Escollemos algúns dos visual thinkings do alumnado de 2º de ESO A. Mirade que ben nos explican o que é a literatura! Na orde en que mostran, son de Aixa, Adrián Santos, Águeda, Noe e Hugo. Parabéns!



Escollemos algúns dos visual thinkings do alumnado de 2º de ESO A. Mirade que ben nos explican o que é a literatura! Na orde en que mostran, son de Aixa, Adrián Santos, Águeda, Noe e Hugo. Parabéns!
O club de lectura “Fraga de novio” de maoires foi moi afortunado este xoves ao compartir mesa con Manuel Gago. O escritor pobrense aceptou o noso convite para compartir xantar e charla ao redor da súa primeira obra, “O anxo negro”.
Xornalista, profesor, historiador, etc., Manuel Gago axudounos a interpretar e coñecer tradicións galegas das que nalgún momento oímos falar ou que mesmamente puidemos vivir: as tres marías, a bruxa da aldea, o aire dos mortos… Que gran descoñecido ese patrimonio cultural galego tan antigo!
Nesta extensa novela, Gago combina ficción e realidade, deixándolle ao lector a decisión de elixir que historia ou feito é o verdadeiro, ou incluso, verdadeiro a medias. Como exemplo, esta fotografía tomada antes da guerra civil con Castelao na zona da costa da Morte, a cal ten especial relevancia no libro. Averiguamos que a fotografía existe, aínda que o sucedido cos alí fotografados xa forma parte da ficción galega.
Pouco queda para rematar este curso , pois só unha lectura está pendente. Será para xuño, e contaremos tamén co escritor, Xerardo Agrafoxo, e cos membros do noso club de lectura irmá da Pobra do Caramiñal.
Hoxe recibimos aos nenos e nenas dos coles de Xuño e Portosín na Perseveira! E tamén visitaron a biblio! E volvemos contar, nunha das actividades de dinamización da lectura que máis nos gustan! Áxela e os rapaces e rapazas de 2º de ESO de Valores Éticos e do Club de Lectura fixérono moi ben!
Celebramos un ano máis as CONTADAS NA PERSEVEIRA! Hoxe viñeron os nenos e nenas dos coles de Nebra, Campanario, Caamaño, Seráns, Carballosa e Queiruga. Foron á biblioteca, coñeceron a aula Galaxia, viron a exposición de Sostibilidade e estiveron ben atentos aos contos que lles contaron os rapaces de 2º de ESO de Valores Éticos, entre os que están algúns do club de lectura. Ata bailamos ao rito dos Quinquilláns! Os dos coles pequenos decidiron quedar a merendar e a xogar un rato no patio!
Sempre é un pracer recibilos!
Este luns tivemos a última sesión do obradoiro “Ferramentas para contar”, con Akira Valero. Foron tres sesións dunha hora e media de duración nas que alumnado do club de lectura e do grupo de teatro (algúns e algunhas asisten ás dúas actividades) xogou, berrrou, riu, pensou, actuou, modulou a voz, atopou no seu corpo unha canle de expresión coa que acompañar os sentidos e a palabra. Desta colaboración coa Área de Xuventude do Concello que vén enriquecendo as nosas actividades, sairán contadas aos nenos e nenas da Ludoteca, e, posiblemente, encontros con avós e avoas do Centro de Día aos que preguntaremos e escoitaremos. Nunha cadea de voz, de xeración en xeración, retomaremos as súas historias para facelas memoria viva.
Onte, luns, ao mediodía, alumnos e alumnas do club de lectura dos maiores e do grupo de teatro comezaron o obradoiro de técnicas de expresión oral Ferramentas para contar con Akira Casal. Trátase dunha colaboración coa Área de Xuventude do Concello. Haberá dúas sesións máis que nos axudarán a mellorar as Contadas, nas gravacións de radio, nas aulas… Un taller ben interesante e divertido!
Neste último trimestre o alumnado de 1º de Bacharelato andou enredado na lectura de dúas obras que acaen ben neste Mes das Letras: Instrucións para tomar café, de Núñez Singala e Made in Galiza de Séchu Sende.
Polo que dixeron, disfrutaron destas lecturas que nos levan a camiñar arredor de nós, a pensar e a pensarnos cunha boa dose de humor: a fala, a identidade, a sociedade que construímos e que estamos a tempo de mudar. Os dous narradores aguillóannos como pobo mediante a palabra. E é a palabra a que tomaron! Ocupamos unha vez máis a Sala Perseveira para as nosas CONTADAS! Adaptamos, recitamos, escenificamos…! Nubes, palabras buscando donos, Castelao queixándose nunha ouigha dende o máis alá, avoas procurando un paracaídas para fuxir, botellóns nos que tatabexar verdades, prescicións para o uso do galego , madrileños asombrados pola progresiva desaparición do castelán…!
Un ano máis Ánxela e os mozos e mozas do seu grupo de teatro tráennos as CONTADAS. Onte estiveron na Sala Perseveira os nenos e nenas pequenos dos coles de Portosín e Xuño, hoxe, os de Campanario, Nebra, Caamaño, Carballosa e Seráns.
Desta volta escoitamos os contos de Garavanciño que cantaba “pachín, pachín, pachán…”; dun flautista que limpa de ratos Hamelín a ritmo de “Rianxeira”; dunha ovelliña que quería cear co lobo; dun caldiño que o coello branco non daba cociñado por culpa da cabra cabresa; dun príncipe que se converte en ra; dunha princesa que estaba tremendamente aburrida coa vida de palacio… Eles riron con nós e nós coas ocorrencias deles: “ese conto cóntamo a miña avoa Carmucha”, “o peor foi o do bico!”, “a min ghustoume o do lobo e a ovelliña!”.
As profas e os profes dinnos que os “maiores” coméntanlles aos novos de infantil o ben que o pasaron nas anteriores “contadas” co Galo Mirindolo, coa eiruga, a toupiña…
Diso se trata, de espertar o gusto polos contos e de atopar pracer en escoitalos e en contalos! Quedamos na Perseveira de novo no vindeiro curso!
Moitas grazas a Sara, Sophía, Gonzalo, Ana, Alba, Ricardo, José, Tamara, Álvaro, Manuela, Nerea e a Ánxela e, por suposto, a todos os nenos e nenas por vir!
Foron chegando aos poucos os traballos do alumnado de Lingua Galega. Propuxémoslles buscar polas casas unha imaxe antiga e a partir dela falar cos seus avós, cos parentes de máis idade, cos pais e nais… Pretendiamos que das conversas xurdira a memoria, que valorasen os tempos adicados a escoitar, a falar. De palabra tería que partir o interese polo propio, polo identitario, pola historia de noso. E así foi.
O departamento de Lingua Galega, o EDNL e a Biblioteca, na liña do tema interdisciplinar do Patrimonio, recompilou o material nun blog chamado SonMemoria. Nel recollemos o traballo do alumnado -aquel que as familias permitiron dar a coñecer- coa intención de convertelo nunha fiestra ao pasado de Porto do Son. Partimos da idea de que para comprender o presente e construír futuro hai que saber dos tempos idos.
En decembro, cando xa levabamos un tempo programando a actividade, asistimos a unha charla da profesora Pilar Ponte e Xosé Maneiro. Estes explicáronnos varios dos proxectos desenvolvidos no seu centro, o IES da Pobra do Caramiñal. Entre eles estaba o levado a cabo polo EDNL e o departamento de Historia Unha imaxe, unha historia. Os obxectivos eran moi semellantes aos que nós tiñamos elaborados, polo que adaptamos o magnífico material que eles ofrecen no seu blog ás nosas necesidades.
É un blog con vontade de ir enriquecéndose cada curso. Os textos elaborados pertencen a alumnos e alumnas de todos os niveis, principalmente de ESO. A través deles podemos saber dos usos do campo, do mar, dos traballos cotiás, da emigración, das festas…
SonMemoria únese así a SonCine. Convidámosvos a abeirarvos a este peitoril!
Agradecemos ás familias a súa colaboración.