O anxo negro

O club de lectura “Fraga de novio” de maoires foi moi afortunado este xoves ao compartir mesa con Manuel Gago. O escritor pobrense aceptou o noso convite para compartir xantar e charla ao redor da súa primeira obra, “O anxo negro”.

Xornalista, profesor, historiador, etc., Manuel Gago axudounos a interpretar e coñecer  tradicións galegas das que nalgún momento oímos falar ou que mesmamente puidemos vivir: as tres marías, a bruxa da aldea, o aire dos mortos… Que gran descoñecido ese patrimonio cultural galego tan antigo!

Nesta extensa novela, Gago combina ficción e realidade, deixándolle ao lector a decisión de elixir que historia ou feito é o verdadeiro, ou incluso, verdadeiro a medias. Como exemplo, esta fotografía tomada antes da guerra civil con Castelao na zona da costa da Morte, a cal ten especial relevancia no libro. Averiguamos que a fotografía existe, aínda que o sucedido cos alí fotografados xa forma parte da ficción galega.

Pouco queda para rematar este curso , pois só unha lectura está pendente. Será para xuño, e contaremos tamén co escritor, Xerardo Agrafoxo, e cos membros do noso club de lectura irmá da Pobra do Caramiñal.

En tempos de magostos…

O magosto sae ao corredor! Unha defuntiña ben resalada anda a facernos as beiras entre ourizos, cantigas, tixoslos, palabras, libros… Hoxe enredaba coa rapazada que quería resolver os xogos castañeiros!!!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E para saberdes máis, pinchade na imaxe para ir á presentación que preparamos dende o equipo de biblio e aprendederedes do cultivo, dos usos, de refráns e cantigas, de apelidos, das súas voces, das festas… Comezamos!!!

A BIBLIOTECA COA RUTA DA AUGA

O luns, nun día soleado, o alumnado do ciclo guiou os 80 rapaces e rapazas de 1º de ESO na Ruta da Auga dende o IES ata Cans! Xa van tres xeracións que saen do centro para este entorno transformado en aula.

O plan de acollida, convivencia, proxectos… Entrade nos roteiros da páxina do centro para velos!

 

A biblio, sempre na organización destas iniciativas a carón da vicedirección e o profesorado, saca ao corredor as tarefas que fixeron os alumnos e alumnas do curso pasado sobre este roteiro e achega os fondos que puidesen ser de interese para traballala neste curso: libros sobre o Concello, dicionarios, guías de plantas, árbores e animais, material sobre a auga… Continuamos co tema da Sostibilidade!!! Comezamos unha nova andaina na Ruta da Auga!

 

E ti, de quen vés sendo?

Botamos a andar unha das actividades da biblio: “E ti, de quen vés sendo?” 

Nas materias de Cultura Científica, Lingua Galega e Lingua Castelá queremos saber que nos contan os nosos apelidos e alcumes, mesmo a nosa árbore xenealóxica. Cal é o mundo de noso que reflicten. Que costumes, que memoria, que árbores, riberias, crenzas… Andamos traballando a sostibilidade. Comezamos por saber quen somos.

Os rapaces e rapazas de 1º de ESO únense á actividade iniciada polos mozos e mozas que o curso pasado revisaron todos os apelidos do centro para procurar aqueles que falaban de nós. O alumnado de 3º de ESO, traballará cos datos acadados polos seus compañerios.

Ao carón, os fondos da biblio que nos axudarán a descubrirnos.

Veremos de quen vimos sendo, de onde vimos sendo!

 

VISITA AO MUPEGA

O xoves pasado o alumnado de 1º de Valores Éticos coñeceu como era a escola á que foron os seus avós. Descubriron as escolas do ferrado, as dos indianos, as do franquismo… Como se vivía sen tecnoloxía dixital: ábacos, tinteiros, “pizarriñas”, a campaíña para anunciar o remate das clases… e a vara na mesa do mestre, que non podía faltar!

Outra parte do alumnado visitou o Museo do Pobo Galego. Logo, xuntámonos para facer un xogo de pistas pola zona vella de Santiago.

Co Proxecto Terra en Allariz

O martes 29 unha parte do alumnado de 3º de ESO e o alumnado de Paisaxe e Sustentabilidade de 1º de ESO, acompañado por Pilar, Carme Pazos e Carme Caamaño -as dúas primeiras, compañeiras do equipo de biblioteca-, visitaron Allariz. Fixérono no marco do Proxecto Terra. Pilar, do departamento de Xeografía e Historia, cóntanos a saída:

“Chegamos a Allariz ás 10.30 e inicamos a visita a vila con dúas guías que se repartiron o grupo. Na visita paramos nos espazos máis emblemáticos: o río e o seu parque,  a ponte románica, a praza do pobo (escenario da película A lingua das bolboretas, de José Luís Cuerva)e a igrexa románica. Durante a ruta destacouse o papel da restauración para a conservacion do patrimonio, e como é necesario fomentar actividades nos cascos velllos, para que sexan habitables. Tamén nos falaron da festa do boi e “correr o boi” (fan unha carreira diante dun boi, todos os días da semana ás oito da mañá e as nove da noite). No percorrido, parada nos museos (Museo do téxtil, Museo do xoguete e Museo do coiro; este último segue funcionando como obradoiro e tenda de produtos de coiro, ademais o “cesionista” organiza cada ano unas xornadas-obradoiros de artesáns do coiro na vila).
Pola metereoloxía, comemos nas instalacións da “Fundación Ramon Gonzales Ferreiro”. Logo dirixímonos ao Ecoparque de Ibarrola ( a arte na paisaxe, o soporte son as árbores e pedras). Neste espazo natural rodáronse os exteriores da filme. De aí á ecogranxa e queixeria de “O rexo”, onde se fabrica un queixo tipo Idiazabal. Salientaron  como favoreceu o aproveitamento do rural e o papel do gando no mantemento do monte e o control de incendios.
Á tardiña, volta a casa.”

2ª xornada de Cultura para a sustentabilidade

Onte tivemos a segunda xornada de formación do curso Educar para unha Cultura da Sustentabilidade na biblioteca. Alejandro Pérez Díez, do proxecto Alianza Terra (Grupo SEPA), presentou a Pablo Neira Cortea, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e membro do Grupo SEPA e de Interea. Falounos da Educación como alternativa ao cambio climático, ese proceso dolorosamente real, inevitable e, do que quizais, dende a implicación da sociedade,  e polo tanto tamén das escolas, podemos emprender para minorizar os efectos. A responsabilidade interxeracional, a natureza como teito para as decisión, os datos que ofrece a Curva de Keeling sobre a evolución diaria da presenza de dióxido de carbono na atmosfera…

Cambio climático

Na segunda parte da tarde, Nélida Lamelas Castellanos, da Facultade de Economía da USC, e Paz Caínzos Rodríguez, de Intered Galicia e SEPA-Interea, realizaron para nós unha sesión dinámica, motivadora e xeradora de tempos de reflexión en común. O tema foi O eco-feminismo e o coidado da vida nos centros educativos. 

Canto por traballar, canto por concienciar!!! Niso estamos, na nosa responsabilidade co presente e o futuro dos noso alumnado, das nosas fillas e dos nosos fillos, da Terra.

 

Festival de teatro grecolatino en Ourense

Un ano máis non puidemos resistirnos a deixar de acudir ás obras clásicas que se representan no Festival de teatro grecolatino organizado pola Asociación de Estudos Clásicos na cidade de Ourense. Nesta ocasión foi a comedia de Plauto Pseudolus que se representou no auditorio ourensán o xoves día 16. Esta obra conta os enredos que o escravo Pseudolus protagoniza para conseguir que a moza que ama o seu amo acabe de novo nos seus brazos. Ela  é escrava no prostíbulo de Balaiona, unha proxeneta sen escrúpulos de ningún tipo,  que a vendeu a un militar por 20 moedas das que aínda debe cinco. Pseudolus aproveita este feito para conseguir enganar a Balaiona e sacar do prostíbulo a Fenicio, a amante do seu amo. Foi representada polo grupo teatral  Noitebohemia, que xa coñeciamos por outra representación deste mesmo autor e que nos gustara especialmente pola adaptación actual dos textos e a posta en escena, neste caso coa axuda da música do lexendario grupo de rock Queen.

P1030152

teatro

Pola mañá a cidade de Ourense acolleunos cun sol que comezou a quentar timidamente e que logo nos acompañou ao longo de toda a xornada. As mozas e mozos de 1º de bacharelato puideron disfrutar dun paseo pola beira do río Miño ata as pozas termais da Chavasqueira onde houbo quen se animou a disfrutar dun baño ben quentiño.

P1030143fernan e cristian

 

ponte romana

Mentres tanto os compañeiros e compañeiras de 4º de ESO realizaron uns xogos de pistas que lles permitiron coñecer un pouco da cidade: arte, prensa, literatura…

IMG-20170320-WA0004

 

trillizas

Agardamos que teña sido unha boa experiencia!!

 

 

Visita á exposición Vivir na terra

O alumnado de 4º de ESO e o seu profesor e colaborador do equipo de biblioteca, Raúl Soutelo, visitou a exposición sobre o agrarismo, Vivir na terra,  que se mostra no Museo Marea de Porto do Son. Enmárcase nas actividades que sobre o tema se están a desenvolver neste mes no Concello, en Nebra e no noso centro:

ies-porto-do-son-003

ies-porto-do-son-002-1

 

 

Exposición, charlas… no centenario das mortes de Cans

Como non podía ser menos, no centro tamén conmemoramos o centenario dos sucesos de Cans. Porque estamos ao lado do lugar do suceso, porque non debemos esquecer o pasado para evitar repetilo, e porque temos que aproveitar calquera ocasión para lembrar sacar de paseo os fondos da biblioteca que iso ocorreu nun momento, primeiro terzo do século XX de gran expansión dos movementos agrarios en Galicia. Desde aquí queremos agradecer ao sonense Xerardo Díaz, que morreu no exilio en 1992, ter publicado Nebra, historia dunha infamia, no que se narran os feitos acontecidos en Cans.

Este verán alguén poñía reiteradamente un cartel na beira da estrada que indicaba a localización da aldea. Reiteradamente, tamén, alguén retiraba o cartel. Nós atopámolo no contedor do lixo e recuperámolo para facer que a memoria permaneza. Nestes días acompaña versos e libros de reivindicación agraria, de loita pola terra e polos dereitos do pobo.

exposicion-cans

 Mañá 12 de outubro, o mestre e estudoso do patrimonio e a historia de Porto do Son, Mariño del Río, dentro dos actos de homenaxe que organizan os familiares e veciños das vítimas da Revolta de Nebra, presentará ás 17:00h o seu libro: Os tráxicos sucesos en Cans (1916). 100 anos de lembranza-. Hoxe estivo na nosa biblioteca co alumnado de 2º de Bacharelato para contarlles como aconteceron eses feitos. Feitos que sitúan a Nebra e a Porto do Son nun papel protagonista nas loitas e reivindicacións agrarias de comezos do século XX, cun canto de fondo, as palabras de Basilio Álvarez e os versos de Ramón Cabanillas. Loitas que en moitos casos remataron en traxedias como a de Cans, e que cantaría o poeta Manuel María:

O sangue do noso pobo

de roxo tinguiu o chan.

¡Povo rexo e valeroso,

de Oseira, Nebra e Sofán!

marino-del-rio-3

O noso compañeiro Raúl Soutelo, un dos organizadores do congreso que o 14 e 15 de outubro terá lugar na Casa de Cultura de Porto do Son, achegou tamén a unha parte do alumnado estes sucesos. Os corredores do instituto transfórmanse son espazos onde mostrar os fondos da biblioteca, son espazos para ensinar e aprender.

raul-cans

unnamed

O 17 de outubro, o alumnado de 1º de ESO, dentro das actividades relacionadas co proxecto sobre a Auga que desenvolverá este curso, fará unha andaina que rematará na ponte de Cans, ante a placa conmemorativa que lembra a Revolta de Nebra. Unha ponte ao pasado. O río do tempo… sobre o que contruír un futuro mellor.