que o galego, o castelán, o árabe, o portugués, o euskera, o catalán, o chinés, o inglés e o francés non deben ser valos, nin muros, nin cerrumes. As linguas son o pobo. Van e veñen coas persoas. Abren camiños e fan que broten as flores. Ben sabe diso Saint de Exupéry:
CAPÍTULO VIII
Aprendín ben pronto a coñecer esta flor. No planeta do principiño sempre houbera flores moi simples, adornadas cunha soa fila de pétalos, que apenas ocupaban sitio e que non molestaban a ninguén. Aparecían unha mañá entre a herba e apagábanse xa á tardiña. Pero aquela xermolara un día, dun gran chegado quen sabe de onde, e o principiño vixiaba atentamente esta poliña que non se asemellaba ás demais. Podíase tartar dun novo tipo de baobab. Mais o arbusto deixou de medrar axiña e comezou a botar unha flor. O principiño asistiu ao nacemento dun enorme rebento e pensou que de aí ía saír algo milagroso, pero a flor pechada no seu cuarto verde, non acababa de se engalanar. Elixía con coidado as súas cores, vestíase lentamente e axustaba un a un os seus pétalos. Non quería saír xa murcha como as papoulas, senón aparecer con todo o esplendor da súa fermosura. Era moi coqueta. Levaba xa moitos días poñéndose fermosa, ata que unha mañá, xusto á hora de se erguer o sol, apareceu.
Neste momento en que é tan necesaria a esperanza e que a paz xermole, non debemos contentarnos con flores “simples”, temos que procurar aquela que se luza “con todo o seu esplendor”. Ler e expoñer O principiño é unha emotiva forma de expresar esta arela, de regala e protexela.
Sacamos ao corredor o libro, tamén nas edicións en moitas outras das linguas en que esta obra se publicou: en gascón, irlandés, turco, lao, corso, siciliano, romanés, polaco, xaponés, crioulo martiquinés, romanesco, grego, búlgaro, eslovaco, ruso, coreano, húngaro, maltés e thailandés. Os libros únense con fíos de la nas cores da bandeira ucraína ao mapa do mundo. Son corredoiras que han traer a primavera. En cada unha delas ha prender a semente da que vai “saír algo milagroso”.
Oxalá maio remate cun tempo florido, cun tempo de paz.
Grazas a Mónica Fernández, amante do clásico francés, por permitirnos expoñer a súa colección no noso centro :):) Para ela, todas as flores!
Manela, Celia e Álex, coa cámara e o son: a mirada destes momentos bonitos do insti. Estamos xa desexando ver o vídeo!
Marzo e abril foron meses de “alixeirar” os protocolos e van volvendo as nosas colaboracións coa OMIX e a Biblioteca do Concello. Desta volta os nosos libros uníronse aos da biblioteca Xerardo Díaz para unha fermosa iniciativa municipal no mes dos libros: nenos e nenas da Ludoteca e maiores do Centro de Día xuntáronse para ler, descubrir libros en distintos formatos e falar do que a lectura nos aporta: álbums ilustrados, cómics, libros con códigos QR, libros que nos falan do noso, doutros tempos e dos que están por vir. Iso somos tamén as Bibliotecas Escolares: un servizo público que ha de manter pontes co entorno.
O alumnado de 2º de ESO leu na biblioteca álbums ilustrados. Eses marabillosos obxectos “de desexo” para quen amamos a lectura e a arte. A calidade na ilustración e o bo facer da palabra escrita. Para nenos e nenas?, non! Os álbums ilustrados son libros sen idade. Só hai que abrilos e descubrir neles a vida!
Achegádevos a eles no Día do Libro! Nesta presentación poderedes atopar moitas recomendacións!
Coa Covid os libros non se poden expoñer nos corredores do centro. Non é posible pasalos de man en man; non cabe sentar a carón e lelos ben aconchegados… Este virus veu marcar unha liña invisible de distancia que ten do outro lado a nosa saúde. A saúde do alumnado.
Así pois… como facelos visibles sen que sexa a través do blog ou as redes? Como interpoñelos nas miradas?
Enriba. Aí, si. Pendurados do teito. Libres de seren manipulados con risco, mais convidadores…
Coas mans nos xeonllos, coa ilustradora Sonia Pulido, achegámonos. Levadas da man dos versos de Francisco Brines, “ulimos un xazmín na infancia unha tarde e non existiu a tarde”.
Vinde ás bibliotecas. Atoparedes un libro que faga que as horas deixen de existir.
23 de abril, Día do Libro. Un ano máis no contexto da Covid-19. Protocolos estritos para evitar o contaxio, para coidanos e protexernos.
Dende o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son achegamos outra medicina, esta para a alma, para o sentir, para os tempos de silencio e as lecturas compartidas…
Posoloxía: ha de consumirse como mínimo unha vez ao día. En calquera momento: co almorzo, co xantar, coa merenda… ;a media mañá, a media tarde…; mesmo antes de deitarse…
Onde a podes conseguir: no noso blog, na lapela de Novidades…. e, por suposto, na nosa biblioteca!
Modo de uso: tras entrar no blog de Novidades, preme na imaxe para saber máis do libro. Tamén podes facer as procuras por temas de interese.
Na materia de ITI investigamos poñendo en práctica o aprendido. No Día do Libro propuxemos unha tarefa de para aprender por que se celebra o Día do Libro, a que país se adica este ano, que é iso da LIX, quen a promove…
Estes foron algúns dos libros que recomendaron na última cuestión:
Tanis I o Mocos de Lourenzo González (Fabián)
A evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly (Hugo)
O equipo de biblio sumouse, con ilusión, á proposta do equipo directivo de participar nun vídeo compartindo as nosas lecturas, os nosos espazos para ler nestes días estraños. O ruxerruxe que sementou Ana Dapena foi tirando de nós, das mozas, dos mozos, do profesorado, de nais e pais…
Velaí van, por aquí, por Instagram, polo Facebook, por Whatsapp, as nosas fiestras ao mundo, os camiños que estes días, a través dos libros, nos levan máis alá!
Para todas e todos vós, neste 23 de abril de 2020! Entra, aquí: Compartir
Loli, a nosa compañeira do equipo de biblio, propuxo ao alumnado da súa titoría ler, ler en familia, gravalo e… aquí temos as voces, as caras, os sorrisos! Mesmo a dun irmán que está ben lonxe!
Ao longo do día irán chegando os vídeos con recomendaciónsde lecturas do alumnado, de profas e profes, nais e pais, irmáns e irmás… Compartirémolas convosco! Ana Dapena e Loli foron turrando de nós e puxéronnos a traballar! Xa veredes que chulos quedaron!
Dende o equipo, seguimos o ronsel coa Guía de Lectura 2020: lecturas no confinamento. Lecturas para escapar pola ventá paraa todas as idades! Podes consultala e descargala aquí. BO DÍA DO LIBRO!