25 de novembro contra a violencia de xénero. Quérote querendo

A poder de ver, a poder de mirar, a poder de escoitar, a poder de non calar… dende o ensino, PODEMOS mudar un FÍXENO SEN QUERER QUERENDO por un… QUÉROTE QUERENDO!

Como pasar desa primeira e dura afirmación na que se agochan as mortes, as violacións, o maltrato que envolve esas emocións negras? Como pasar da dor ao querer sincero, respectuoso, libre, riseiro?

O equipo de biblioteca e as mozas e mozos voluntarios visibilizamos esta dor. Berrámola. Cremos na necesidade de mostrala, de lembrala. Cremos na posibilidade de mudar vontades, de facer reflexionar sobre a irracionalidade.

Os nomes das mulleres mortas no 2021. Os nomes na prensa. O pensar. A arte e a voz poética para denunciar. Para irmandar na necesidade de transformar as emocións.

VIOLACIÓNS

No Estado español denúnciase unha violación cada catro horas. Seis mulleres sofren violacións ao cabo do día. Iso fan 180 violacións ao mes, o cal fai unhas 2.160 violacións ao ano. Obviamente é moi probable que haxa un número bastante maior, que non todas as violadas denuncien. As denuncias aumentaron un 70% nos últimos seis anos. Hai máis vontade de denunciar ou aumentaron as agresións grupais e individuais? (…)

Artigo de Luz Darriba, artista multidisciplinar, xornal Nós, 6 de novembro de 2021

A voz na arte de Ángeles Jorreto e a voz poética de Miriam Ferradáns en Sempre marzo

Na biblioteca, nos recreos do xoves, pasaremos a curta Un Conte, do deseñador de animación Guillaume Arantes. Ver. Pensar. Falar.

Vén, mira, escoita, alerta, fala, non cales!

Un exercicio literario

Unha tarde de outono que parecía de verán acompañounos coa lectura de O verán sen homes, da escritora estadounidense Siri Hustvedt. E como ben dixo unha compañeira, a novela é un bo exercicio literario por parte da autora, a cal domina a escrita dun xeito pouco convencional. Neurociencia, filosofía, poesía,…todo acompaña á historia de mulleres de distintas xeracións, cos problemas de cada xeración. O relato resulta ás veces desconcertante, rompendo coa estrutura frecuente das novelas, pero aínda así, conseguiunos atrapar ata o final.

Voltamos para decembro, preto do inverno con Juan Luis Arsuaga e Juan José Millás e o seu ensaio La vida contada por un sapiens a un neandertal.

11 de febreiro: Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Sabías que temos internet grazas ao enxeño dunha muller? Ou que os primeiros programas informáticos da historia tamén foron obra dunha científica? Mulleres como Ada Lovalace, Hedy Lamarr, Rosalyn Franklin, Margarita Salas, Lynn Margulis, Tu Youyou… foron as responsables de descubrimentos que cambiaron o rumbo da ciencia en aspectos importantísimos: invención de fármacos e tratamentos para a malaria, transplantes de órganos, leucemia, VIH…; estudos da estructura do ADN; investigacións moleculares… Tamén marcaron grandes avances noutros campos, dende a oceonagrafía, coa elaboración do primeiro mapa do solo oceánico, ata o descubrimento dun buraco negro na nosa galaxia, pasando tamén polas matemáticas.
A maioría delas tivo que loitar nun mundo machista onde non se valoraban os seus méritos polo simple feito de ser muller. Outras, despois de loitar e traballar moitísimo, si que foron recoñecidas con prestixiosos premios, como o Premio Nobel.
Agora podes coñecer as súas investigacións e logros a través dos traballos dos alumnos de 2º de Bacharelato do noso centro para a materia de Lingua Castelá, dentro do Proxecto das Mulleres na Ciencia, nos que recompilaron os datos máis importantes dalgunhas destas marabillosas mulleres que entregaron parte das súas vidas á investigación e contribuíron a que o mundo sexa moito mellor.
Aquí tes unha pequena mostra, pero podes ver todos os vídeos na nosa canle de Youtube:

Hedy Lamarr, inventora.
Gertudre Belle Elion, bioquímica farmacóloga.
Marie Tharp, xeóloga e cartógrafa.

A asasina

Neste tempo de Entroido, o último libro que lemos no club de lectura de maiores levounos á Grecia de principios do século XX, concretamente a unha illa onde a miseria está á orde do día, onde sobrevivir é complexo. E este escenario tan alleo, non o resultou tanto ao final, pois na descripción que facía o escritor atopabamos semellanzas coa Galicia rural da primeira metade do século pasado.

Non só a descripción do entorno, da vida do día a día se parece, senón que tamén hai semellanzas na descripción desas mulleres duras, traballadoras, que loitaban e loitan por sacar ás súas familias adiante.

Todo isto forma parte dunha das grandes novelas gregas contemporáneas, A asasina, de Alexandros Papadiamandis.

A ridícula idea de non volverte ver

Cando se pensa nunha muller científica, sempre nos ven á cabeza a figura de Marie Curie. Todo o mundo a relaciona coa brillantez académica, merecedora de dous premios Nobel, a primeira muller en recibir un. Tamén se asocia coa radioactividade, causa da súa morte. Muller adiantada ao seu tempo, pouca xente coñece a existencia do diario seu persoal onde expresa os sentimentos de dor causados pola morte en accidente do seu marido, Pierre Curie. Esta faceta descoñecida, onde se representa a unha muller de forte caracter e chea de emocións contidas, é a que destaca Rosa Montero no seu libro A ridícula idea de non volverte ver.

Medio ensaio autobiográfico, medio biografía dunha gran científica, o libro fálanos da morte, do que implica a desaparición dun ser querido, da necesidade de reinventarse tras a perda. Moi recomendable, pois todo o mundo pasou ou pasará nalgún momento por esta situación inevitable.

A próxima xuntanza será en torno a Expiación, de Ian McEwan

Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia

O 11 de febreiro conmemorouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia! Visivilizamos a publicación do Portal das Palabras , “Mulleres sabias da terra”, e transformámolas en follas da nosa árbore da sostibilidade. Homenaxeálomas e animamos a todas as nosas alumnas a seguir o seu exemplo! Do Setestrelos tomamos a imaxe e a cita: “Pola esquerda e de arriba a abaixo, Ángela Ruiz Robles, Aida Fernández Ríos, María Wonenburger, Jimena Fernández de la Vega, Antonia Ferrín, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño e Elisa Fernández de la Vega.”