Aprender a mirar

Aprender a mirar, a contar, a ser crítico, a crear conciencia… SonCine.

Docencia de David nas Xornadas EscolaTIC 2014 que tiveron lugar o 21 e 22 de marzo de 2014 no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela:

Redeiras

Un novo documental das alumnas e alumnos da materia de Audiovisual do noso centro:

Redeiras from SonCine on Vimeo.

Recollo o texto que o acompaña en SonCine:

“Para as rapazas de 3º ESO que foron alí, o ano pasado e este, son as mulleres da Asociación Virxe do Carme premiadas o 2012 polo Ministerio de Agricultura, pero máis son as súas tías, as súas nais, as súas veciñas, traballadoras do mar, as que terman da vida día a día, a verdadeira escola desta terra.
Unha das visitas cadrou cun día de inverno, de tronadas, con moi pouquiña luz. Grazas a todas elas. Este vídeo vai adicado a Rosalía, alegría do noso grupo de 3º ESO, que formou parte do equipo e abre e despide este clip.

Algúns vídeos máis que podedes ver na rede sobre as redeiras do Porto do Son. goo.gl/ulQoy goo.gl/5TmoJ goo.gl/xgIyk

Texto oficial da concesión do premio: goo.gl/LIQ1L goo.gl/OHDgA “

documental sobre o traballo das redeiras da Asociación Virxe do Carme de Porto do Son

Escoitar, ver, ulir… Trampa de Luz

Foi unha mañá agradable, despois do esforzo dos exames… Agustín Agra entrou na biblioteca con Trampa de luz. Canda el viña o tanxedor de campás, que foi deixando olores envoltos nun «sibi-sibi-sibi-siiii». Logo, da man do autor, cercano e presto a escoitar e compartir, paseamos pola obra. Irene e Cristian gravárono. Alejandra e Carlos ficaron con el un ratiño para entrevistalo. Como sempre, agradecemos a David a montaxe. Eilos:

Trampa de luz / O tanxedor de campás from SonCine on Vimeo.

Entrevista a Agustín Agra. from SonCine on Vimeo.

As imaxes da Festa da Lectura

Deu o seu traballiño, pero é para nós un pracer ir tecendo redes de colaboración e afectos arredor da lectura. Non hai maior satisfacción para todos que andamos empeñados nisto de “mellorar” as bibliotecas escolares que ver o sorriso dos pequeniños dos coles ao escoitar un conto! E ao contalo, cantalo ou bailalo! Imos facendo camiño…

Este é un resumo en imaxes da primeira Festa da Lectura dos coles de Porto do Son, agradecemos ao noso compañeiro  David o tempo adicado para que agora o poidamos ver:

 

“A seca. Praia de Cabeiro”

Da man de SonCine chéganos unha “lección” sobre o noso entorno, a praia de Cabeiro. David fálanos da débeda que tiñamos con este areal que acompaña diariamente as nosas aulas: “a praia do noso IES, a praia de noso”. Somos uns privilexiados, é fácil perder o fío e deixar ir a cabeciña mentres traballamos: os piñeiros semellan unha estampa de Castelao, o mar forma parte de nós, ao fondo, Monte Louro… ” Foi unha débeda boa de pagar grazas a Antón, a Xulio e a Lucía do departamento de Ciencias da Natureza e ao alumnado de 3º de SonCine e aos de 5º A que fixeron as fotos para un seu traballo. Escoitando a Antón dan ganas de ser outra vez un rapaz para ir á escola. Algúns mandaríns din que non traballamos; non ho!. A nosa ilusión sería que fose útil noutras escolas. “O MEU SON” é un proxecto de SonCine, dos alumnos de audiovisuais de 3º de ESO do IES de Porto do Son”.

Non cabe dúbida, que ao volver á praia, estaremos escoitando as palabras de Antón, estaremos a ver como co xiz e co seu corpo debuxa o que está a contar. E entón todos nós volveremos ser alumnos.

A seca. Praia de Cabeiro. from SonCine on Vimeo.

"A seca. Praia de Cabeiro"

Da man de SonCine chéganos unha “lección” sobre o noso entorno, a praia de Cabeiro. David fálanos da débeda que tiñamos con este areal que acompaña diariamente as nosas aulas: “a praia do noso IES, a praia de noso”. Somos uns privilexiados, é fácil perder o fío e deixar ir a cabeciña mentres traballamos: os piñeiros semellan unha estampa de Castelao, o mar forma parte de nós, ao fondo, Monte Louro… ” Foi unha débeda boa de pagar grazas a Antón, a Xulio e a Lucía do departamento de Ciencias da Natureza e ao alumnado de 3º de SonCine e aos de 5º A que fixeron as fotos para un seu traballo. Escoitando a Antón dan ganas de ser outra vez un rapaz para ir á escola. Algúns mandaríns din que non traballamos; non ho!. A nosa ilusión sería que fose útil noutras escolas. “O MEU SON” é un proxecto de SonCine, dos alumnos de audiovisuais de 3º de ESO do IES de Porto do Son”.

Non cabe dúbida, que ao volver á praia, estaremos escoitando as palabras de Antón, estaremos a ver como co xiz e co seu corpo debuxa o que está a contar. E entón todos nós volveremos ser alumnos.

A seca. Praia de Cabeiro. from SonCine on Vimeo.

A insoportable levedade das bibliotecas escolares

“Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?”

Con esta publicación no noso blog, o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, fai eco do malestar que os centros que formamos parte do PLAMBE estamos a sentir ante as novas medidas previstas pola Consellería, medidas que ningunean o noso esforzo xa de por si insuficientemente recoñecido dende as autoridades educativas.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

 

O equipo de SonCine ante as cámaras do Ben falado!

Ben falado!, o microespazo da sobremesa da TVG que todos os días nos achega á lingua galega durante catro minutiños, estivo hoxe no noso instituto para coñecer máis polo miúdo o Proxecto SonCine. O programa que dirixe e presenta o académico Xesús Ferro Ruibal, e que promove e financia a Secretaría Xeral de Política Lingüística, aproxímanos dun xeito moi didáctico á historia da lingua, á toponimia, ao léxico, á onomástica, ao rico patrimonio oral, á dialectoloxía, etc. do galego, pero tamén á tecnoloxía, aos xogos, á música, á creación artística, ás iniciativas sociais que pulan polo idioma ou aos proxectos que se desenvolven nos centros do ensino dos catro recantos do país. É aí onde encaixa SonCine, e a canle de TV Vinte Dez, unha verdadeira escola que desde o 2006 introduce o audiovisual no instituto poñendo en valor a capacidade creativa do alumnado e o compromiso dun grupo de docentes entusiasmados coa idea de aproveitar as oportunidades que están ao seu alcance grazas as novas tecnoloxías.

Alá cando emitan o Ben falado! do SonCine na Galega, dentro de máis ou menos un mes, avisaremos con tempo, non hai perda!