14 de febreiro: Amor a primeira vista

Cres no amor a primeira vista? Cos libros tamén pode xurdir o frechazo: unha ollada, unha chiscadela, un ruxe ruxe no estómago… Si quero! Quero deixarme levar polas verbas e ver se me namora de verdade. 

Ven ao noso “First dates” e atopa o teu libro soñado. Quen sabe se está aquí a agardar por ti?

 

Advertisement

Muller e ciencia: dende o IES ao Concello

A partir da celebración do 8M no instituto, na que contamos coa presencia de María Mayán, a área de Benestar do Concello de Porto do Son ofreceunos organizar unha xornada sobre igualdade relacionada coa ciencia e o papel da muller neste campo ao longo da historia. O alumnado de cultura científica púxose mans á obra e hoxe puidemos desfrutar do resultado: charla e o posterior coloquio de tres investigadoras.

Participaron Andrea Muras, microbióloga que estuda as relacións entre as bacterias; Socorro Castro, química, profesora da Universidade da Coruña e experta en deseño de novos materiais e as súas aplicacións; e María Mayán, investigadora líder en proxectos internacionais sobre enfermidades dexenerativas e cancro.


Foi un pracer telas con nós e coñecer as súas investigacións, así como as dificultades que atopan no seu día a día só polo feito de ser muller. Foi especialmente interesante o coloquio final onde responderon francamente ás preguntas do alumnado, algunhas delas moi persoais e onde deixaron constancia da necesidade de que tanto homes como mulleres loitemos pola igualdade en todos os ámbitos da vida.

Aquí vos deixamos unha preciosa imaxe dos organizadores e participantes co Monte Louro e o mar de Porto do Son:

IV Día da Ciencia en Galego

Andamos tamén este ano a voltas coa astronomía no centro á par do Comenius. Neste marco, un ano máis, a biblioteca volve espazo interdisciplinar no que acoller estas iniciativas. O noso compañeiro Francisco Mariño fainos chegar a reseña da xornada:

 

Día da Ciencia“O Departamento de Física e Química levou a cabo o día 12 de outubro, dentro das actividades organizadas pola CGENDL para conmemorar o IV Día da Ciencia en Galego, unha videoconferencia na biblioteca do IES de Porto do Son. Esta conferencia foi seguida aproximadamente por uns 100 centros educativos e uns 5.500 alumnos galegos; no noso centro participaron arredor de 80 alumnos de 4º E.S.O e de 1º de bacharelato de ciencias.

 O relator da conferencia foi o profesor e catedrático de electromagnetismo na facultade de física da USAC Jorge Mira Pérez, coñecido tamén polas súas múltiples achegas á divulgación científica e as súas colaboracións en diferentes programas de prensa, radio e televisión.

 Dun xeito ameno, pero non por iso sen rigor científico, o profesor Jorge Mira fixo unha descrición das primeiras medidas astronómicas realizadas polos pensadores gregos. Así, dende a primeira medida da lonxitude terrestre realizada por Eratóstenes de Cirene (276 a.C)  no ano 240 a. C. con tan só observar e medir a sombra dunha pequena estaca, ata os cálculos que realizaron Aristarco de Samos (310 a.C) e máis tarde Hiparco de Nicea (190 a.C) e que lles permitiron calcular a distancia da Terra á Lúa e o tamaño desta.

 Finalmente, todos os alumnos tiveron a ocasión de participar nun chat co profesor Jorge Mira onde este respondeu a multitude de dúbidas e curiosidades que lles foron realizadas polos alumnos dos diferentes centros participantes na actividade.”

ciencia

Física de partículas en galego

Mariño fainos chegar esta reseña sobre a actividade realizada na biblioteca:

O departamento de Física e Química participou o pasado martes 6 de novembro nunha videoconferencia organizada pola Coordinadora Galega de ENLD e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago dentro do III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego. Baixo o título “Física de partículas polo mundo” un grupo de científicos galegos amosáronnos a súas experiencias persoais no labor investigador e didáctico por diferentes cidades do mundo. Esta videoconferencia realizouse na con conexións en Lisboa, no CERN (Suiza), Londres e Santiago de Compostela. Participaron alumnos de 1º e 2º de bacharelato das materias de Física e/ou Química (aproximadamente 50 alumnos) coa posibilidade de interaccionar cos interlocutores a través do Twitter; ademais do noso centro participaron outros 96 institutos de Galicia; aproximadamente uns 6000 alumnos.

Día da discapacidade

Levamos un tempo parados por problemas técnicos. Irémonos poñendo ao día.

Comezamos coas actividades promagramadas polos departamentos de Educación Física e Orientación, cos que sempre é un pracer colaborar, de cara á conmemoración do Día da Discapacidade.  Estas desenvolvéronse durante a semana do 28 ao 2 de decembro. Nelas xogou un papel destacado o alumnado do ciclo formativo que elaborou presentacións para sensibilizar á comunidade educativa que foron expostas nos recreos e dirixiu sesións de goalball -deporte de discapacidade visual- para 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.

Mediante unha exposición de traballos, achegáronnos a persoas discapacitadas recoñecidas socialmente no seu labor en distintos ámbitos: Gabriela Bimmer, Stevie Wonder, Ray Charles Robinson, Xavi Torres, Enhamed Enhamed, Oscar Pistoris, Alfonso García Ventoso, David Casinos, Bethay Meilani Hamilton, Alex Vidal, Purificación Santamaría Bravo, Stephen Hawkig, Hellen Keller ou Langui. O tema foi investigado tamén polo alumnado de 3º de ESO.

Desta exposición hai moito que aprender, pero eu tomei nota destas palabras de Oscar Pistoris:

“Un perdedor non é quen chega o último senón aquel que senta e mira e nunca tentou correr”.

1º e 2º de ESO recibiron unha charla a cargo da asociación AMICOS e  para 4º de ESO falou o presidente de ADECO.

O profesorado do ciclo escolleu este vídeo  realizado por Anael, Gonzalo e Andrés, alumnos do ciclo, onde nos invitan a reflexionar sobre tema:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares

“Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?”

Con esta publicación no noso blog, o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, fai eco do malestar que os centros que formamos parte do PLAMBE estamos a sentir ante as novas medidas previstas pola Consellería, medidas que ningunean o noso esforzo xa de por si insuficientemente recoñecido dende as autoridades educativas.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

 

2011, o ano de Lois Pereiro, o poeta punk

Deseño de Séchu Sende

Deseño de Séchu Sende (Made in Galiza)

Comezou o Ano de Lois Pereiro, poeta monfortino ao que a Academia da Lingua Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas 2011 co obxectivo de valorar e reivindicar unha figura que conecta a poesía galega cos movementos da cultura europea dos 80 e a contracultura. Segundo o presidente da institución, Xosé Luis Méndez Ferrín, a figura de Pereiro é distinta ao perfil habitual dos homenaxeados no Día das Letras e posúe un carácter simbólico especial para a institución. “Nas letras galegas”, asegurou Ferrín, “constitúe unha liña de intensidade vital e de formas contemporáneas”.

Lois Pereiro (Monforte, 1958 – A Coruña, 1996) iniciouse na literatura nunha revista experimental, Loia, aos dezasete anos. Naquela publicación o seu nome apareceu ligado a un grupo de mozos e mozas universitarios galegos como como Antón Patiño, Menchu Lamas, Manuel Rivas, o seu irmán Xosé Manuel Pereiro, Fermín Bouza ou Vicente Araguas, que editaban esta revista no Madrid dos anos 70. Máis tarde, formou parte do Grupo de Amor e Desamor, un colectivo que editou a mediados dos 80 na Coruña dous libros homónimos. O seu primeiro poemario non veu a luz até 1991, Poemas 1981/1991, ao que seguiu en 1994 Poesía última de amor e enfermidade. A súa obra tamén se pode atopar en antoloxías como Después de la modernidad (1987) e en revistas culturais daquela altura. Tras a súa morte publicouse Poemas para unha Loia, unha escolma da súa poesía de xuventude que tamén inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Tamén postumamente apareceu unha novela inconclusa co título Náufragos do paradiso (revista Luzes de Galiza).

Cun famoso acróstico da súa autoría e coa versión musical do poema “Narcisismo” que fixeron os míticos Radio Océano, pionerios do rock galego nos oitenta,  damos comezo ao Ano Lois Pereiro no noso instituto.

En Praza das Letras podedes coñecer máis polo miúdo a súa vida e a súa obra.

Román

Vai de… meeddoooo!

O medo, o terror, o máis alá… Defuntos, o Samaín… tradicións pagás e relixiosas que se mesturan!  Máis alá de datas, supersticións ou crenzas, este foi e é un dos grandes temas da literatura e do cine. Así pois, un bo motivo para ir creando ambiente e, ao tempo, coñecer o imprescindible.

Pero isto non só queda nunha exposición máis ou menos terrrooorriiifiicaaa. O medo vai ás aulas da man de Edgar Allan Poe, Lovecraft, Washinton Irving, H.G. Wells, Robert L. Stevenson,  Oscar Wilde, Agustín Fernández Paz, Anxel Fole, Ferrín ou Horacio Quiroga.

Este é o plan:  lemos, lembramos, creamos, concursamos co creado, resolvemos enigmas e, o venres 30, nos recreos CURTAS DE TERROR NA BIBLIOTECA!

 

E isto non é todo!

Máis alá da mostra de libros de misterio e terror que podedes atopar no corredor, o subxénero do relato trabállase nas aulas de lingua a un ritmo demoníaco e febril para alimentar as máis perversas e reviradas plumas literarias e, o que é aínda máis pavoroso, hai quen acode ao encontro dos libros escuros para saciar a súa sede lectora.

Se queredes ler máis relatos de terror, a Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos ofrece unha boa mostra de textos da literatura universal en galego.

De Edgar Allan Poe, podemos ler “O bocoi de amontillado” e “O enterro prematuro”, relatos traducidos por Servando Doval, así como “Leonora” e “Tres domingos nunha semana”, vertidos ao galego por Maite Lorenzo e Marifé Vega Alba, respectivamente.

Bivir inclúe tamén varios textos de Washintong Irving, como “A experiencia do estudante alemán”, “A lenda de Sleepy Hollow” e “Rip van Winkle”, textos traducidos por José Álvarez Vázquez. Pola súa banda, Paulo R. Ballesteros trae para o galego os “Contos da Alhambra” e Xoan Abeleira “O viaxeiro astral”, de Jack London. Por último, non podía faltar algunha mostra da narrativa da creadora de Frankenstein, Mary Shelley, da que podemos ler no noso idioma “Contos do morto inmortal” e “Roger Dodsworth. O inglés reanimado”, contos que traduciu Ana Vidal Castiñeira.

Vai de medo!

Chega o Día dos Defuntos, e con el a noite na que os mortos regresan ao mundo dos vivos segundo a tradición do Samaín, unha vella festa pagán prerromana que entre nós se conserva acendendo lume en cabazas ou calacús, cocendo castañas con anís para as ánimas do purgatorio e outros espectros e alimentando candeas que flotan en cuncas de auga e aceite.

Por iso, o Clube da Lingua e a Biblioteca do IES de Porto do Son convócanvos a compartir as vosas máis inquedantes, misterioras e terroríficas historias no “Certame de Relatos de Medo”.

As bases que rexerán o concurso son as seguintes:

1. A temática xirará arredor de historias de misterio e terror que garden relación co mundo dos mortos, con sucesos inexplicables, sinistros e macabros protagonizados por seres do máis alá que esperten no lector a sensación de medo.

2. A extensión mínima dos traballos será dunha páxina e a extensión máxima de catro páxinas. Poderan ser textos mecanografados ou manuscritos.

3. Os relatos serán orixinais e inéditos e redactaranse en lingua galega.

4. Haberá tres categorías con cadanseus dous premios. Os premios poderán ser declarados desertos.

  • 1º ciclo da ESO.
  • 2º ciclo da ESO e PCPI.
  • Bacharelato e Ciclo.

5. A presentación de orixinais na Biblioteca rematará o venres 5 de novembro. Os traballos que se reciban despois deste día non entrarán no concurso.

6. O xurado estará integrado por cinco persoas, profesores/as e alumnos/as doo Clube da Lingua e a Biblioteca. A resolución do xurado darase a coñecer o venres 12 de novembro.

7. A  participación neste concurso implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación da obra presentada nas páxinas web da Biblioteca e do Clube da Lingua se se considera oportuno.

8. A participación nesta convocatoria implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas presentes bases.

Imaxe do cartaz tomada de heathenpride-aladecuervo.blogspot.com