O vídeo e as imaxes da Semana Cultural 2016!

Pouco a pouco os corredores e as aulas foron enchéndose de CIENCIA e FICCIÓN. Da man, a ciencia e a palabra abrindo novos mundos, sen límites. Animais doutros tempos, seres mitolóxicos, naves espaciais que foron saíndo das aulas de Plástica; maxia e Correcamiños de Física e Química; as ilusións ópticas de Ciencias; lecturas, relatos e poesía das Linguas; exposicións da Biblioteca; teatro; música, cine, charlas de Sopa de medusa e plástico e Océanos de amor, de Cor animal, de mulleres científicas…

De SonCine, chéganos o vídeo que tan ben rodaron e montaron  Nuria Noya, Alba Vázquez e Marta Bernárdez, de 4º ESO. Moitas grazas!

Ciencia e ficción. (Semana Cultural, 2016) from SonCine on Vimeo.

Nós, dende a Biblioteca, recompilamos as imaxes.

SeMAnA CuLtuRaL

 

Grazas a todas aquelas persoas que colaboraron na celebración da Semana Cultural 2016!

More presentations from etikeles

De Coimbra, do cine, da literatura, das festas…

Recompilamos a información que o alumnado do IES de Porto do Son e o Aquis Celenis recolleu a partir dos roteiros que realizamos na viaxe conxunta a Coimbra dos clubs de lectura.

Unha fiestra aos portugueses!

http://www.authorstream.com/player.swf?fb=0&nb=1&ct=5&ap=0&c=dfdfdf&pl=as&p=2795827_635967294112873750&fi=1

More presentations from etikeles

Música e teatro nesta fin de semana no Liceo de Noia

Unha boa forma de “pasar” da chuvia, achegándonos ao Liceo:

  • Venres 25 ás 22:30 h.  : noite de clásicos do blues, soul, country, rock & roll… co grupo “THE LAKAZANS”.
  • Domingo 27 ás 20:30 h.: continúa a programación teatral do Concello de Noia no Liceo con SARABELA TEATRO, representando “BAILADELAS”, de R. Vidal Bolaño.
THE-LÁKAZANS-600x337                     bailadelas2-600x567

 

 

8 de marzo: Día da Muller Traballadora

Un ano máis, segue a ser necesaria, obrigada, a reflexión sobre o papel da muller na nosa sociedade. Un ano máis, as actividades en
torno ao Día da Muller Traballadora afondan na concienciación dos mozos e mozas.

O malva foi escollido entre as profesoras e alumnas do centro para lembrar a data e o compromiso.



A biblioteca veu sendo estes últimos días lugar de traballo para o alumnado de 3º de ESO, que, coordinado por Carme Mecía, elaborou o mural e a exposición que ambienta os corredores e a entrada do centro: Reflexións sobre as mulleres onte e hoxe. Recompilaron datos sobre a discriminación, a igualdade e a desigualdade, os dereitos cumpridos e non cumpridos, a publicidade, o pensamento… As imaxes dalgunhas daquelas mulleres que loitaron pola igualdade únense para forma un grande cartel, nunha homenaxe compartida.

Silvia e Rosalía, coa súa profesora Teresa, fixeron tamén un cartel para conmemorar o día:

Dúas presentacións elaboradas polas compañeiras do equipo de biblioteca, Ánxela e Marga, As mulleres na historia e As mulleres na astronomía foron atraendo as nosas miradas ao longo das xornadas do xoves e o venres.

Na biblioteca, Aurora Marco, profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega na USC, achegou ao alumnado de 4º de ESO a represión sufrida polas mulleres durante o franquismo.  O documental que o seu fillo, Pablo Ces, elaborou a partir das súas investigacións, As silenciadas  –de Mister Misto Films e Premio Mestre Mateo no 2012-, deu pé ao debate. Non é só recuperar a memoria, é facelo dende unha óptica femenina, tantas veces “silenciada”. Podedes atopar o documental na biblioteca ou velo aquí.

       

Na Sala Perseveira as alumnas e alumnos de arte expuxeron as súas presentacións sobre A muller e a arte.

O salón de actos encheouse de música e palabra. Pablo Sax e os nosos compañeiros Isidoro, César e Carlos, acompañados por Yoana, puxeron as notas que acompañaban os textos que leron Lucía Rodríguez, Paula, Uxía e Lucía Rego. Déixovos unha parte deles:

“Non pode faltar hoxe un recordo para todas mulleres que sofren nalgún lugar do noso planeta. E, sobre todo, para as nenas que aínda nacen cada día co seu futuro comprometido polo feito de selo: discriminación, analfabetismo, prohibición, dominación, posesión, explotación, vexación, ablación, matrimonios concertados, prostitución, violación…

2103. Nunca tanto como nestes últimos tempos de retroceso en moitos dereitos que pensabamos xa adquiridos, cómpre renovar ánimos e esforzos para seguir loitando por conseguir que homes e mulleres, mulleres e homes sexamos considerados  persoas, independentemente do noso sexo.

A vós – os mozos e mozas que escoitades- cómprevos poñer en marcha os medios necesarios para levar a cabo a vosa propia loita co obxectivo de contribuír a un mundo mellor. Este será unha das mellores metas á que dirixir os vosos estudos e coñecementos”.

 

 

Guía de Nadal 2012 e II Festa da Lectura

Onte, 17 de decembro, presentamos a Guía de Nadal 2012 na Casa da Cultura de Porto do Son, unha proposta de lecturas coordinada polo equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, resultado do traballo conxunto -moito máis alá das horas lectivas- coa Biblioteca Municipal, as EEI de Caamaño e Carballosa, os CEIP de Campanario, Portosín, Queiruga, Seráns e Sobrado-Nebra. De novo, contamos coa inestimable axuda do profe de plástica do insti, Alfonso Pérez, na maquetación. O respaldo do Concello, da Deputación e, nesta ocasión, de Nova Galicia Banco, fixo posible a impresión. Farase chegar ás familias e repartirase tamén, entre outros lugares,  nas librarías, bibliotecas, casas de cultura das parroquias, centros de saúde ou centros de día.

Eila:

 http://static.issuu.com/webembed/viewers/style1/v2/IssuuReader.swf

E  foi UNHA FESTA! Os alumnos do IES, Rebeca, Antía, Irene e Cristian, presentaron e gravaron o espectáculo. Enchían a sala un 200 alumnos do primeiro e segundo ciclo de primaria. Foi un pracer ver as súas caras de alegría, e a dos profes, ao escoitar as historias que Raquel Queizás sacaba da súa maleta. Logo, os rapaces e rapazas foron subindo ao escenario. Con eles vivimos unha aventura nunha biblioteca no fondo do mar, sosegámonos con Coldplay e asistimos a representacións musicadas poboadas de galos, galiñas, gatos… e unha vella que tiña un can. Co fermoso vilancico  Nadal de Luintra, de Berrogüeto, que serviu de peche á xornada, acompañamos as fotos. Detrás, moito esforzo. Como resultado, un fermoso día compartido.

Bo Nadal e boas lecturas!!!

 

http://photopeach.com/public/swf/spiral.swf

XXXVI Semana Musical de Noia

Para os afeccionados á música,  ata o 25 de novembro, celébrase a XXXVI Semana Musical de Noia.

Esta é a programación:

Día 20 – Conservatorio Municipal de Noia
Día 21 – Kin García trío (presentando o seu novo disco “accipiter gentilis”)
Día 22 – Dúo Mara

Día 23 – Francisco Luengo e Xurxo Varela
Día 24 – Banda Municipal de Lousame e Coral Polifónica de Noia
Día 25 – Rodrigo Romaní (presentando o seu novo disco “as arpas de Breogán”)

Mandolinas e guitarras búlgaras en Noia

A Concellería de Cultura do Concello de Noia organiza, este venres 5 DE OUTUBRO, na Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos”, ás 20:30,  o  concerto  da agrupación MANDOLIN QUARTET SEASONS de BULGARIA.  Poderemos disfrutar da combinación de mandolinas e guitarras búlgaras achegándonos a un tempo á tradición e á innovación.

O cuarteto ten actuado en Bulgaria, Alemaña, Austria, Hungría, España, Estados Unidos, Xapón e Croacia entre outros países. Ademais participan en diferentes proxectos internacionais de intercambio para a promoción da música de pulso e púa.


Teo. Portosín.

O que foi tema do ano, o mar, foi tamén elo coas familias: irremediablemente, necesariamente. Pais, nais, avós… a familia enteira que sabe do mar, que vive do mar. Nas fotos, nas entrevistas, nas investigacións e, agora tamén, detrás da cámara. David montou as imaxes e escolleu a música e fíxonos a todos e todas un pouco Teo. Tomamos o vídeo e as palabras directamente de Soncine.

 “O mar é un. Algúns dos pais dos nosos compañeiros proceden de Perú, de Ilo, en Moquegua. Son mariñeiros. Teo Coari accedeu a levar ao traballo a nosa camariña. Nunca filmara nada. A naturalidade, a delicadeza da súa mirada, decidiunos, despois de moitas probas de montaxe, a deixar o vídeo case como veu do mar.

Citamos no son unha canción de Lamatumbá sobre o traballo do mar, e unha canción de amor de aCadaCanto, que fala do destino, do mar e da distancia. Podedes ver as súas webs lamatumba.com/ e musicasdesalitre.com/
O vídeo forma parte dunha serie de tres sobre o mar en Portosín.”

Música para os Dereitos da Muller

            O día 8 de marzo, recordando o Día da Muller, levouse a cabo no Salón de   Actos do IES de Porto do Son un pequeno acto conmemorativo no que dúas alumnas de 2º de bacharelato e outra do Ciclo formativo leron distintos artigos da Declaración dos dereitos da muller e da cidadá que Olimpia de Gouges(1748 – 1793) redactou en 1791, na que reclama para a muller os mesmos dereitos que a Declaración dos Dereitos do home e do Cidadán recoñecía exclusivamente para o home en 1789, sinalando ademais que “a ignorancia, o esquecemento e o desprezo dos dereitos da muller son as únicas causas dos males públicos e da corrupción dos gobernos” . “A muller nace libre e permanece igual ó home en dereitos. As distincións sociais só poden estar fundadas na utilidade común” (artigo primeiro).

      A lectura deste e outros textos foron arroupados pola actuación duns membros do claustro    de profesores que interpretaron distintos temas de jazz e bossa nova:  Misty, Fly me to de moon, Poor butterfly e Desafinado, clásicos que  puxeron a nota de cor ás  reivindicacións que  fixeron as  mulleres  loitadoras francesas  e que abriron o camiño ata hoxe.

        “Muller, desperta; o rebato da razón faise oír en todo o universo;    recoñece os teus dereitos. O potente imperio da natureza deixou de estar rodeado de prexuízos, fanatismo, superstición e mentiras. A antorcha da verdade disipou todas as nubes da necidade e a usurpación” (Epílogo)