Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia!

Mulleres científicas? Pois claro! Velaquí que traballiño tan chulo fixeron na materia de Física e Química en 2º de ESO! Cartelas cos seus nomes, para saber delas, para non esquecelas, para animar as nenas a facer ciencia! Margarita Salas, Celia Rivas, Concepción Arenal, Naamme Phipps Clark, Anna Lluch, Mª Pilar Fernández Otero, Hedy Lamarr, Mileva Maric, Lisa Heitner, Pilar Roig, Mª Inmaculada Paz Andrade, Margaret Sanger, Vandana Shiva, Erna Schneider, Ana Mª Prieto López, Marie Curie, Beulah Henry…

Nós dende a biblioteca acompañamos, sacamos fondos e visibilizamos! Falar da Muller na Ciencia é falar tamén dos obxectivos da Axenda 2030:

 

 

As nosas receitas vexetarianas. Proxecto interdisciplinario

No segundo trimestre do curso pasado, no marco do tema interdisciplinario da sostibilidade, comezamos un proxecto que perseguía a facernos pensar sobre a nosa alimentación. Debates, das investigacións e experimentación para a elaboración dun libro de receitas vexetarianas.  Da teoría, á práctica!

A profesora Ana Dapena, dinos na introdución:

“Incrementar o consumo de vexetais e legumes en lugar de carne diminuiría a nosa pegada hídrica porque para producir un quilogramo de carne bovina precísanse máis de 15.000 litros de auga fronte aos 4.000 que fan falla para 1 quilogramo de legumes ou os 131 litros para 1 quilogramo de cenorias.”

Co obxectivo de reflexionar sobre a nosa responsabilidade e os posibles xeitos de contribuír á loita contra o cambio climático, os alumnos de 3oESO A e 3o ESO B do IES de Porto do Son, nun proxecto desenvolvido nas materias de Física e Química e Lingua Galega, elaboraron este compendio de receitas, nas que se procurou empregar:
● alimentos o menos envasados posible, para evitar residuos.
● produtos frescos e de proximidade, para evitar a contaminación xerada polo transporte.
● produtos maioritariamente de orixe vexetal.

O receitario reúne tamén un glosario enmarcado no Tratamento Integrado de Linguas. Nas materias deste ámbito (Lingua Galega, Inglés e Francés), revisaron o léxico traballado e recolleron as equivalencias nas distintas linguas traballadas nese nivel. Achégannos unha selección das principais voces da alimentación saudable e os seus procesos en galego, castelán, inglés e francés.

As complicacións do día a día fóronse impoñendo. A revisión e maquetación final, foise retrasando. Pero… xa están aquí As nosas receitas vexetarianas. E que mellor que este tempo de boas intencións ao comezar o ano, despois dos excesos do Nadal, para presentárvolo!!!! Podedes velo e descargalo premendo na imaxe:

 

A exposición de Sostibilidade segue medrando

Vai medrando a exposición de sostibilidade cos traballos que chegan dos distintos departamentos. Desta volta son os produtos dos traballos de Plástica elaborados con material de refugallo e os poemas que o alumnado de 3º de ESO fixo na materia de Lingua Castelá a partir dos versos iniciais de poemas de Consumir preferentemente, de Raúl Vacas. Seguimos creando conciencia. Tamén sobre a arte! Para ler os POEMAS PARA A SOSTIBILIDADE, premede na imaxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ecofeminismo!

As alumnas de Antropoloxía de 1º de Bac elaboraron un traballo de investigación no que descubriron que o activismo por un mundo máis sostible está ateigado de mulleres que consideran que o movemento ecoloxista non se entende se non é feminista: de aí xorde o ecofeminismo. Atoparon moitas mulleres que loitan pola protección do medio ambiente dende unha perspectiva de xénero e seleccionaron a dez de diferentes zonas do planeta. Dende Centroamérica, África, Europa ou Asia todas claman o mesmo: somos responsables do mundo que lle deixamos aos nosos fillos, ás nosas fillas.

Premede na imaxe para ver a presentación que fixeron a partir das súas investigacións. Coñecer para mudar, para transformar e exercer os nosos dereitos!

 

 

“Amar non é un delito”, Amnistía Internacional

Estes días temos no centro a exposición de Amnistía Internacional “Amar non é un delito”. Trata sobre a dificultade existente en África para expresar la diversidade sexual. Fainos entender que alí a homofobia  se combate día a día por activistas e cidadáns anónimos que loitan polos dereitos de lesbianas, gays, bisexuais, travestís e intersexuais.

Sabemos que en Europa non é fácil e que queda moito por facer. Concienciar sobre o que acontece no continente africano, conciencia tamén sobre o entorno máis próximo.

A Xornada pola Sostibilidade en SonCine

SonCine vén de recoller en vídeo a Xornada pola Sostibilidade do 21 de decembro. Nel recóllese esta xornada de convivencia na que fomos sementando un futuro un pouco melllor. Pequenas/grandes accións! A biblioteca colaborou na organización e na selección de curtametraxes e documentais.

21 de decembro, Xornada pola Sostibilidade! from SonCine on Vimeo.

Unha semana sen carne!

E seguimos ás voltas coa sostibilidade! Na clase de Antropoloxía de 1º de Bacharelato estivemos falando sobre o maltrato animal nas industrias cárnicas e chegamos á conclusión de que unha redución no consumo de carne sería un pequeno paso para conseguir un mundo máis sostible. E así foi como nos marcamos o desafío de pasar unha semana sen comer carne; ata conseguiron que a profe tamén se animara! Non resultou difícil superar o reto agás nun día, comenta Andrea, no que tivo que pasar cunha ensalada mentres todos se poñían cegos de churrasco. Aí vai unha mostra dos suculentos menús que nos marcamos.

 

A Sostibilidade: fondos da biblio, accións…

Os fondos de Sostibilidade da biblioteca saen ao corredor, acompañados das palabras e as reflexións que os rapaces e rapazas de 1º ESO C recolleron nun mural e na adapatación do poema “La muralla” en Lingua Castelá en 1º de ESO A , B e D. Animádevos a ler. É preciso coñecer para acturar!

Creación dun novo espazo protexido

Hoxe, no obradoiro do programa Con-Ciencia,  os rapaces e rapazas de 2º de ESO, divididos en grupos que representaban o concello, o sector turístico, asociacións de veciños e comunidade científica, tiveron que posicionarse e defender desde o seu rol, a creación, ou non, dun novo espazo protexido nunha zona de costa do seu concello.

Finalmente, aínda que o sector turístico e algúns veciños foron difíciles de convencer, puxéronse de acordo en que a creación do novo espazo protexido no pobo era a posición de maior interese para todos agora e no futuro.