Historia dunha gaivota

Penúltima xuntanza do club de lectura Furalibros, e como a estas altura de curso, están xa cansadiños, propuxemos unha lectura pequena, áxil, e sobre todo, fermosa. O libro Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar, do escritor chileno Luis Sepúlveda, conta a historia dun gato que se ve no compromiso de incubar un oviño de gaivota e ao nacer, ter que ensinarlle a voar. Nesta novela os humanos somos personaxes secundarios, ás veces negativos, sobre todo cando somos os culpables de contaminar os océanos. O protagonismo real nesta lectura téñeno basicamente os gatos, cada un co seu propio carácter…..e sí, ao final a pequena gaivota “Afortunada” aprende a voar.

Advertisement

Encontro literario con Carlos Negro

Onte, Carlos Negro visitou unha vez máis o noso centro, desta volta no marco dos Encontros literarios do Plan de Fomento da Lectura promovidos polo Ministerio de Cultura e Deporte para charlar co alumnado de 3º de ESO sobre unha das lecturas do trimestre.

Coñecemos o Carlos poeta, mais nesta ocasión achegámonos ao Carlos narrador, o escritor que enxerga cunha mirada de hoxe a tradición contística universal. Non cantan paxaros neste bosque, da editorial Xerais, é unha homenaxe aos grandes mestres do relato de misterio (Poe, Lovecraft, Jacobs, Kipling, Dieste, Ferrín…) e aos contos populares. Con estes vimbios tece o autor a trama do desasosego, dos medos. Medos persoais, sociais, racionais e irracionais… que, literaturizados, actúan como un exorcismo. As pantasmas de sempre camiñan da man neste bosque cos medos do mundo en que vivimos, o acoso escolar e nas relacións amorosas, a igualdade de xénero ou a necesidade de defender a cultura e coidar o patrimonio.

O Carlos mestre ofreceunos tamén un amplo abano de recursos para crear, do que habemos tomar boa conta, e animounos a descrubrir pracer da escrita e da lectura, como fixo aquel neno que foi do que nos di: “aos poucos, nun milagre instrospectivo fun descubrindo que a lectura me permitía medrar máis rápido e máis lonxe ca ninguén do meu redor”. Que mellor agasallo para o Mes do Libro!

Eis unha selección dos relatos realizados polo alumnado:

14 de febreiro: Amor a primeira vista

Cres no amor a primeira vista? Cos libros tamén pode xurdir o frechazo: unha ollada, unha chiscadela, un ruxe ruxe no estómago… Si quero! Quero deixarme levar polas verbas e ver se me namora de verdade. 

Ven ao noso “First dates” e atopa o teu libro soñado. Quen sabe se está aquí a agardar por ti?

 

Lúa do Senegal

O alumnado do club de lectura Os Furalibros tivo outro golpe de realidade a partir dun libro. Nesta ocasión voltamos a África da man de Agustín Fernández Paz e a súa obra Lúa do Senegal. Nesta novela pequerrechiña, moi fácil de ler, seguimos as aventuras e desventuras dunha nena senegalesa que chega a Vigo coa súa nai e irmá para reunirse co pai. Historias da emigración, do desarraigo, da soidade e de aceptación.

Casualidades que ten a vida, contamos desde fai dous meses no instituto cunha nena que chegou de Senegal polo que nos imaxinamos que estará pasando por situacións similares ás da protagonista da novela. Khary acompañounos na xuntanza e ensinounos pinceladas do seu país: gastronomía, música, paisaxes, historia,… Moito aprendemos!

Botanicum

La memoria secreta de las hojas, da botánica americana Hope Jahren, foi o centro da última xuntanza do club de lectura de adultos. Un libro que contén á súa vez, tres libros: unha autobiografía, un ensaio científico e un tratado de botánica. Hope Jahren enlaza a súa traxectoria vital e persoal ao desenvolvemento das propias plantas, mostrándonos que son seres vivos moi especiais, non tan notorios como os animais, pero con estratexias interesantes para poder sobrevivir, contribuíndo ademáis, á supervivencia da nosa propia especie. Ademáis, este é un libro onde se pon de manifesto a realidade do traballo dos científicos, e as dificultades dunha muller científica para facerse camiño.

Captain Fantastic

Para despedir o trimestre reunimos aos dous clubs de lectura, Lerpeir@s e Furalibros (cambiamos de nome!) para compartir neste caso, o visionado dunha película para despois comentala. Para tal ocasión, eliximos Captain Fantastic, do director Matt Ross e protagonizada por Viggo Mortensen. Podemos afirmar con rotundidade que nesta historia todos nos rimos e nos emocionamos, e aprendemos a ver a educación doutro xeito, lonxe de convencionalismos. Ningún de nos se puido imaxinar levar un estilo de vida como a representada na película, unha vida sostible, lonxe da tecnoloxía e en harmonía coa Natureza. Ligamos este amor pola natureza cos libros que lemos os dous clubs: La chica alce de Malin Klingenberg e algún dos cómics de Leo. Voltaremos despois das vacacións de Nadal cun pouco de teatro.

Desde os clubs de lectura do IES de Porto do Son, felices festas e que o vindeiro ano veña cargadiño de felicidade e boas lecturas.

Os dereitos das nenas e dos nenos

O pasado luns 20 de novembro conmemoramos na Biblioteca o Día Internacional dos Dereitos da Infancia. Así que mostramos nunha pequena exposición a diferenza que existe entre os nosos nenos e os nenos dos países non desenvolvidos en canto ao cumplimento destos dereitos. Observar outra realidade pon de manifesto a sorte que temos. Esta exposición acompañouse cunhas cantas lecturas que nos axudan a coñecer mellor outras vidas moi diferentes, pero igualmente con nenos protagonistas, como o noso alumnado.

Outras realidades

A primeira inmersión do club de lectura Benxamíns tivo lugar nun cómic baseado na historia real de Omar Mohamed e o seu irmán Hassan, nenos refuxiados da guerra en Somalia. A súa historia vital móstranos unha realidade que nos queda moi lonxana, pero non por iso deixa de impactar. O cómic, ilustrado pola estadounidense Victoria Jamieson, describe perfectamente e cun trazo simple, a vida nos campos de refuxiados no medio do deserto de Kenia, a falta de alimento e auga, a falta da familia…e sobre todo, a importancia da escola e as ganas de poder acudir todos os días a un lugar onde aprender. Nunca o cole estivo tan ben valorado!

A máis medo, máis diversión

Respiración acelerada, aumento dos latexos do corazón, todos os órganos dos sentidos en alerta,… o feito de pasar medo, fai que o noso corpo se prepare para o perigo. Entón, por que nos gusta pasar medo? O ben que o pasamos no Samaín parece estar relacionado coa liberación dunha substancia química que producimos de xeito natural, a dopamina, a cal, tamén está relacionada con fenómenos placenteiros como o namoramento.

Esta explicación biolóxica complementa ao traballo de preparar a nosa Biblioteca para o Samaín, para pasar medo vendo curtas de terror ou escoitando relatos de medo. Se as sensacións que tiveron os rapaces nos recreos foron como o namoramento, quedamos satisfeitas.

Palabras para contar as nosas emocións

Imos pechar un curso no que as emocións andaron polos corredores, nas clases, nos cadernos… prenderon no patio, no xardín…; coáronse nos libros e volveron saír das súas páxinas buscando acubillo na biblioteca ata que as fomos buscar ; fixéronse voz e imaxe; arremuiñáronse no taller e no espazo maker ata angularse nunha cúpula xeodésica… Porque son iso, palabras, a base da nosa capacidade de sentir e de contar o que sentimos.

Aí van, en galego, castelán, inglés e francés, traballadas dende o Tratamento Integrado de Linguas nestas materias en varios niveis da ESO.

Si, porque as linguas van da man e non saben de fronteiras. Como o sentir.

Agora só as tes que empregar para expresar as túas emocións en contos, nun poema, nun artigo, nun debate… alto e forte ou baixxiiññooo, a carón da orella. :):)