O venres, 25 de xaneiro, saudábannos a friaxe e a chuvia pola mañanciña ao comezar a xornada. Sabiamos que nos habían acompañar na nosa viaxe a Ourense. Que mellor escenografía para profundar na ambientación de A esmorga!
A obra de Blanco Amor tívonos ocupados neste último mes aos membros do club de lectura, así que saímos camiño a Auria. A primeira cita tiñámola no Liceo, mais cando iamos pola Rúa da Paz, unha vitrina pintada de azul chamou a nosa atención. Tiñamos ante nós un deses “espazos de desexo”, as librarías. No local da que fora a antiga
Livraría Torga, Vento do Sul reúne o comercio xusto, os xogos tradicionais e os libros, e, con exquisito gusto, ofrece un acolledor salonciño de lectura que convida a tomar un bo café coa calma precisa para disfrutar da lectura. Volveremos, sen dúbida. Agradécense lugares de compromiso e repouso coma estes.
No Liceo, esperábanos Fernando Dacosta, ou Cibrán, o Cibrán de A Esmorga de Sarabela Teatro. Na última sesión do club, víramos na biblioteca a primeira
representación que a compañía ourensá fixera da obra, nunha gravación cedida polo actor, que no seu momento fora emitida naquel acertado proxecto da TVG de achegar o teatro a través da pequena pantalla -iniciativa coa que desgraciadamente xa non contamos-. Embebidos na atmosfera da obra, disfrutamos charlando desa súa conversa xenerosa, amable e reveladora. Crítica ao tempo que esperanzada. Foinos levando polo que fora un traballo coral, coas aportacións de personaxes destacados da cultura galega como o cartel de Isaac Díaz Pardo, a música de Manuel Dios ou o asesoramento nos decorados de Arturo Baltar, polo proceso de construción dos personaxes, a dramaturxia, a escenografía, a interpretación, as diferenzas entre a primeria e a segunda posta en escena da obra, o labor de Sarabela no panorama do teatro galego… Un deses
praceres que disfrutamos nos clubs de lectura, nesta ocasión nese salón de época do Liceo ourensán, que nos permitía mesmo viaxar no tempo.
Tras a visita á sala de exposicións da Deputación de Ourense, un fermoso escenario que víramos neste blog no vídeo Instalación, onde nos cuestionamos o que era ou non era arte e nos subimos á historia do tren, fomos comer.
Pola tarde camiñamos e camiñamos. Dúas horas e media de rúas e ruelas, fontes, prazas, burgas… Carlos Rafael guiounos polo roteiro das 24 horas de esmorga do Cibrán, o Bocas e o Milhomes e foinos descubrindo ao tempo a historia da cidade, unha historia de crimes, loucuras, revoltas, bispos asoballadores, putas devotas da Virxe do Carme, mercados do sal e do ferro, crimes na República… Soubemos un pouco máis de Blanco Amor, da súa infancia, da nai florista e o seu peculiar amante, das tertulias, da relación con Risco, da fuxida dun Ourense provinciano, da volta, dos amigos e dos que non o foron tanto.
E chegou a noitiña. E recalamos na Burga de Arriba. E deixamos descansar os corpos nas caldas! Sabios aqueles romanos!
