Frazer de novo no IES

Esta mañá vimos de contar outra vez coa maestría de Ricardo Frazer, unha das actividades complementarias habituais que organiza o Departamento de Lingua castelá e Literatura coa colaboración da Biblioteca. As limitacións do protocolo non impediron volver a disfrutar do ben facer deste profesional. Desta volta, adaptándose á nova situación, o actor deunos consellos de interpretación a través da pantalla cunha charla por meet. Aínda que a cámara estaba polo medio, puidemos sentir a súa cercanía. Explicounos como modular a voz, como manexar o timbre, como enfrentarnos a un texto, como manexar os silencios e a improvisación, pero sobre todo amosounos o poder da palabra.

Puidemos escoitar a León Felipe, a Pablo Neruda e a Antonio Machado. No seu poema “Retrato” Ricardo Frazer ponlle a voz a este poeta do 98, onde se ispe para falarnos de si mesmo, da súa poesía, da súa visón da vida e todo a través da palabra, da palabra poética.

Unha mañá ben artística!

É certo que foi unha mañá repleta de arte: primeiro artes escénicas e despois a arte da ilustración. Este luns o alumnado de Filosofía de 4º de ESO e os membros do grupo de teatro asistimos a un espectáculo teatral en Compostela titulado Cranios privilexiados a cargo da compañía Mofa e Befa. A peza é unha parodia da filosofía en clave de comedia: servíndose de filósofos que existiron e outros que se inventan, van facendo un percorrido histórico de temas tratados na filosofía ata hoxe. A través da súa habilidade para transformarse en múltiples personaxes, estes dous actores conseguiron algo bastante inaudito: divertir ao auditorio falando de filosofía.

Unha vez rematada a función, visitamos a Mostra de ilustración contemporánea na sala de exposicións de Abanca. Trátase dunha exposición colectiva que reúne a dezaseis ilustradores de talla internacional e entre os que se encontran algunhas artistas galegas. Debemos destacar que trece dos artistas son mulleres, o que pon de manifesto a importante presenza feminina neste campo da arte. A falta de tempo fixo que non puidéramos deleitarnos todo o que quixeramos pero así e todo fomos quen de descubrir imaxes, unhas veces evocadoras e outras ambiguas ou inquietantes. Foi un verdadeiro pracer rematar a mañá mergullados nesta atmosfera de cor. Grazas, Sonia pola proposta.

SondoSon, o grupo de teatro do instituto, nos Encontros Caixa Escena

O grupo de teatro SondoSon foi seleccionado un ano máis para participar nos Encontros Caixa Escena. Dende o venres 8 ata o domingo ao mediodía, os mozos e mozas que este curso participan na actividade extraescolar dirixida por Ánxela Doval, compañeira do equipo de biblioteca, puideron completar a súa formación. Na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) de Vigo, asistiron a obradoiros de palabra e verso, movemento e espazo, música e canto, escenografía… Unha intensa aprendizaxe coa que Xavi Erra e os actores de Egon Teatre (Ana, Marta e Miguel) axudaron ao profesorado e ao alumnado a mellorar as pezas que están preparando. Pero non só aprenderon, aprendemos, deles, tamén da convivencia con rapaces e rapazas de grupos de teatro de Panxón, Coruña, Lugo, Asturias e Madrid. Os nervios mesturáronse cos xogos e as risas, cos bailes e as cancións!

E de marco de fondo….

Ábrese o pano! Comeza a escena do teatro escolar! Unha experiencia privilexiada que, de seguro, non esquecerán!

Agardamos pola representación de SondoSon!

“Language Planning” cos Quinquilláns

A Editorial Galaxia e acompañía de teatro Os Quinquilláns fixeron posible que o noso alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato asistisen ao espectáculo Language Planning que se representou na Aula de Cultura de Porto do Son.
Baseándose en moitos dos relatos de Made in Galiza de Sechu Sende e fragmentos das obras de Núñez Singala que tratan a temática socilingüística, os actores, coa súa retranca, axudáronnos a reflexionar sobre a situación da nosa lingua. O fío do que tiraron foi existencia dun plan, que existe desde hai moitos séculos, para que deixemos de usala e desapareza. Que podemos facer nós para que non teña éxito? Tomar conciencia do problema e reaccionar. Como? Falándoa SEMPRE!

A saída compleméntase coa lectua da obra de Sechu Sende, que ofrece a editorial ao mercar a entrada.

Un bo plan teatral e lingüístico!

 

 

Omis, “Un día con los clásicos”

Onte chovía arreo cando fomos á Casa de Cultura, pero logo pasámolo moi ben. O alumnado de 1º e 2º de ESO divertiuse coa actividade organizada polo departamento de Lingua Castelá e as nosas compañeiras do equipo, unha singular proposta escénica dos clásicos a cargo da compañía Omis.

Entre gargalladas, aprendemos códigos da linguaxe escénica (como nos movemos, a expresividade da nosa voz e do noso corpo, a versitilidade que aporta o vestiario…). Don Juan Tenorio, dona Inés namorados;  a poesía de Quevedo co soneto “A un hombre de gran nariz”;  Segismundo cuestionándose sobre se a vida é ou non un soño;  Sancho Panza e o Quixote loitando contra os muíños cabalgan mesmo representados polos nosos alumnos. Sen dúbida, unha mañá ben divertida e ben aproveitada!

Os clubs en xaneiro: “Todo o tempo do mundo” e “Unha primavera para Aldara”

Os máis novos leron para xaneiro Todo o tempo do mundo. Co autor, que temos aquí ben pretiño, falaron da obra que cambiaron impresións sobre temas como as relacións cos maiores, o abandono do campo, a emigración, pero tamén sobre o reencontro con este mundo que, dende a sostibilidade, é posible e, de seguro, necesario.

Pola súa banda, os maiores achegáronse ao teatro con Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure.  Vimos e escoitamos a autora, Teresa Moure, e a Xulio Lago e María Barcala, de Teatro do Atlántico, nos vídeos que se gravaron dende SonCine cando estiveron na nosa biblioteca para falar da obra e da posta en escena.  Se ben manifestaron que lían pouco teatro, a conversa sobre a obra fíxonos ver ata que punto é necesario o teatro. Un teatro comprometido, que procura a transformación das sociedades. Isto é o que acontece nesta obra ambientada na etapa da revolta irmandiña, no século XV. Temas como a loita polos dereitos, a identidade dos pobos, o papel da muller na sociedade e na historia, a violencia de xénero, a sexualidade, o amor, o coñecemento, a liberdade… fan desta obra que gañara o Premio Rafael Diente e o premio María Casares sigan a estar de plena actualidade.

As seguintes obras traen tempos de procuras, de rebeldías… e tamén aires de Portugal con Iria Misia e Rosa Aneiros:

Rematando o 2018 co club de lectura

Este luns tivemos unha sesión de club de lectura especial, con mesa posta de Nadal! Tarta, bombóns… E SOSTIBILIDADE cos cómics de Leo. Fuxir da terra porque a vida nela xa non é sostible? Leo, na súa serie Aldebarán, Betelgeuse, Antares e Supervivientes, levounos por todos os temas que hoxe nos preocupan: o cambio climático, os efectos do dióxido de carbono na atmosfera da terra, a alimentación, as desigualdades sociais, a violencia de xénero, as ditaduras, os fanatismos relixiosos, o extremismo político, a falta de liberdades… De todo isto falamos. E dun mundo de color que bebe da selva amazónica. E da esperanza. E do que podemos facer polo presente e o futuro da humanidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

Para a volta de Nadal, teatro: imos aos tempos dos Irmandiños con…

Remata o obradoiro “Ferramentas para contar”

Este luns tivemos a última sesión do obradoiro “Ferramentas para contar”, con Akira Valero. Foron tres sesións dunha hora e media de duración nas que alumnado do club de lectura e do grupo de teatro (algúns e algunhas asisten ás dúas actividades) xogou, berrrou, riu, pensou, actuou, modulou a voz, atopou no seu corpo unha canle de expresión coa que acompañar os sentidos e a palabra. Desta colaboración coa Área de Xuventude do Concello que vén enriquecendo as nosas actividades, sairán contadas aos nenos e nenas da Ludoteca, e, posiblemente, encontros con avós e avoas do Centro de Día aos que preguntaremos e escoitaremos. Nunha cadea de voz, de xeración en xeración,  retomaremos as súas historias para facelas memoria viva.

dav

 

 

“Tempestades”, de Ricardo Frazer na Casa de Cultura

Esta mañá alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato asistiu, na Casa de Cultura á representación da posta en escena de TempestadesRicardo Frazer, camaleónico, mestre na adaptación ás voces e e ao sentir dos personaxes, levounos unha vez máis polos clásicos, neste caso, en aires de tempestade, da tempestade da vida. Dunha vida que se revela soño incomprensible con Calderón de la Barca, traición con Calígula, dor co León Felipe, instaurada na dúbida con Shakespeare e na irracionalidade da guerra civil española con Neruda…

Recollemos aquí dous dos poemas dramatizados que máis nos impactaron.

“Qué lastima” de León Felipe, aquí na voz do propio autor:

“Explico algunas cosas” de Pablo Neruda, na voz do autor:

“Ferramentas para contar”, obradoiro de técnicas de expresión

Onte, luns, ao mediodía, alumnos e alumnas do club de lectura dos maiores e do grupo de teatro comezaron o obradoiro de técnicas de expresión oral  Ferramentas para contar con Akira Casal. Trátase dunha colaboración coa Área de Xuventude do Concello. Haberá dúas sesións máis que nos axudarán a mellorar as Contadas, nas gravacións de radio, nas aulas… Un taller ben interesante e divertido!