De Isaac Díaz Pardo, Castelao e Rosalía ao cómic!

Tanto Castelao como Isaac Díaz Pardo foron pintores e escritores. Os dous crían na necesidade de unir a imaxe e a palabra. Castelao fíxoo nos seus álbums (Nós, Milicianos, Galicia Mártir, etc.), na narrativa e no teatro

“— Non quero ir porque o escolante pégame e a escola cheira que fede”. Castelao. Álbum Nós, 1931. Primeira edición. 


Isaac Díaz Pardo fíxoo nos carteis de cego que publicou en 1970: Paco Pixiñas, O marqués de Sargadelos e A nave espacial. En 1985 adicou un á vida de Castelao.

Seguindo os seus pasos pedimos ao alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO que crease cómics a partir dos relatos de Castelao de Retrincos e Cousas en 1º e 2º de ESO e dos poemas de Rosalía de Cantares Gallegos. Mirade nesta selección que ben o fixeron!!! Tan ben que os mellores recibirán do EDNL e da Biblioteca un cómic en galego como galardón. E os premiados foron:

1º ESO

1º A: Fabián Santos Cambón, “O segredo” e Érika Maneiro Santamaría, “Peito de lobo”. 1º C: Adrián González Queiruga, “Sabela”.

2º ESO

2º A: Águeda Dios Rego, ” A cova dos carcamáns”.

3º ESO

3º A: María Sanlés Suárez, “Nasín cando as prantas nasen” e 3º D: Nerea González Couza “Pasa, río, pasa, río”.

PARABÉNS!!!!!

Ou por que a poesía ten menos lectores que a novela…

Resposta, atinada, provocadora, reflexiva… e moi ben escrita de Clara Tomé Mariño, de 2º de bacharelato:

Son consumidores serios de poesía os adictos a unha breve e perecedoira felicidade, inconformistas que con poucas liñas se conforman, unha especie en extinción á que ninguén protexe. Hoxe por hoxe a sociedade compóñena chimpancés sobreestimulados polas pantallas. Os emojis de corazóns e os “tk” substituíron ao Amor Cortés das cantigas medievais e levaron a que finalmente “se nubrase o sol eternamente”, a que “o mar se secase un instante” e que a “lapa do amor” de Bécquer se apagase de xeito indefinido. Cada vez menos xente fala de sentimentos e xa nin pola cabeza se nos pasa ler sobre eles en verso: son complexos e non entran nos nosos ilustrados cocos. A hermética e enigmática poesía tórnase difícil de descodificar se non se nos presenta en ceros e uns. Ás veces tamén resulta máis cómodo, aínda que sexa facer trampa, deixarlle a lectura da poesía ao nervio auditivo e non ao óptico: “The answer, my friend, is blowing in the wind” (Bob Dylan) ou “La vida es tan corta y el oficio de vivir tan difícil, que cuando uno empieza a aprenderlo, ya hay que morirse.” (Joaquín Sabina). E se lemos para evadirnos da realidade preferimos facelo durante o maior tempo posible; mellor que a fuga dure unha novela a que dure unha copla antes de ter que volver de novo ao cárcere. 

Frazer de novo no IES

Esta mañá vimos de contar outra vez coa maestría de Ricardo Frazer, unha das actividades complementarias habituais que organiza o Departamento de Lingua castelá e Literatura coa colaboración da Biblioteca. As limitacións do protocolo non impediron volver a disfrutar do ben facer deste profesional. Desta volta, adaptándose á nova situación, o actor deunos consellos de interpretación a través da pantalla cunha charla por meet. Aínda que a cámara estaba polo medio, puidemos sentir a súa cercanía. Explicounos como modular a voz, como manexar o timbre, como enfrentarnos a un texto, como manexar os silencios e a improvisación, pero sobre todo amosounos o poder da palabra.

Puidemos escoitar a León Felipe, a Pablo Neruda e a Antonio Machado. No seu poema “Retrato” Ricardo Frazer ponlle a voz a este poeta do 98, onde se ispe para falarnos de si mesmo, da súa poesía, da súa visón da vida e todo a través da palabra, da palabra poética.

“Aplicación Instantánea”, con Carlos Negro

Instrucións de uso (da poesía), catro avatares e desconexión. Pode haber poesía no móbil?, nunha app? Podemos atoparnos nos versos? Si!!!! O alumnado de 3º de ESO achegouse a esa linguaxe que se afasta da gaiola da norma para regresar enriquecendo a palabra con Aplicación Instantánea, a obra coa que Carlos Negro gañou no 2018 o premio Jules Verne de Literatura Infantil e Xuvenil que otorga a editorial Xerais. Nun dos poemas podemos ler:

Que é para ti un poema?

As palabras
Que non se gardan nos mesmos caixóns de sempre.
Se cadra iso.
Pero sen estar segura.

O venres pasado Carlos Negro recitou, sorprendeu, atopou o noso sorriso, fíxonos reparar nas palabras… Nós recibímolo coas interpretacións artísticas do poemario.

 

“Danza primixenia”, o poemario do VII Concurso escolar de poesía

Xa está na nosa biblio Danza primixenia, o poemario do 7º Concurso escolar de poesía Rosalía de

Castro, convocado polo Corte Inglés e a Fundación Rosalía de Castro. Dos 20 poemas seleccionados nas distintas categorías, catro son de alumnado do IES de Porto do Son! E xa non é a primeira vez: alí estivemos na cuarta edición e na quinta edición!

A final de curso Clara e Suso recolleron os seus galardóns, mais o xurado quixo recoñecer tamén a valía dos poemas de Sebastián e Valeria, versos para acompañan os cadros de Seoane. Parabéns! A palabra da man da pintura; poesía que sae das aulas! Aquí vos deixamos os poemas:

Premiados no VII Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro

Onte á tardiña, na Fundación Rosalía de Castro, Clara Tomé Mariño, de 4º de ESO, e Jesús Vázquez Pajares, de 1º de Bacharaelato, recolleron o galardóns do VII Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, que convocan a Fundación e O Corte Inglés. Nos seus poemas ofrecen unha nova mirada dos cadros de Seoane. Palabra e cor unidos.

Parabéns para eles e para os outras premiadas!! Si, premiadas: sete mozas entre os nove textos seleccionados!! Rosalía, sorría satisfeita dende un currunchiño! Seoane tamén, de seguro!

Ademais do agasallo económico, publicaranse os poemas nun libro que se presentará nun acto que terá lugar na Festa de Rosalía na Casa da Matanza o 14 de xullo. Informáronnos de que outros poemas que os nosos alumnos e alumnas presentaron a concurso quedaran como finalistas e serán tamén incluídos neste volume. O noso centro xa fora recoñecido nas edicións do 2016 e 2017! Un orgullo para nós!!

Deste concurso van saíndo novas xeracións poéticas e o galego prende nos versos con forza! Como o fixeron en Sechu, quen, coa súa voz serena foi poñendo música ao acto. El tamén lembrou a importancia dun profesor seu, Carlos Negro, na súa querencia pola poesía. E nós, sorrimos tamén.


Gañador@s do concurso Luís Seoane, cor e mais palabra

Onte, no marco do Día das Letras Galegas, entregamos na biblioteca os premios do concurso Luís Seoane, cor e mais palabra, convocado polo Equipo de Dinanización da Lingua Galega e a biblioteca. Sebastián, María, Mariña, Helena e Adriana recolleron os agasallos: cómics en galego. Segundo o xurado, a escolla non foi nada sinxela. Moitos dos poemas aportaron palabra á cor dos cadros de Seoane. Sen dúbida, no noso centro, celebramos a Seoane (mesmo máis que algúns organismos públicos que terían que telo feito, cando menos este ano); a visita á exposición realizada dede a biblioteca foi unha das actividades da Semana Cultural .

Adicámosllo a Fraguas. El e Seoane loitaron por manter a identidade de Galicia!

Parabéns a tod@s por participaren e, en especial, aos gañadores (por certo, seguimos tendo moita máis participación feminina!!! Mozos, espabilade!).

 

“El lenguaje de las cosas” no club de lectura. Sentindo os ritmo da poesía!

Que hai detrás das cousas? Detrás dunha lámpada, dun reloxo, dunha bufanda, dunha cunca… E dunha ventá? No club dos máis novos lemos poemas do fermoso libro de María José Ferrada, El lenguaje de las cosas, na coidada edición de El Jinete Azul. Unha delicia. O mesmo que as delicadas ilustracións de Pep Carrió.

Nesta sesión, lemos poesía, os de María José Ferrada, os poemas que crearon os rapaces e as rapazas, tamén ilustrados por eles, e algúns máis. E transformamos a poesía en camiño! Os nosos pasos estaban prendidos a un ritmo, o da poesía que iamos lendo pola biblioteca adiante! Que importante sentilo, marcalo! Que importante sentir a linguaxe e a literatura no recitado!

 

Haikiños no Día do Libro

Na Semana Cultural a nosa querida María Míguez abriu o mundo dos “haikiños” ao alumnado de 2º de ESO e deixoulles un encargo: facer na Semana Santa un “haikiño” sostible ilustrado, sostible non só na temática senón tamén no soporte, un cartón reciclado!

Entre onte e hoxe, conmemorando o Día do Libro, seleccionamos os tres mellores e entregámoslles un agasallo que a autora e ilustradora lles adicou, un caderno ilustrado adicado e unha reprodución dun dos sesu haikus. E as premiadas (de novo mulleres!!!) foron… Rebeca Maneriro  en 2ºA, Valeria Güimil en 2º B e María Queiruga en 2º C! Parabéns!!!!