Historia dunha gaivota

Penúltima xuntanza do club de lectura Furalibros, e como a estas altura de curso, están xa cansadiños, propuxemos unha lectura pequena, áxil, e sobre todo, fermosa. O libro Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar, do escritor chileno Luis Sepúlveda, conta a historia dun gato que se ve no compromiso de incubar un oviño de gaivota e ao nacer, ter que ensinarlle a voar. Nesta novela os humanos somos personaxes secundarios, ás veces negativos, sobre todo cando somos os culpables de contaminar os océanos. O protagonismo real nesta lectura téñeno basicamente os gatos, cada un co seu propio carácter…..e sí, ao final a pequena gaivota “Afortunada” aprende a voar.

Advertisement

Azucre

Título doce para unha novela amarga. O libro de Bibiana Candía está baseado en feitos reais que ocorreron no século XIX, cando se trasladaron a Cuba a máis de mil galegos para traballar en condicións de escravitude nas plantacións de caña de azucre. Estos feitos, descoñecidos para a maior parte do público, aparecen descritos nas cartas que enviaban aos familiares pedindo axuda. A escritora fai un relato trepidante, con frases moi curtas, que nos trasladan a esa viaxe en barco en condicións infrahumanas e a posterior escravitude nas facendas de azucre. Gustou esta lectura aos membros do club de lectura Fraga de Novio. Voltamos en maio con Emma Pedreira.

Descoñecidos

Despois de case dous meses de parón retomamos o club de lectura dos Furalibros cunha novela chamada Desconocidos, de David Lozano. Non foi a lectura que máis lles gustou aos membros do club, pero desde logo esta novela de intriga deunos materia para poñernos a falar sobre o uso que facemos das redes sociais, e sobre todo, do seu mal uso.

Queda pouco para o final do curso, así que tentaremos alimentar a alma e o estómago deste grupo tan xeitoso de mozas e mozos nas vindeiras xuntanzas.

Balada para Sophie

Desta volta limos no club das Lerpeir@s unha novela gráfica de orixe portuguesa, obra de Filipe Merlo e Juan Cavia. Unha xornalista entrevista a un afamado pianista que vive recluído na súa mansión en Francia a finais do SXX. Julien Dubois agocha unha vida chea de secretos, a rivalidade cun intérprete misterioso que aparece e desaparece da súa carreira, a interrupción da invasión nazi na Francia de mediados de século e a manipulación exercida pola súa nai e o seu adestrador. Os recordos e os remoros flúen entre o fume dos cigarros que acabarán deixándonos vislumbrar a sorpresa que da lugar a última peza: a Balada para Sophie.

A Esmorga

Cando se plantexa un libro para compartir no club de lectura sempre se pensa en algo publicado recentemente, nunha novidade. Pero está moi ben “redescubrir” clásicos, voltar a ler libros lidos fai moitos anos, e que case todo o mundo ten na súa biblioteca. Desta volta lemos no club de adultos A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, un dos clásicos da literatura galega. Unha novela que asemella unha traxedia grega, onde ves como chega o mal inevitable.

Agora toca ver en vivo os lugares que percorren o Cibrán, o Bocas e o Milhomes, pois varios membros do club faremos unha ruta literaria para coñecer Auria.

Atranco no banco

Para celebrar o Día Mundial da Radio eleximos como lectura do club de lectura Furalibros a obra de teatro de Manuel Núñez Singala Atranco no banco. Esta obra curta é divertidísima, sobre todo cando a teatralizamos. Que difícil é buscar o tono axeitado! Despois da teoría subimos á radio escolar para poñer en práctica e gravar algún fragmento. Aínda hai moito que aprender, pero o primeiro paso xa está dado.

14 de febreiro: Amor a primeira vista

Cres no amor a primeira vista? Cos libros tamén pode xurdir o frechazo: unha ollada, unha chiscadela, un ruxe ruxe no estómago… Si quero! Quero deixarme levar polas verbas e ver se me namora de verdade. 

Ven ao noso “First dates” e atopa o teu libro soñado. Quen sabe se está aquí a agardar por ti?

 

Novela de xadrez

23 de xaneiro de 2023

@s Lerpeir@s adicamos esta sesión do club de lectura a falar desta obra maestra, Novela de xadrez, que pon enriba da mesa este xogo “único entre os xogos”.

O seu autor, Stefan Zweig, enfrenta a dúas figuras antagónicas, Czentovic, o campión mundial de xadrez, e o Dr. B., un enigmático home que a Gestapo fai prisioneiro cando Hitler invade Austria. Dous personaxes antagónicos, coma os cadros brancos e negros, que representan o mundo do nazismo, da brutalidade enfrentado ós valores da Europa de entreguerras.

O xadrez amósase coma unha vía de escape, de resistencia contra o sufrimento do aillamento, pero que se convertirá nunha arma de dobre fío xa que producirá unha visión distorsionada da realidade.

Esta obra reflicte o sufrimento psicolóxico que marcou gran parte da vida do escritor e dos seus últimos días, antes do seu suicidio. Exiliado forzoso polo nazismo, nunca voltará á súa Austria natal, recolle nesta novela breve a cuestión de como sobrevivir á nosa propia mente.

Aínda que as compoñentes do club das Lerpeir@s nos vai máis a lectura, este xogo ten engaiolada a moita rapazada do noso ies. Velaquí tedes a mostra das partidas rápidas que teñen lugar nos recreos na nosa biblio:

Lúa do Senegal

O alumnado do club de lectura Os Furalibros tivo outro golpe de realidade a partir dun libro. Nesta ocasión voltamos a África da man de Agustín Fernández Paz e a súa obra Lúa do Senegal. Nesta novela pequerrechiña, moi fácil de ler, seguimos as aventuras e desventuras dunha nena senegalesa que chega a Vigo coa súa nai e irmá para reunirse co pai. Historias da emigración, do desarraigo, da soidade e de aceptación.

Casualidades que ten a vida, contamos desde fai dous meses no instituto cunha nena que chegou de Senegal polo que nos imaxinamos que estará pasando por situacións similares ás da protagonista da novela. Khary acompañounos na xuntanza e ensinounos pinceladas do seu país: gastronomía, música, paisaxes, historia,… Moito aprendemos!

Botanicum

La memoria secreta de las hojas, da botánica americana Hope Jahren, foi o centro da última xuntanza do club de lectura de adultos. Un libro que contén á súa vez, tres libros: unha autobiografía, un ensaio científico e un tratado de botánica. Hope Jahren enlaza a súa traxectoria vital e persoal ao desenvolvemento das propias plantas, mostrándonos que son seres vivos moi especiais, non tan notorios como os animais, pero con estratexias interesantes para poder sobrevivir, contribuíndo ademáis, á supervivencia da nosa propia especie. Ademáis, este é un libro onde se pon de manifesto a realidade do traballo dos científicos, e as dificultades dunha muller científica para facerse camiño.