De esmorga

Tras os pasos dos protagonistas do libro de Eduardo Blanco Amor fomos algúns dos membros do Club de Lectura Fraga de Novio. Punto a punto, recorremos os principais lugares onde transcurre a novela, contando cun guía de excepción que nos trasladou á Auria do Cibrán, o Bocas e o Milhomes. Aproveitando a visita, coñecemos algúns dos lugares con moito encanto que ten a provincia de Ourense: Pazos de Arenteiro, San Pedro de Rocas e Maceda.

Onde nos levarán as lecturas o curso que ven?

Advertisement

Un pouco de filosofía

Última tarde do club de lectura Fraga de Novio. Para rematar con bo sabor de boca, despois de xantar, desprazámonos ata Rianxo para conversar e pasear con Xosé Ricardo Losada, autor do último libro da tempada, A casa xunto ao volcán, libro co cal obtivo o premio Viaducto de Novela no ano 2019.

Que interesante é poder conversar co autor da novela lida pois proporciona puntos de vista imperceptibles despois dunha primeira lectura. O autor, profesor de filosofía, ensinounos a Nietzsche en cada capítulo da súa novela. E xa que estabamos en Rianxo, aproveitamos para facer unha visita á casa-museo de Manuel Antonio, persoaxe da súa novela O rosario e a buguina.

Voltaremos en setembro con ganas de ler e desfrutar en boa compañía.

De ruta con Resistencia

Abril, mes do libro e mes no que tivo lugar a primeira ruta literaria do club de lectura “Fraga de novio”. Partindo da lectura de Resistencia, de Rosa Aneiros, alá fomos tras os pasos de Filipa e Dinís, visitando o pequeno pobo costeiro de San Pedro de Moel e o Pinhal do Rei, imaxinándonos as súas vidas como se fosen reais. Como non, a viaxe tiña como punto central a visita ao antigo cárcere de Peniche, onde agora se ubica o Museu Nacional Resistencia e Liberdade. Lamentablemente, estaba pechado por reformas, polo que nos vemos na obriga de voltar noutra viaxe para ver as testemuñas dos presos políticos que alí estiveron.

Penedo da Saudade, San Pedro de Moel
Museu Nacional Resistencia e Liberdade

Como en Portugal sempre hai cousas que ver, aproveitamos para visitar Nazaré, San Martinho do Porto, Caldas da Rainha, Alcobaça,…e como non, Óbidos, e as súas fantásticas librerías.

Mosteiro de Alcobaça
Livraría do Mercado, Óbidos

A experiencia foi moi boa, compartindo libros e viaxe, así que xa estamos pensando na próxima lectura que nos leve de ruta para o curso que vén.