A elegancia do ourizo

Están os tempos complicados para facer unha xuntanza do club de lectura “Fraga de novio”. Só catro persoas (máximo permitido) participaron da última xuntanza. E despois A elegancia do ourizo.

Esta novela da francesa Muriel Barbery comeza presentándonos a unha persoaxe que oculta a súa intelixencia baixo un disfraz de porteira anodina. O seu traballo nun edificio de parisinos burgueses permítelle pasar desapercibida mentres desfruta coa literatura e a filosofía. Nese edificio está a outra gran protagonista, Paloma, unha nena de case 12 anos, moi intelixente e coa intención de suicidarse. Os seus “pensamentos profundos” tamén nos falan de filosofía e da beleza do arte.

A novela resulta ás veces complexa na súa lectura descritiva, e non a todo o mundo lle causan simpatía as persoaxes, pero vai mellorando cara ao final cando os dous mundos entran en contacto.

Para febreiro quedamos para tomar un té coa “Tía Mame” de Patrick Dennis.

Unha semana sen carne!

E seguimos ás voltas coa sostibilidade! Na clase de Antropoloxía de 1º de Bacharelato estivemos falando sobre o maltrato animal nas industrias cárnicas e chegamos á conclusión de que unha redución no consumo de carne sería un pequeno paso para conseguir un mundo máis sostible. E así foi como nos marcamos o desafío de pasar unha semana sen comer carne; ata conseguiron que a profe tamén se animara! Non resultou difícil superar o reto agás nun día, comenta Andrea, no que tivo que pasar cunha ensalada mentres todos se poñían cegos de churrasco. Aí vai unha mostra dos suculentos menús que nos marcamos.

 

GAÑADORES NO V CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO

O IES de Porto do Son entre os gañadores V CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO!!! 15 alumnos e alumnas presentaron poemas que crearon a partir de cadros de Maruxa Mallo no marco das actividades de visibilización da artista levadas a cabo dende a Biblioteca. E….. VALERIA BALEIRÓN, de 2º de ESO, con “Só silencio”, a súa interpretación poética do cadro “Antro de fósiles” GAÑOU O 2º ÁCCÉSIT NA CATERGORÍA DE 1º CICLO! Parabéns para ela, para o alumnado do centro que participou e, por suposto, para os mozos e mozas gañadores!!! Entre eles prácenos ver a amigos do Aquis Celenis de Caldas e do IES da Pobra do Caramiñal!!! O venres 9 de xuño recollerá o premio na Casa-Museo de Rosalía de Castro!

Sin título

Kassa de Elefante Elegante

Comezamos febreiro cunha visita ao Salón Teatro para asistir á representación de Kassa de Elefante Elegante. As profesoras sabiamos da valía da compañía, da súa innovación na escena, do diálogo que establecen entre as distintas artes escénicas e queriamos que o alumnado disfrutase desta forma de facer teatro. E non nos decepcionou. Moi ao contrario, disfrutamos da alta calidade do espectáculo.

Comunicar practicamente sen palabras. Contorsionar a mensaxe, comprimila e estirala coma se fose un músculo conscientemente exercitado, suxerir facendo equilibrios na corda do cotiá. Xogar cos espazos, cos tempos, coa música, coa luz, coa cor…

kassa_elefante_elegante

Kassa – en alemán caixa rexistradora- dialoga libremente con A Metamorfose de Kafka para aguilloar a confortabilidade de sofá que nos levou do estado de benestar á crise e nos mantivo cegos ante este presente que se intuía como certo.

Breve pero agradable foi o coloquio final cos actores e o encargado do son, a imaxe e a iluminación. A sala fora ficando baleira e tivemos o privilexio de que os actores atenderan as nosas preguntas. Aínda botamos unhas risas antes de saír a escape para coller o bus!

2014-02-04 00.52.50-1

Como presta unha boa sesión de teatro. Alimenta o pensamento. Necesaria como o pan ou a auga. Mágoa ter que pagar por ela un devastador 21% de IVE.

A insoportable levedade das bibliotecas escolares

“Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?”

Con esta publicación no noso blog, o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, fai eco do malestar que os centros que formamos parte do PLAMBE estamos a sentir ante as novas medidas previstas pola Consellería, medidas que ningunean o noso esforzo xa de por si insuficientemente recoñecido dende as autoridades educativas.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

 

Coidado, os homínidos andan soltos!

Os alumnos de Antropoloxía de 1º de Bacharelato C presentan aquí un traballo sobre os pasos evolutivos dos homínidos máis salientables: o Autralopithecus, o Homo Erectus, o Homo Neanderthaliensis e o Homo Sapiens.

 Todo comezou cun traballo de clase. Nun primeiro momento, distribuídos por grupos elaboraron un traballo de investigación sobre os achados dos paleoantropólogos máis nomeados acerca dos homínidos:  características anatómicas, masa cerebral,  armas utilizadas, técnicas de caza, costumes sociais e relixiosos, se os había.

A continuación, sobre estes traballos ocorréusenos a idea de construír uns disfraces de cada un destes homínidos para, no antroido, participar no concurso que se celebra no centro. Había que elaborar unhas máscaras caracterizando a cada un dos homínidos. Sorte a nosa que tivemos como aliado ao profesor de plástica, Alfonso Pérez, que fixo moldes en escaiola das nosas caras e a partires destes modificou as nosas faccións transformándonos en homínidos. Por grupos, os alumnos costruíron os disfraces de peles e as armas de cada homínido. Finalmente, chegou o grande momento: coa música de Carmina Burana de fondo, representamos a grandes trazos os momentos mais importantes da evolución, non sin algún toque cómico. Non gañamos o primeiro premio porque o xurado estaba comprado por outro grupo de alumnos, pero si que conseguimos o segundo premio, quedamos contentos.

Ao rematar a representación, aproveitando o espléndido día de sol, fomos  facer unhas fotos a un lugar fantástico co que a natureza e a cultura celta nos agasallou: os Castros de Baroña.

Na última fase, cada grupo de rapaces transformou o seu traballo escrito nunha presentación Power Point, máis sixela e fácil de seguir, acompañada con cadansúa peza musical. No último momento, unha das alumnas versada en programas de vídeo transformou o Power Point  recollendo os catro momentos da evolución dos homínidos, mais un final con alguhas das fotos que tiramos nos Castros de Baroña.

Cando a finais de abril os famentos rapaces corrían no recreo polo corredor que leva á cafetería do instituto para seren os primeiros en coller o seu bocata, atopáronse de golpe cun homo sapiens con todos os seus accesorios: máscara, armas peles etc., un manequín disfrazado cos apeiros construídos no antroido situado diante dunha parede sobre a cal se proxectaron estes vídeos que aquí vos presentamos.

Este é o resultado final. Agardamos que disfrutedes con el.

Un saúdo, o profe de Antropoloxía