Cos clubs de lectura en Aveiro! Unha nova viaxe literaria co Aquis Celenis!

E chegou a viaxe de final de curso dos clubs de lectura a Aveiro!! Dise pronto pero xa van alá 9 anos dende que comezamos as viaxes a Portugal co club do IES Aquis Celenis de Caldas!!! Román, David, Pedro, Ana, Marga, Tere, Sonia e un montón de rapazada á procura de bibliotecas chulas, de horas do conto, de librarías fermosas… Viana, Porto, Braga, Guimaraes ou Coimbra… Amizades tecidas con palabras, con lecturas partilladas, con roteiros!

O xoves, quinta-feira, chegamos á Pousada da Juventude, xantamos e saímos coñecer Aveiro. Agardábanos un barco moliceiro da empresa Experiment Aveiro que nos guiaría, nesta “Venecia portuguesa”, para achegarnos á historia da cidade: a Arte Nova, as salinas, os ovos moles… Logo, un xogo de pistas (pesquisar, preguntar, informarse e botar unhas risas á carreiriña). Pola noite, festa! O corpo e a cabeciña pedía alegría despois deste tempo de exames e trafegos!

Pola mañá agardábannos na Fábrica Centro Ciência Viva de Aveiro para facer obradoiros de robótica e hologramas. Clubs de lectura coa ciencia, as humanidades e a ciencia collidas da man.

Despois, seguimos descubrindo Aveiro, desta volta, os costumes, o mercado Manuel Firmino. Practicamos o portugués!

Logo de xantar, en Ílhavo, unha visita ben agradable: a Biblioteca Municipal. Un edificio moderno nun solar do século XVII que foi recoñecido co Prémio Internacional de Arquitetura do Museu de Design de Chicago e que está a ser un dos eixos principais do desenvolvemento cultural de Ílhavo. Lisete e o persoal da biblioteca acolléronnos con agarimo, explicáronnos a historia da biblioteca e o seu funcionamento. Fomos ao espazo maker (xa vimos con ideas para enredarnos coa máquina de coser, a impresora 3D e traballar en equipo cos compañeiros de Tecnoloxía!); estivemos na hora do conto e disfrutamos nunha biblioteca viva! Sempre miramos a Portugal como modelo a seguir de dinamización das bibliotecas nos municipios e de colaboración cos centros educativos, non en van foron pioneiros co seu Plano Nacional de Leitura.

 

Xa de volta! Prestaron estes dous días! O ano que vén máis, na compaña dos nosos amigos do Aquis!

BO VERÁN E BOAS LECTURAS!

 

Do Aquis Celenis achégannos o vídeo da viaxe!

BO VERÁN, BOAS LECTURAS

O ano que vén, máis, agora toca descansar, praia… e lectura repousada… Lembrade as recomendacións da nosa guía de lectura. Tamén vos achegamos as recomendacións de Correspondentes Xuvenís, do que forman parte algunhas das nosas alumnas que, ao longo do curso nos foron achegando información. Entrade para velas nesta enlace: http://xuventude.xunta.es/uploads/libros.pdf

 

Correspodentes

 

De Coimbra, do cine, da literatura, das festas…

Recompilamos a información que o alumnado do IES de Porto do Son e o Aquis Celenis recolleu a partir dos roteiros que realizamos na viaxe conxunta a Coimbra dos clubs de lectura.

Unha fiestra aos portugueses!

http://www.authorstream.com/player.swf?fb=0&nb=1&ct=5&ap=0&c=dfdfdf&pl=as&p=2795827_635967294112873750&fi=1

More presentations from etikeles

Um poema por semana: Portugal celebrando a poesía

Interesante esta iniciativa que vén dende Portugal. “Um poema por semana” é unha idea de Paula Moura Pinheiro para celebrar a poesía. Ao longo de 75 días, 75 persoas diferentes recitan poemas de Sophia de Mello Breyner Andresen, Cesário Verde, Ruy Belo, Fernando Pessoa, Miguel Torga, Sá de Miranda, António Nobre, Alexandre O?Neill, Luís Vaz de Camões, Jorge de Sena, José Régio, David Mourão Ferreira, António Gedeão, Eugénio de Andrade, Mário Cesariny.

Dinnos na RTP -Rádio e Televisão de Portugal- que os dicidores “são homens e mulheres, novos e velhos, portugueses e brasileiros e angolanos e italianos falantes de português”. Déixovos unha mostra: na voz de Pedro Lamares, á que seguen outras voces, o poema de Alberto Caeiro, heterónimo de Pessoa, o poema “Quando vier a primavera”. Disfrutade dos outros poemas e das outras voces na páxina que os recompila.

Quando Vier a Primavera

Quando vier a Primavera,
Se eu já estiver morto,
As flores florirão da mesma maneira
E as árvores não serão menos verdes que na Primavera passada.
A realidade não precisa de mim.

Sinto uma alegria enorme
Ao pensar que a minha morte não tem importância nenhuma

Se soubesse que amanhã morria
E a Primavera era depois de amanhã,
Morreria contente, porque ela era depois de amanhã.
Se esse é o seu tempo, quando havia ela de vir senão no seu tempo?
Gosto que tudo seja real e que tudo esteja certo;
E gosto porque assim seria, mesmo que eu não gostasse.
Por isso, se morrer agora, morro contente,
Porque tudo é real e tudo está certo.

Podem rezar latim sobre o meu caixão, se quiserem.
Se quiserem, podem dançar e cantar à roda dele.
Não tenho preferências para quando já não puder ter preferências.
O que for, quando for, é que será o que é.

Alberto Caeiro, in “Poemas Inconjuntos”
Heterónimo de Fernando Pessoa

 

Ops! O portugués simples

Esta semana a biblioteca volveu ser unha fiestra aberta ao mundo. Sabedes do noso interese en achegarvos ao  país irmán, Portugal, e á súa lingua (visita á biblioteca de Viana do Castelo, lecturas recomendadas…).  Puxémonos en contacto coa Associaçom Galega da Língua  (AGAL) e,  xunto con Normalización, organizamos un obradoiro de portugués para dous grupos de 4º de ESO. Da man de Carme Saborido, soubemos un pouco máis da cultura, da lingua, falamos, cantamos… Ficamos tan satisfeitos que estamos valorando a posibilidade de ofertalo a outros grupos.

A

Así viron os alumnos e alumnas de 4º D e a súa profesora, María Buño, o obradoiro:

“Dúas horas entretidas, nas que repasamos xeografía a través dos lugares da lusofonía.

Carme, a conferenciante, recordounos que o portugués, como lingua oficial do Brasil, está dentro do BRIC (Brasil, Rusia, India e China), é dicir, dun dos países que nun futuro próximo será primeirísima potencia. Aprendemos que o portugués é a lingua oficial en oito países de distintos continentes (Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guinea, Angola, Mozambique, Timor Oriental e San Tomé-Príncipe). Tamén descubrimos lugares curiosos de fala portuguesa, como Macao (na China) e Goa (na India). Despois practicamos fonética. Comprobamos que do galego ao portugués hai un pasiño con pequenas diferenzas (irmâo/ irmán); que en galego podemos comunicarnos co portugués porque son irmáns xemelgos. Pero, ollo!, que tamén vimos que hai falsos amigos, esas palabras que parecen ser o que non son”.

E falando deses falsos amigos… aquí vos deixo esta “cançao espantosa” de Adriana Calcanhoto coa que puxemos en prática o noso portugués:

Eis algúns dos recursos en rede que nos recomendaron e que vos poden interesar para achegarvos á lusofonía:

Mellor dicionario on-line en protugués: http://www.priberam.pt/dlpo/

Mellor dicionario galego en portugués: http://www.estraviz.org/

Para traducir textos de galego ou castelán ao portugués: http://www.opentrad.com/

Para practicar.: http://www.flip.pt/ , http://cvc.instituto-camoes.pt/aprender-portugues.html

http://cvc.instituto-camoes.pt/ensinar/fichas-praticas.html

http://cvc.instituto-camoes.pt/ensinar/programa-de-cultura-portuguesa.html

http://cvc.instituto-camoes.pt/aprender-portugues.html

Livros e vídeos en portugués de descarga libre: http://www.dominiopublico.gov.br/pesquisa/PesquisaObraForm.jsp

Principal xornal on-line portugués: http://www.publico.pt/

Interesante blog de Carme Saborido: “lusopatía”.

Dicíanos Carme que “quen sabe máis galego sabe máis portugués”. Nisto andamos  e nese vieiro foi o obradoiro desenvolvido por Reverso “O falar non ten cancelas”, que esta semana fixo reflexionar ao noso alumnado de 3º de ESO sobre os prexuízos que envolven a realidade da nosa lingua, mesmo nun entorno galego-falante no que nos desenvolvemos.

O home que entraba pola ventá

As ilustracións de Gabriel Pacheco que nos debuxan El hombre que entraba por la ventana de Gonzalo Moure teñen aire de fado, “un fado vagabundo” que nos leva a Lisboa, ao barrio de Graça, a María Luces. Dende a súa infancia, vivida en soidade ao lado da nai, os silecios envolveron a separación do pai, unha ausencia tan ceda que se perdía nas lembranzas pero que doía a María como “un burato cego, rabioso ás veces, insoportable outras”. Procuraba alento na fraga de sabas e manteis a tender e nos fados vadíos que subían da casa de comidas. Envolta neses fados a voz chegou dende a memoria, a voz dun “home que entraba pola ventá” e que foi ocupando as súas noites coas historias de Melania la Fuente “que miraba de fronte e amaba forte”, historias que foron enchendo os seus soños de barcos en peiraos afastados, noites de taberna e cabalos a galope polos camiños de Tras Os Montes.

Mais un día María cambiou de barrio. Mais un día esqueceu descorrer o ferrollo da ventá. Mais un día cambiou de país e veu para España.

Boto en falta a lingua. Seguramente o libro, de SM,  ten tamén unha edición portuguesa. Ou debería tela. Porque aínda escrito en castelán, un sente o portugués fluíndo nas palabras, debuxando un cadro de sabas a colgar, aromas “difíciles de combinar, sardiñas e magnolias, viño verde e xazmín”, “labirinto de calellas”, “azoteas”, un mar doce e rumoroso”, “músicas hipnóticas” que imitan o latexar do mundo e fados en notas vermellas a levarnos da man da saudade e recoller lamentos dunha guitarra ou unha viola.

Buscando na rede a portada do libro, vin que o blog da biblioteca do IES Pintor Colmeiro de Silleda recollía o testemuño do fado nun fermoso vídeo que recrea a antiga Lisboa. Para “arquitectar” a paisaxe dos sons e os olores:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares

“Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?”

Con esta publicación no noso blog, o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, fai eco do malestar que os centros que formamos parte do PLAMBE estamos a sentir ante as novas medidas previstas pola Consellería, medidas que ningunean o noso esforzo xa de por si insuficientemente recoñecido dende as autoridades educativas.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

 

As três vidas: lendo en portugués

Estes días puidestes ver nos andeis de novidades unha nova sección: a literatura portuguesa. Vén sendo o inicio dun camiño que tiñamos interese en compartir con vós e que o ano pasado comezamos coa visita  do club de lectura a Viana do Castelo e á súa biblioteca municipal, nunha viaxe compartida cos clubs do CPI de Cuntis e o IES de Caldas de Reis. Nesta viaxe quedou patente o preto e o lonxe que estamos.

Pero para nós, ler en portugués é ler en galego. É recuperar un código que nos uniu e que se mantén o suficientemente cercanos como para permitirnos enxergar o mundo cunha mesma mirada. Somos conscientes da proxección máis alá das nosas fronteiras, da universalidade que o mantemento desta irmandade aporta á lingua galega. Ás veces andamos como o Adrián Solovio de Otero Pedrayo, arredor de nós mesmos, en crise co propio, na procura do afastado. Vemos a necesidade, a utilidade de ler en inglés ou en francés, mesmo no necesario que hoxe sería dominar o alemán, pero demostramos escaso interese polo portugués, ou polo menos, de todo o que vai máis alá do bacallao e as feiras.

Daquela visita de final de curso, gardamos  a primeira recomendación, a obra de Joao Tordo, As três vidas. O autor, vencellado ao mundo do xornalismo e o cine, e influenciado pola escrita de Edgar Allan Poe, Herman Melville ou Dostoievski e a novela negra,  viña de presentar en Viana esta novela, gañadora do Premio Literario José Saramago 2009.

As três vidas, as tres vidas de António Augusto Milhouse Pascal, as tres vidas de Gustavo, Camila e Nina, as tres vidas dun mozo, dun “rapaz que nunca cresceu”, todos eles atravesando a “corda bamba” da existencia. Éste último transfórmase, 25 anos despois, no narrador da memoria de Milhouse Pascal, un psicanalista pouco convencional,  afastado nun illado caserón –a Quinta do Tempo-  con tres netos indolentes, un xardiñeiro escuro e unha peculiar clientela que se move nos límites da loucura. Trala morte do pai, un anuncio nun xornal lévao a traballar para ese enigmático ancián, un traballo que acabará afastándoo da realidade, atrapándoo nas vidas de complexos personaxes que afondan as raigames dos seus trastornos nos máis sanguentos conflitos do século XX: a 2ª Guerra Mundial e a Guerra Civil Española. Así, esta novela transfórmase en transcritora, nunha revisión da historia do século pasado, ao tempo que profunda nos medos do ser humano instalados no antepeito entre a lucidez do real e o irreal, nun espazo e nun tempo kafkianos, no “tempo fóra do tempo”.

O relato desta “memoria” transfórmase para o narrador en necesidade, en liberación de fantasmas propios e alleos, de sospeitas, abraios e paixóns.

Trátase dun romance de estrutura ben conformada que atrapa ao leitor nunha sucesión de episodios suspensos perigosamene á marxe do verificable  e do xustificable. Do Alentejo a Lisboa ata Nova York ou Londres. Cun pé na novela negra e outro na recreación histórica.

A Biblioteca Municipal de Viana do Castelo vén de ofrecernos un listado de recomendacións para dar os primeiros pasos nesta andaina. Entre eles están os seguintes títulos, que están agardando por vós na biblioteca:

http://widget-ca.slide.com/widgets/slideticker.swf