Ou por que a poesía ten menos lectores que a novela…

Resposta, atinada, provocadora, reflexiva… e moi ben escrita de Clara Tomé Mariño, de 2º de bacharelato:

Son consumidores serios de poesía os adictos a unha breve e perecedoira felicidade, inconformistas que con poucas liñas se conforman, unha especie en extinción á que ninguén protexe. Hoxe por hoxe a sociedade compóñena chimpancés sobreestimulados polas pantallas. Os emojis de corazóns e os “tk” substituíron ao Amor Cortés das cantigas medievais e levaron a que finalmente “se nubrase o sol eternamente”, a que “o mar se secase un instante” e que a “lapa do amor” de Bécquer se apagase de xeito indefinido. Cada vez menos xente fala de sentimentos e xa nin pola cabeza se nos pasa ler sobre eles en verso: son complexos e non entran nos nosos ilustrados cocos. A hermética e enigmática poesía tórnase difícil de descodificar se non se nos presenta en ceros e uns. Ás veces tamén resulta máis cómodo, aínda que sexa facer trampa, deixarlle a lectura da poesía ao nervio auditivo e non ao óptico: “The answer, my friend, is blowing in the wind” (Bob Dylan) ou “La vida es tan corta y el oficio de vivir tan difícil, que cuando uno empieza a aprenderlo, ya hay que morirse.” (Joaquín Sabina). E se lemos para evadirnos da realidade preferimos facelo durante o maior tempo posible; mellor que a fuga dure unha novela a que dure unha copla antes de ter que volver de novo ao cárcere. 

Lambda, matemáticas no Mes da Ciencia en Galego

Hoxe traemos unha moi boa nova!!! Macías,  compañeiro do departamento de Matemáticas e colaborador do equipo de vén de publicar o primeiro número de Lambda, “revista sobre matemáticas creativas e curiosidades”. Que mellor forma de celebrar o Mes da Ciencia en Galego! Unímonos así á conmemoración do 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento. Dende Igaciencia propoñen este ano lembrar as viaxes científicas de Darwin e as que fixo Domingo Fontán para crear a súa Carta Xeométrica, primeiro mapa moderno de Galicia. Podedes descargala tamén polo código QR.

Dende a biblio, acompañamos cun punto de interese científico e animaremos ao alumnado a escribir relatos matemáticos inspirados en Lambda.

Lambda 1 by Revista Lambda on Scribd

https://www.scribd.com/embeds/364609102/content?start_page=1&view_mode=scroll&access_key=key-UuaVTBhErpwEqGWGSAAZ&show_recommendations=true

dav
dav

dav
dav

 

BO VERÁN, BOAS LECTURAS

O ano que vén, máis, agora toca descansar, praia… e lectura repousada… Lembrade as recomendacións da nosa guía de lectura. Tamén vos achegamos as recomendacións de Correspondentes Xuvenís, do que forman parte algunhas das nosas alumnas que, ao longo do curso nos foron achegando información. Entrade para velas nesta enlace: http://xuventude.xunta.es/uploads/libros.pdf

 

Correspodentes

 

Festival de teatro grecolatino en Ourense

Un ano máis non puidemos resistirnos a deixar de acudir ás obras clásicas que se representan no Festival de teatro grecolatino organizado pola Asociación de Estudos Clásicos na cidade de Ourense. Nesta ocasión foi a comedia de Plauto Pseudolus que se representou no auditorio ourensán o xoves día 16. Esta obra conta os enredos que o escravo Pseudolus protagoniza para conseguir que a moza que ama o seu amo acabe de novo nos seus brazos. Ela  é escrava no prostíbulo de Balaiona, unha proxeneta sen escrúpulos de ningún tipo,  que a vendeu a un militar por 20 moedas das que aínda debe cinco. Pseudolus aproveita este feito para conseguir enganar a Balaiona e sacar do prostíbulo a Fenicio, a amante do seu amo. Foi representada polo grupo teatral  Noitebohemia, que xa coñeciamos por outra representación deste mesmo autor e que nos gustara especialmente pola adaptación actual dos textos e a posta en escena, neste caso coa axuda da música do lexendario grupo de rock Queen.

P1030152

teatro

Pola mañá a cidade de Ourense acolleunos cun sol que comezou a quentar timidamente e que logo nos acompañou ao longo de toda a xornada. As mozas e mozos de 1º de bacharelato puideron disfrutar dun paseo pola beira do río Miño ata as pozas termais da Chavasqueira onde houbo quen se animou a disfrutar dun baño ben quentiño.

P1030143fernan e cristian

 

ponte romana

Mentres tanto os compañeiros e compañeiras de 4º de ESO realizaron uns xogos de pistas que lles permitiron coñecer un pouco da cidade: arte, prensa, literatura…

IMG-20170320-WA0004

 

trillizas

Agardamos que teña sido unha boa experiencia!!

 

 

Zombillenium

Neste 2016 está prevista a estrea de Zombillenium, un filme de animación baseado nos tres cómics homónimos que ata de agora leva publicados en castelán o selo editorial Dib>buks. O título xeral, que conta coa súa propia páxina web, http://www.zombillenium.com/ e un perfil de Facebook, divídese en tres volumes. Os tres, Gretchen, Recursos Humanos e Control Freaks pódense atopar na biblioteca do IES de Porto do Son. O universo Zombillenium é obra do francés Arthur de Pins, un experto en utilizar o ordenador para levar a cabo as súas ilustracións no chamado debuxo vectorial.zombillenium-1

¿Qué é Zombillenium? Unha historia ambientada nun parque de atraccións moi especial, situado na cidade de Valenciennes. Un parque do terror xestionado por un empresario vampiro, Frances von Bloodt, e un amplo elenco de traballadores mortos: zombies, esqueletos, pantasmas, momias, demos, e só unha humana, Gretchen, unha bruxa becaria dotada de poderes asombrosos que episodio a episodio vai desvelándonos a súa historia.
Coa estructura dunha comedia moi ácida e cun humor moi negro, Arthur de Pins propón a través dos cómics de Zombillenium unha aguda crítica da nosa sociedade actual. Como el mesmo ten declarado: “ É unha crítica á sociedade de consumo, porque os visitantes do parque están considerados coma carne, que é o que pasa actualmente; os consumidores somos coma carne para vendedores e políticos”. E hai moito máis neste cómic: os traballadores están escravizados eternamente, o parque está en crise económica permanente, o pobo veciño protesta porque non ven contratar a xente (viva), e no volume 3, os accionistas do parque aceptan encantados a chegada dun novo director, un vampiro de Louisiana que introduce agresivos métodos para obter beneficios a toda costa… a costa do público e dos empregados.zombillenium-2

E contra iso, só Gretchen e o seu mozo Aurélien, un atractivo demo xigante de cor vermella, poderán presentar oposición. Triunfarán? Saberemos máis na aparición do volume 4. Unha lectura entretida, absorbente e moi reflexiva, que fará as delicias dos lectores novos e non tan novos.Mentres chega o filme, podemos facer boca visionando o vídeo clip do tema Nameless World do grupo SkipTheUse. Está dirixido polo propio Arthur de Pins e protagonizado polos personaxes de Zombillenium.

 

Creando microrrelatos e poemas de ciencia ficción

Hai que porfía en separar a Ciencia e a Literatura.

Nós porfiamos en levalas da man!!! Escribir, ler… Ler, escribir… Todo o que existe, mesmo o que non existe é obxecto de escrita.

Por que non microrrelatos e poemas de ciencia e ficción?

Lede. Escribide.

ciencia ficción

Convidámosvos a ler e a escoitar a Estíbaliz Espinosa. Nela a literatura, a música, a ciencia… van da man. Dela tomamos estas palabras de  Stephen Jay Gould:

«Non imaxino un mellor caso de proba para extraer os universais da creatividade humana que o estudo das profundas similitudes no proceder intelectual entre artes e ciencias.»

 Acabo de aterrar: o final dun principio de Historia Natural

As reflexións de Carl Sagan en Punto azul pálido transfórmanse en poesía na voz de Estíbaliz, uníndose á súa interpretación de  Space Oddyty de David Bowie. Paga a pena escoitala mentres a ledes.

«Dende esta perspectiva afastada, pode parecer que a Terra non ten nada de particular. Mais para nós, é outra cousa. Observa de novo ese punto.

Iso é aquí. Iso é noso lar. Iso é nós. Todos os que queres, todos cantos coñeces, todos aqueles dos que algunha vez sentiches falar, cada ser humano que algunha vez foi, viviu nel a súa vida. A suma da nosa felicidade e sufrimento, miles de relixións fervorosas, ideoloxías e doutrinas económicas, cada cazadora e cada colleitador, cada heroe e covarde, cada creadora e destrutora da civilización, cada rei e plebeo, cada parella de novos namorados, cada nai e pai, neno esperanzado, inventora e explorador, cada mestre de moral, cada político corrupto, cada “superstar”, cada líder supremo, cada santa ou pecadora da historia da nosa especie viviu aquí…

…nun argueiro de po suspendido dunha raiola.»

Punto azul pálido, Carl Sagan

Tradución de Estíbaliz Espinosa

Dela é tamén este microrrelato:

23 cromosomas de cercanías 

Durante os dous anos de tratamento, o tren foi o nervio central que te conectaba ao laboratorio onde hibernaban os embrións. Un rexional pola mañá, varias veces ao mes, rumbo ao ecógrafo onde se observaban -ou non – os ovocitos, drogados no seu reino de hormonas, e decidíase a pauta a seguir.

Soa por completo. Maternidade sen pai coñecido. A humanidade sobreviviu así tantísimos séculos que semella case un costume neandertal.

Aquelas viaxes portaban para ti hipotéticos doantes de esperma: o estudante colorado cos seus apuntes fluorescentes sobre radioactividade, o entrado en canas só na barba, o que tiña cara de dicir «ceo» e «cari», o que fiaba unha ollada contigo ao despiste…

Ante a dobre raia rosa no test foi nel en quen pensaches.

Agora que ela vai nacer, andas a tecer unha historia: «O teu pai e mais eu nunca chegamos a falar, filla, pero moitas mañás cruzámonos a ollada nun tren. Case namorados, coma quen di».

Estíbaliz Espinosa, xullo 2015

Na rede atopamos máis poesía…

A comporta da cámara de hibernación péchase
O meu soño énchese
da túa lembranza.

James Palmer

No bordo do buraco negro
a indecisión
precipítame dentro.

Todd Hoff

E microrrelatos de ciencia ficción coma este:

«Deus existe: creámolo entre todos», sentenciou en 2084 un Premio Nobel. Hai dúbidas sobre a autoría da frase. Uns adxudícanlla ao Premio Nobel de Física, outros ao de Literatura. O certo é que en 2010, a Ciencia estivo en condicións de comprobar esta hipótese, e millóns de cerebros de todo o mundo, de todas as relixións, conectáronse mediante electrodos a pequenos computadores que enlazaban cun gran computador central. A resultante de todos os impulsos eléctricos traduciríase a imaxes nos millóns de pantallas repartidas polo planeta. O día sinalado, á hora H, os representantes da Humanidade pensaron no seu Deus. Ao instante, nas pantallas xurdiu unha tormenta de imaxes: anciáns venerables de longas barbas, animais imposibles, homes prodixiosos, lóstregos e chispas, esferas luminosas, luces informes, … Durante uns minutos evolucionou toda a imaxinería que a mente humana é capaz de producir, até que apareceu unha liña quebrada, de cristas alporizadas e latexantes. E logo unha monótona liña recta: a liña que certifica a morte.”

E. Serrano Barroso

 

Literatura, cine, cómic e videoxogos

Onte, os alumnos de 4º de ESO e da materia de plástica de bacharelato asistiron á charla “Intermedialidade: relacións entre literatura, cine, cómic e videoxogos”, organizada polo Departamento de Orientación en colaboración cos departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá e Plástica. Esta foi impartida por Antonio J. Gil González dentro do programa ofrecido pola Universidade de Santiago de Compostela, que ten como obxectivo achegar os estudos e investigacións desta ás aulas.


Recollemos a reseña que da actividade nos achega o noso compañeiro e colaborador co equipo de biblioteca, Alfonso Pérez:

Cunha pequena enquisa sobre o tipo de produto que se consome neste tramo de idade -referíndonos aos grupos que asistieron á mesma-, o ponente  introduciu a relación entre as narrativas actuais dominantes e os videoxogos.

Fronte ao clásico posicionamento entre a novela e o cómic,  novelas gráficas como as Colecións de Bruguera en que se recollían títulos como A illa do Tesouro  ou  Mulleriñas, onde o texto e a imaxe gráfica eran o único elemento narrativo, existen hoxe  modificacións sobre estes criterios que redundan nunha multiadaptación entre xéneros:

  • Novela- Cómic-Videoxogos.
  • Relatos multiplataforma e trasvase.
  • Novelización como destino.
  • Ludonarrativización.

Ao mesmo tempo,  aparecen novas terminoloxías para definir o que se dá en chamar Franquicia multiplataforma ou ludonarrativización, onde os trasvases expansivos entre xéneros protagonizan o actual panorama creativo, que une e integra as diversas narrativas actuais.

Deste xeito termos como cómic-novela, ludo-novela, pelicurización, novela-filme, teleserialización, historiatización, tele-cómic, ludo-cómic ou ludonarrativización (novela-xogo, cine-xogo, tele-xogo) dan unha idea de por oonde se moven os novos aires para contar historias.

Un exemplo onde podemos atopar esta evolución é o xénero do cómic:

  • Primeira época, aparecen como ilustracións onde texto e imaxe conviven atraendo a atención do lector, como A illa do tesouro citado enriba.
  • Segunda época, o cómic adquire o formato de viñetas onde o texto se reduce a favor da imaxe. Chegamos á época dourada do cómic: Marvel, TBO, Manga, Tintín, etc.
  • Terceira época, o cómic aparece só con imaxes nun execicio de mestría narrativa, con indicios do que está por vir engadindo un CD con música pra escoitar ao mesmo tempo. O cómic de autor.
  • Cuarta época, novela  e cómic,  como o editado hai catro ou cinco anos Pizzería camicaze onde se lanzan ó mesmo tempo os dous formatos.
  • Unha quinta época na que autores como Agustín Fernández Mayo integra os medios multimedia na súa  triloxía “nocilla.

Actualmente o Cómic pasa por un tempo de incertidume como obra dominante dentro da narrativa onde queda para minorías editado en álbums, non sen antes acadar o recoñecemento como obra artística gráfica e de autor, recoñecidos por diversos premios internacionais que os avalan. Tal e como ten acontecido co cine e outros xéneros.

Hoxe en día, as narrativas aínda se atopan nun estao embrionario á espera dos videoxogos de autor, onde xa se unen cómic, animación, cine, música. Non tardarán en aparecer. Chico y Rita é un exemplo -que poderedes atopar na biblioteca do centro-.”

Trailer Chico y Rita from estudiomariscal on Vimeo.

Guía de Nadal 2012 e II Festa da Lectura

Onte, 17 de decembro, presentamos a Guía de Nadal 2012 na Casa da Cultura de Porto do Son, unha proposta de lecturas coordinada polo equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, resultado do traballo conxunto -moito máis alá das horas lectivas- coa Biblioteca Municipal, as EEI de Caamaño e Carballosa, os CEIP de Campanario, Portosín, Queiruga, Seráns e Sobrado-Nebra. De novo, contamos coa inestimable axuda do profe de plástica do insti, Alfonso Pérez, na maquetación. O respaldo do Concello, da Deputación e, nesta ocasión, de Nova Galicia Banco, fixo posible a impresión. Farase chegar ás familias e repartirase tamén, entre outros lugares,  nas librarías, bibliotecas, casas de cultura das parroquias, centros de saúde ou centros de día.

Eila:

 http://static.issuu.com/webembed/viewers/style1/v2/IssuuReader.swf

E  foi UNHA FESTA! Os alumnos do IES, Rebeca, Antía, Irene e Cristian, presentaron e gravaron o espectáculo. Enchían a sala un 200 alumnos do primeiro e segundo ciclo de primaria. Foi un pracer ver as súas caras de alegría, e a dos profes, ao escoitar as historias que Raquel Queizás sacaba da súa maleta. Logo, os rapaces e rapazas foron subindo ao escenario. Con eles vivimos unha aventura nunha biblioteca no fondo do mar, sosegámonos con Coldplay e asistimos a representacións musicadas poboadas de galos, galiñas, gatos… e unha vella que tiña un can. Co fermoso vilancico  Nadal de Luintra, de Berrogüeto, que serviu de peche á xornada, acompañamos as fotos. Detrás, moito esforzo. Como resultado, un fermoso día compartido.

Bo Nadal e boas lecturas!!!

 

http://photopeach.com/public/swf/spiral.swf

A insoportable levedade das bibliotecas escolares

“Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?”

Con esta publicación no noso blog, o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, fai eco do malestar que os centros que formamos parte do PLAMBE estamos a sentir ante as novas medidas previstas pola Consellería, medidas que ningunean o noso esforzo xa de por si insuficientemente recoñecido dende as autoridades educativas.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)