Achegamento interxeracional na Biblioteca Municipal

Marzo e abril foron meses de “alixeirar” os protocolos e van volvendo as nosas colaboracións coa OMIX e a Biblioteca do Concello. Desta volta os nosos libros uníronse aos da biblioteca Xerardo Díaz para unha fermosa iniciativa municipal no mes dos libros: nenos e nenas da Ludoteca e maiores do Centro de Día xuntáronse para ler, descubrir libros en distintos formatos e falar do que a lectura nos aporta: álbums ilustrados, cómics, libros con códigos QR, libros que nos falan do noso, doutros tempos e dos que están por vir. Iso somos tamén as Bibliotecas Escolares: un servizo público que ha de manter pontes co entorno.

Menú navideño na Biblioteca de Porto do Son!!!

Unha vez máis Ana Freire, co seu sorriso e a súa enerxía, volveu polo centro. Xa case é do equipo!!! A súa proposta, crear un novo recuncho! A nosa biblioteca, a biblioteca do CEIP de Xuño, as axencias de lectura e os nenos e nenas da ludoteca fixemos unha vez máis un equipo! Alá foi cunha caixa con “produtos” dos nosos andeis!

E Ana transformou a biblio nun salón navideño que loce ben fermoso, con convite incluído: MENÚ LITERARIO! Hai para escoller… Que vos apetece máis, de primeiro un álbum ilustrado? De segundo, unha noveliña, ou contos, ou teatro…? E de sobremesa, que tal un cómic? Para a festa, uns versiños para cantaruxar? E ao día seguinte, ou á noitiña… unha peli? Apetecible, non si? Reservade xa!

E durante o tempo de Nadal, ata hai unha cheminea que coa súa caloriña acollerá tempiños serenos de lectura!