Carpinteiros de ribeira

Chéganos de SonCine o vídeo sobre a charla que Xosé M. Tomé Carou nos deu na Semana Cultural sobre a carpintaría de ribeira. Atrás quedan os tempos en que nos recantos da ría a madeira ía dando forma ás embarcacións que saían ás nosas augas…! Voces e maneiras que fican na memoria.

O carpinteiro de ribeira. from SonCine on Vimeo.

Poñendo en valor o mar coa Maruxía Cultural

Tratábase de poñer en valor O MAR, ese mar que anos alimenta a alma e o corpo, tan de nós, imprescindible nas vidas de todos e todas os que medramos na costa. É o mar do disfrute, dos xogos da infancia, do lecer, do deporte, dos amores, das despedidas, dos regresos … É o mar da economía, da empresa, dun pasado e dun futuro de posibilidades de desenvolvemento. CANTO SOUBO DISTO VALENTÍN PAZ ANDRADE!

Aquí podedes ver en imaxes as actividades da Maruxía Cultural:

 

http://www.vuvox.com/collage_express/collage.swf?collageID=0589b3291f

Vai amainando a marea -avaliacións de diagnóstico, exames, memorias, algo de cansazo-  pero aínda queda algunha que outra travesía coa que rematar o curso: saídas, coñecemento do patrimonio artístico e económico mariñeiro e lecturas, máis lecturas.

Un profesor, un teatro

O venres 4 de maio o IES de Porto do Son foi unha festa. Pechabamos a MARUXÍA CULTURAL e inaugurabamos a SALA PERSEVEIRA, en palabras de Quico Cadaval, “unha fábrica de soños”, “unha factoría de ilusión”.

Hai dous anos, Fernando de Castro, profesor do departamento de plástica, pensou en transformar o corredor que levaba ao ascensor da planta baixa do noso centro nun teatro. Destrás había un soño, mais tamén un proxecto pedagóxico: a perseverancia como medio de obter un obxectivo. E este xogo de palabras -perseverar e persebe- foise transformando en exemplo de formación, en exemplo de vida para os alumnos de 4º D: Noelia Rego, Noelia Díaz, Martín Maneiro, Martín Maneiro, Martín Laranga, David, Sara, Bea, Laura Queiruga, Laura Castro e Jorge.  Un profesor e un pequeno grupo de alumnos que, no camiño, aprenderían leccións de amizade, de superación, de traballo en equipo, de respecto, de esforzo.  Xuntos, coa axuda dalgún profe -en especial Alfonso Pérez- e doutros alumnos de plástica, crearon para nós este teatro.

Fermoso. Feito de retallos e obxectos xa esquecidos que foron cobrando de novo vida e que haberán de ser testemuñas de concertos, contadas, cine…, que volverán ilusionar. Que evocan un pasado e invitan a proxectos futuros.

Un LUXO este departamento de plástica. Detrás hai moitas horas de traballo -non sempre suficientemente valorado e recoñecido-, moita confianza nas posibilidades do ensino público -non sempre valorado e recoñecido-.  Máis alá do desánimo, sempre hai quen se transforma en exemplo a seguir, que renova en nós a esperanza no noso labor, a educación, que mostra camiños e pon en valor a necesidade de respectar os pequenos grupos de atención á diversidade.

A inauguración, como non, estivo á altura.  Un grupo de alumnos de bacharelato enchaeron o escenario e o centro coa súa música de Henry Mancini,  Fernando falounos dos traballos, dos bos e malos momentos, e despois, emocionados, vimos en vídeo o proceso e escoitamos as palabras dos alumnos e alumnas que, da man deste profesor, medraron como persoas. De fondo, a banda sonora de Ennio Morricone para   Cinema Paradiso. Faltou unha voz, a de Pati Bazarra, que se puxo enferma para a estrea. Temos a súa voz en vídeo, pero esperaremos para disfrutar con ela en directo.

Tanto esforzo merecía un peche de excepción. Un cernano Quico Cadaval -xa Ánxela Doval nos lembrou o seu bo facer ao presentalo-  fíxonos ver na Sala Perseveira un cinema, un plató, un escenario.  E  fíxonos pensar e sobre todo rir, rir mesmo a cachón.

Agora quedan os proxectos que han de encher de vida este espazo. Dende a biblioteca,  comezaremos botando man del os días 22 e 23 de maio para as contadas aos nenos de infantil dos coles que colaboran con  nós nas guías de lectura e  que Ánxela Doval está a preparar cun grupo de alumnos.

 

Maruxía cultural

Xa sabedes que levamos todo o ano a voltas co mar: lecturas, charlas, traballos de investigación, saídas… Mais estes días vindeiros serán intensos, HABERÁ MARUXÍA CULTURAL!

O programa é intenso. Como antes fixera Valentín Paz Andrade, o homenaxeado no Día das Letras deste ano, queremos poñer en valor O MAR. O mar dos esforzos, dos traballos, dos soños, da palabra…

Luns 23:  

  • Charla “O mar e a industria” por  Xan Carmona ás 16,30 h., para 2º Bacharelato no Salón de Actos.
  • Kitesurf para 1º de Bacharelato nas aulas de Educación Física.
  • Pola tarde, proxección da película “Mar libre”, para 4º de ESO na Biblioteca.

Martes 24:

  • Visita, durante a mañá, ao Centro de Salvamento Marítimo do Enxa para 4º de ESO B, C, D e o Ciclo con profesores de Educación Física e Tecnoloxía.

Mércores 25:

  • Mesa redonda con representantes dos ámbitos da acuicultura, o cultivo en bateas, a confraría e unha empresa de deportes áuticos, para o alumnado de Economía, de 11,20 A 12,10 h. no Salón de Actos.
  • Vela lixeira durante toda a mañá para 1º de ESO

Xoves 26:

  • Charla “Os naufraxios” por  Mariño del Río, de 13,20 a 14,10 h. para 4º de ESO no Salón de Actos.
  • Actividade sobre remo  no polideportivo (de 10,30 a 12,10, para 2º ESO B e C e de 12,30 a 14,10, para 2º ESO A e D).
  • Visita á exposición “O cómic galego e universal” organizada pola biblioteca do centro na Casa de Cultura do Concello de 10,10 a 11,20 h., para 1º ESO A e B.

Venres 27:

  • Visita á exposición “O cómic galego e universal” organizada pola biblioteca do centro na Casa de Cultura do Concello de 10,10 a 11,20 h., para 1º ESO C e D.
  • Achegamento ao submarinismo para 4º ESO no Salón de Actos de 11,20 a 12,10 h.
  • Actuación dun coro de mariñeiros para 3º ESO de 13,30 a 14,10 h. no Salón de Actos.

Xoves 3:

  • Mesa redonda con xente do mar para 1º ESO de 11,20 a 12,10 h., no Salón de Actos
  • Kaiak de mar de 10,00 a 14,10, para o Ciclo e 3º ESO.

 Venres 4:

  • Inauguración da Sala Perseveira coa actuación de Quico Cadaval, de 12,30 a 14,10 h., para 1º Bach.

Do luns 23 de abril a venres 4 de maio:

  • Proxección de curtas e documentais realizadas polos alumnos durante os recreos na entrada do centro.
  • Traballo nas áreas de lingua cos documentais: “A seca”, para 1º ESO e “A despensa salgada”, para 2º ESO.
  • Exposicións:  “Léxico mariño” e “Deportes náuticos”
  • Xogos na praia para 1º ESO en horario de Educación Física
  • Recollida dos traballos dos alumnos presentandos ao concurso de narrativa, poesía e ilustración en torno ao mar: Ronseis do mar na palabra.